A lingua no 1º terzo do s.xx

5
Lingua e Literatura Galega 4ºeso A LINGUA NO 1º TERZO DO S. XX Se o século XIX supuxo un momento fundamental para a lingua, ao se recuperar a nivel escrito despois da longa decadencia dos Séculos Escuros (séculos XVI-XVIII), o século XX vai significar outro avance cualitativo importante, consistente en proxectar o galego a outros campos (ensaio político e científico, xornalismo, actos públicos...) dos que ata entón estivera excluído. Reivindícase así o galego como medio de expresión natural en todas as facetas da vida. Este avance vén marcado pola aparición de importantes movementos de carácter nacionalista que continúan o labor iniciado no século anterior polos movementos provincialista e rexionalista. A vinculación da loita a favor da lingua co movemento nacionalista é tan clara que precisamente este naceu co nome de Irmandades da Fala (fundadas na Coruña en 1916) e dotouse dun medio de expresión exclusivamente en galego, a xa histórica publicación A nosa terra. Mais se as Irmandades naceron co obxectivo de defender a dignificación e a ampliación de usos da lingua, dous anos máis tarde, en 1918, e xa formando parte delas figuras tan destacadas como os irmáns Vilar Ponte, Castelao, Risco, Losada Diéguez ou Cabanillas, formulan un plano xeral de actuación política tendente a lograr o autogoberno pleno para Galicia e a súa federación co resto das nacións que compoñen a Península Ibérica. Ao lado desta proposta, formulada polo sector "político", vai cobrando forza o sector "culturalista", que pretende a potenciación e defensa da cultura galega e renuncia desde un comezo á loita política. No ano 1920, comeza a publicación da revista Nós, voceiro da xeración cultural do mesmo nome á que se vinculan, entre outros, Risco, Cuevillas, Castelao e Otero Pedraio. O seu programa consiste en sacar a cultura galega do folclorismo e do influxo da cultura castelá, tentando por un lado, modernizala, tirándolle o exceso de localismo, ruralismo e costumismo que ata entón a caracterizaba e, por outro lado, universalizala, ao poñela en contacto directo coas ideas e os movementos culturais vixentes en Europa. Para tal fin, os homes da revista Nós acollen nas súas páxinas traducións, informacións ou noticias do que se fai noutras literaturas ao tempo que se preocupan por todos os aspectos da cultura galega. Con eles, o galego logra a súa madureza literaria e é empregado en obras de carácter científico de todo tipo (historia, etnografía, arqueoloxía, filosofía, socioloxía...). Como herdeiros e fillos ideolóxicos da xeración Nós, un grupo de estudantes universitarios entre os que figuran Carvalho Calero, Filgueira Valverde e Bouza Brey funda en 1923 o Seminario de Estudos Galegos, coa finalidade de dotar a Galiza dunha institución que fixese posible o estudo de todos os seus aspectos. Con eles, potenciarase e ampliarase o uso do galego na prosa científica e técnica e desenvolverase unha actividade investigadora e divulgadora en diferentes campos. Chegada a República, en 1931, todo o galeguismo vai confluír no Partido Galeguista, que tiña como obxectivo a consecución da autonomía política para Galicia, centrando os seus esforzos na redacción dun estatuto de autonomía que será aprobado polas Cortes españolas en 1936. Neste estatuto establécese, no artigo 40, a cooficialidade de galego e castelán. O golpe de Estado franquista impide a súa entrada en vigor. A preocupación fundamental dos intelectuais galeguistas do primeiro terzo do século é dignificar a lingua, rescatándoa dos estereotipos de ruralidade e incultura cos que viña asociado. De aí que realicen un labor intenso no estudo do idioma e na

Transcript of A lingua no 1º terzo do s.xx

Page 1: A lingua no 1º terzo do s.xx

Lingua e Literatura Galega 4ºeso

A LINGUA NO 1º TERZO DO S. XX

Se o século XIX supuxo un momento fundamental para a lingua, ao se recuperar a nivel escrito despois da longa decadencia dos Séculos Escuros (séculos XVI-XVIII), o século XX vai significar outro avance cualitativo importante, consistente en proxectar o galego a outros campos (ensaio político e científico, xornalismo, actos públicos...) dos que ata entón estivera excluído. Reivindícase así o galego como medio de expresión natural en todas as facetas da vida. Este avance vén marcado pola aparición de importantes movementos de carácter nacionalista que continúan o labor iniciado no século anterior polos movementos provincialista e rexionalista.

A vinculación da loita a favor da lingua co movemento nacionalista é tan clara que precisamente este naceu co nome de Irmandades da Fala (fundadas na Coruña en 1916) e dotouse dun medio de expresión exclusivamente en galego, a xa histórica publicación A nosa terra. Mais se as Irmandades naceron co obxectivo de defender a dignificación e a ampliación de usos da lingua, dous anos máis tarde, en 1918, e xa formando parte delas figuras tan destacadas como os irmáns Vilar Ponte, Castelao, Risco, Losada Diéguez ou Cabanillas, formulan un plano xeral de actuación política tendente a lograr o autogoberno pleno para Galicia e a súa federación co resto das nacións que compoñen a Península Ibérica. Ao lado desta proposta, formulada polo sector "político", vai cobrando forza o sector "culturalista", que pretende a potenciación e defensa da cultura galega e renuncia desde un comezo á loita política.

No ano 1920, comeza a publicación da revista Nós, voceiro da xeración cultural do mesmo nome á que se vinculan, entre outros, Risco, Cuevillas, Castelao e Otero Pedraio. O seu programa consiste en sacar a cultura galega do folclorismo e do influxo da cultura castelá, tentando por un lado, modernizala, tirándolle o exceso de localismo, ruralismo e costumismo que ata entón a caracterizaba e, por outro lado, universalizala, ao poñela en contacto directo coas ideas e os movementos culturais vixentes en Europa. Para tal fin, os homes da revista Nós acollen nas súas páxinas traducións, informacións ou noticias do que se fai noutras literaturas ao tempo que se preocupan por todos os aspectos da cultura galega. Con eles, o galego logra a súa madureza literaria e é empregado en obras de carácter científico de todo tipo (historia, etnografía, arqueoloxía, filosofía, socioloxía...).

Como herdeiros e fillos ideolóxicos da xeración Nós, un grupo de estudantes universitarios entre os que figuran Carvalho Calero, Filgueira Valverde e Bouza Brey funda en 1923 o Seminario de Estudos Galegos, coa finalidade de dotar a Galiza dunha institución que fixese posible o estudo de todos os seus aspectos. Con eles, potenciarase e ampliarase o uso do galego na prosa científica e técnica e desenvolverase unha actividade investigadora e divulgadora en diferentes campos.

Chegada a República, en 1931, todo o galeguismo vai confluír no Partido Galeguista, que tiña como obxectivo a consecución da autonomía política para Galicia, centrando os seus esforzos na redacción dun estatuto de autonomía que será aprobado polas Cortes españolas en 1936. Neste estatuto establécese, no artigo 40, a cooficialidade de galego e castelán. O golpe de Estado franquista impide a súa entrada en vigor.

A preocupación fundamental dos intelectuais galeguistas do primeiro terzo do século é dignificar a lingua, rescatándoa dos estereotipos de ruralidade e incultura cos que viña asociado. De aí que realicen un labor intenso no estudo do idioma e na

Page 2: A lingua no 1º terzo do s.xx

ampliación dos seus ámbitos de uso, outorgándolle un prestixio que lle negaba a vida oficial e administrativa, totalmente castelanizada. Combaten así tamén os argumentos demagóxicos dos detractores do galego que afirmaban que o seu uso só servía para illarnos e incomunicarnos da cultura universal. A tese destes autores é precisamente a contraria: só desde a identificación coa lingua e cultura propias se pode acceder a outras linguas e culturas.

Os escritores deste período caracterízanse por intentar superar o dialectalismo ou interdialectalismo do período anterior, en favor dun intento de supradialectalismo que constituirá o xerme dunha posterior normativa unificadora. A tarefa principal é a purificación da lingua de castelanismos. Este labor, acometido sen unha seria base lingüística por parte dos escritores, levará á adopción de formas pseudoevolucionadas ou simplemente inventadas por un afán diferencialista do castelán. Rexéitanse formas cultas coincidentes co castelán, empregándose no seu lugar outras hipergaleguizadas ou vulgares (así, por exemplo, palabras como brillar, organizar, ambiente, concepción, pobre, ou esperanza aparecen con frecuencia como brilar, orgaizar, ambente, conceución, probe e espranza). Moitos destes erros perdurarán ata os nosos días.

Por outra parte, a toma de contacto co galego medieval a raíz das edicións das cantigas e outros documentos, unida a un desexo de depuración da lingua e á necesidade de cubrir os baleiros léxicos levan a certos escritores a retomar formas arcaicas e xa desaparecidas na lingua, moitas veces coa mesma intención diferencialista (e encontrámonos así con formas como outo, conquerir, coor, cibdade ou parescer en lugar das correctas alto, conseguir, cor, cidade, parecer). Configúrase así un galego en parte afastado da fala real, arbitrario e en certa medida de laboratorio que continuará vixente nos anos de posguerra.

No que respecta á cuestión ortográfica, o castelán continúa a ser a referencia fundamental. Persiste unha grande inseguridade gráfica, fundamentalmente naqueles fenómenos exclusivos do galego para os que o castelán non aporta solucións. En materia de acentuación non hai uniformidade en ningún autor, continúan as vacilacións no emprego do h, no de b e v ou no de i e y (encontrámonos con beira e veira, Hespaña e España, hai e hay). Tampouco se resolve a cuestión da representación do fonema / /. Aínda que a maioría dos autores opta polo uso de x, algúns tan importantes como López Cuevillas ou Vicente Viqueira son constantes no uso etimolóxico de g, j, x (geral, hoje, deixar). No que si houbo un acordo bastante xeneralizado foi na práctica dunha escritura foneticista herdeira da do século XIX na reprodución de fenómenos de fonética sintáctica propios da fala que dá pé a unha gran profusión de apóstrofos e guións de enlace (s´asconden, sobr´esto, quen-o, non-o).

Durante estes anos materialízanse os primeiros intentos de camiñar cara á consecución dunha lingua estándar, entre os que destacan o Compendio de Gramática Galega promovido polas Irmandades da Fala, do que é autor Carré Alvarellos e, sobre todo, o traballo titulado Algunhas normas pra a unificazón do idioma galego do Seminario de Estudos Galegos que, pensado en principio para uso exclusivamente interno, tivo unha gran difusión, sendo adoptado na súa totalidade polo boletín A Nosa Terra, daquela órgano de expresión do Partido Galeguista.

Page 3: A lingua no 1º terzo do s.xx

DIALECTALISMO

Uso literario de formas dialectais correspon-

dentes á zona propia de cada escritor

INTERDIALECTALISMO

Uso literario de formas dialectais proceden- tes de diferentes áreas lingüísticas mestura-

das, sen ningún criterio filolóxico

SUPRADIALECTALISMO

Procura dun modelo de lingua unificado,va- léndose das formas existentes na fala galega,

Escollidos con criterios científicos

Page 4: A lingua no 1º terzo do s.xx

Texto 1. Acto de constitución da Real Academia Galega (1906) No acto de constitución oficial da Real Academia Galega fíxose un uso peculiar das linguas galega e

castelán: o galego foi utilizado nos poemas que se leron do decurso da cerimonia inaugural, pero os discursos oficiais foron pronunciados en castelán. Este paradoxo manifesta moi claramente a situación sociolingüística da época, na que o emprego do galego na poesía era aceptado con normalidade, pero os actos formais de tipo institucional permanecían reservados ao castelán; incluso se eran, como é este caso, de marcado carácter galeguista.

Porque el idioma de cada pueblo es el característico más puro y más poderoso de la nacionalidad. Gentes que hablan la lengua que no le es propia es un pueblo que no se pertenece... (Manuel Murguía, Discurso do presidente)

Já chegarán os días, Veu a maturidade, Q´os bardos anunciarán; Vosa miés verdecente; D´as gándras largazías, Gallegos, despertáde, As brétomas escuras s´alongaran Baruda e forte gente,... (Eduardo Pondal)

Texto 2. Tres poemas de R. Cabanillas.

Acción Galega

¡Irmáns! ¡Irmáns gallegos!

¡Dende Ortegal ó Miño

a folla do fouciño

fagamos ebrillar!

Que vexa a Vila podre,

coveira da canalla,

á Aldea que traballa

disposta para loitar.

Antes de ser escravos,

¡irmáns, irmáns gallegos!

que corra o sangue a regos

dende a montana ó mar.

¡Ergámonos sin medo!

¡Que o lume da toxeira

envolva na fogueira

o pazo siñorial!

Xa o fato de caciques,

Iadróns e herexes, fuxe

ó redentor empuxe

da alma rexional.

Antes de ser escravos,

¡irmáns, irmáns gallegos!

que corra a sangre a regos

dende a montana ó val.

A Porteiro Garea

¡Irmáns! En pé, sereos,

a limpa frente erguida,

envoltos na brancura

da luz que cai de riba,

o corazón aberto

a toda verba amiga,

e nunha man a fouce

e noutra man a oliva,

arredor da bandeira azul e branca,

arredor da bandeira de Galicia,

cantémo-lo dereito

a libre nova vida!

Validos de treidores

a noite da Frouseira

á patria escravizaron

uns reises de Castela.

Comestas polo tempo,

xa afloxan as cadeas…

¡irmáns asoballados

de xentes estranxeiras,

ergámo-la bandeira azul e branca!

¡E ó pé da enseña da nazón galega

cantémo-lo dereito

a libertar a Terra!

¡Irmáns no amor á Suevia

de lexendaria historia,

¡en pé! ¡en pé dispostos

a non morrer sin loita!

¡O día do Medulio

con sangue quente e roxa

mercámo-lo dereito

a libre, honrada chouza!

¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!

¡A oliva nunha man, a fouce noutra,

berremos alto e forte:

“¡A nosa terra é nosa!”

A rosa que sangra

A ALMA é unha roseira

frorecida, cuaxada

de rosiñas bermellas

e de rosiñas brancas.

Alegrías e penas

son o vento que pasa;

ás veces trebonada.

Unha bágoa que surde,

unha rosa que estala...

son rosiñas que caien

da roseira da alma!

Miña nai que me arrola,

un amor que me chama,

a estreliña da groria

no sendeiro da espranza...

Cando a vida comenza,

¡cántas rosiñas brancas!

Un filliño que morre,

un amor que se apaga,

a ilusión que se afoga

no remuílo das ágoas...

¡Cántas rosas bermellas

ao mediar a xornada!

Xa son vello, e o vento,

vento de trebonada,

desfolloume a roseira,

a roseira da alma.

Pero esta dór da Terra

ferida e escravizada...

¡qué rosiña bermella!

¡Cómo doi! ¡Cómo sangra!

SELECCIÓN DE TEXTOS

Page 5: A lingua no 1º terzo do s.xx

Texto 3. Fragmentos dun artigo de Antón Vilar Ponte (1917)

Texto 4. Vicente Risco, "Nós, os inadaptados" (1933) Ja dixen como pelengriñamos polas cosmogonías, polas metafísecas e polas estéticas. Pois ben, coma aquil

inglés de Chesterton que despoixas de moitas viages polo mundo, atopou unha terra descoñecida que resultou ser a fin de contas Gran Bretaña, igual nos pasou a nós. Despois de tantas voltas e revoltas, despois de tantas viravoltas e trasvoltas polas lonjanías do espazo e do tempo, en precura de algo inédito que nos salvara do habitual e vulgar, viñemos dar na solprendente descoberta de que Galiza, a nosa Terra, oculta ao noso ollar por un espeso estrato de cultura allea, falsa e ruín, vulgar e filistea, ofercíanos un mundo tan esteso, tan novo, tan inédito, tan descoñecido, como os que andábamos a precurar por aí adiante.

Pra salvármonos do vulgar, pra redimírmonos do habitual, non cumpría ollar ao longe; cumpría ollar ben perto, arredor de nós, en nós mesmos, adentro de nós mesmos. Á beira nosa, constituíndo o meio natural no que cecais non se movera o noso entendemento,mais no que de seguro movíase o noso esprito, ise siñal da man de Deus nas almas escolleitas, estaba, donándolle vida e seiva, a nosa Terra desfigurada e descolecida. Adentro de nós, constituíndo o máis fondo do noso ser, estaba a ialma de Galiza.