Post on 16-Mar-2016
description
DISCURSO DE PECHE
1º DE MAIO
COMPOSTELA
“Aforcádeos, desta maneira salvaredes á nosa sociedade”. Así
imploraba o fiscal, que esixía do tribunal a condena a morte dos oito
obreiros encausados en Chicago como responsábeis da convocatoria
dunha das máis importantes folgas da historia. O Capital, a través dos
seus maxistrados non dubidou: todos os obreiros procesados foron
asasinados. Por iso estamos aquí, nun primeiro de maio, gardando a
memoria dos “mártires de Chicago”. Defendendo a vixencia da loita
de oito obreiros cuxo principal “delito” foi mobilizar á clase
traballadora estadounidense en defensa dunha xornada de oito
horas. Mais non só por iso.
Estamos aquí porque as nosas necesidades non teñen espazo neste
sistema. Porque estamos fartas e fartos dun sistema económico e
social construído contra nós. Porque non aceptamos os seus
embustes, os seus recortes, as súas mentiras, a súa ansia de lucro
constante. Porque non asumimos que nós, traballadoras e
traballadores, a única fonte real de riqueza deste País, teñamos que
seguir a soportar os piares dunha sociedade corrupta, machista,
racista, clasista e podre. Porque non imos quedarnos parasitando no
sofá mentres nos rouban a sanidade universal, mentres destrúen o
noso ensino público, mentres derruban todo o edificio de servizos
sociais que con loita conquistamos.
Pero ese estarmos fartas, ese noxo que sentimos por este presente
ao que nos condenan, esa ira de non chegar a fin de mes, de ver
emigrar ás nosas fillas e fillos. Ese desencanto todo ten que cristalizar
nunha mobilización colectiva e permanente para ser útil. Faremos o
que teñamos que facer, estaremos á altura dos tempos, non vos
preocupedes. Non lles temos medo. Son eles os que teñen que
empezar a preocuparse. Fronte ao seu soño, ao soño do Capital, de
someternos aínda que morramos esgazados nas fábricas como en
Bangladesh, está o noso soño de liberdade.
Temos que prepararnos. Pensar a clase obreira como unha realidade
ampla, en movemento. Poñérmonos na pel de cada oprimida, de
cada explotado. Ir sumando, unindo, xuntando esforzos. Aquí, nas
nosas marchas da dignidade, teñen que estar as empregadas do
fogar, os inmigrantes sometidos a acoso e violencia pola policía, as
obreiras que día a día fan o almorzo, e poñen a roupa a lavar, e fan o
xantar e mil outras tarefas non remuneradas, sometidas ao encerro
do seu fogar, invisibilizadas. Cómpre un primeiro de maio en cada
casa, compañeiras!
Aquí teñen que estar as milleiros de desempregadas, e todos eses
mozos que toman a maleta nunha sangría traumática chamada
emigración. Aquí teñen que estar as obreiras da limpeza dos hospitais
e os obreiros da cultura. As traballadoras do téxtil e os traballadores
da hostalería. Os obreiros discriminados por falar galego. As obreiras
que ven minguadas as súas posibilidades de vida por ter nacido nun
pobo colonizado.
Aquí as xubiladas, os mozos que fan medias xornadas e as que fan
xornadas de 16 horas. Iso é a verdadeira unidade da clase obreira, e
non darnos bicos e abrazos con sindicatos vendidos, amarelos,
entregados ao patrón, que van pacto tras pacto ata a nosa derrota
final. A nosa maneira de facer sindicalismo é outra. Somos
irreverentes, somos insubmisos, porque este sistema non nos serve.
Estamos aquí porque non imos aceptar as súas normas de xogo. Non
imos xogar máis tempo nun taboleiro trucado, no que o
empresariado, a banca e todo o grande Capital sempre gañan. Imos
comezar a poñer as nosas propias normas. Estamos aprendendo a
facer un novo sindicalismo ao servizo das nosas vidas. Das vidas de
toda a clase traballadora. Unha nova práctica sindical que arrample
nas cunetas da historia o sectarismo, a prepotencia, a chulería, a
entrega e a traizón, que se fundamente na solidariedade e o apoio
mutuo da nosa clase. Un novo sindicalismo ao servizo das nosas
ideas, ao servizo da nosa liberdade. Ao servizo dun futuro digno,
igualitario e xusto para toda a clase traballadora.
Estamos aquí facendo a tarefa máis necesaria: reforzando o
sindicalismo de base. Creando poder popular, dende abaixo,
asembleariamente, de maneira combativa, sen entregarnos. Con
paciencia e persistencia. Na defensa das nosas vidas, seguimos na
loita. Porque a loita é o único camiño.
Viva o primeiro de maio! Viva a clase obreira galega! Viva Galiza ceibe
e socialista!