Arte Prehistórica - epapontevedra.com de Tarde/Arte... · por 5-8 pezas verticais cubertas por...
Transcript of Arte Prehistórica - epapontevedra.com de Tarde/Arte... · por 5-8 pezas verticais cubertas por...
1
Arte Prehistórica
O Paleolítico
Ata hai poucos anos, os arqueólogos pensaban que en Galicia non se producira arte paleolítica, ou
que tiña desaparecido completamente. Sen embargo, os gravados e pinturas descubertos nas
escavacións da Cova Eirós, no concello lucense de Triacastela (anos 2011-12), cambiaron a
percepción e teñen un interese científico excepcional por ser as primeiras mostras de arte
rupestre do Paleolítico no noroeste ibérico ( datadas por C14 c. 12.000 a. C.)
O Megalitismo (Neolítico)
A historia da arquitectura galega comeza hai máis de 5.000 anos, no momento no que aparecen
en Galicia os construtores de monumentos megalíticos. O megalitismo (do grego mega=grande e
litos=pedra) é un fenómeno cultural que se estende pola fachada atlántica de Europa no período
do Neolítico final, unha moda arquitectónica que espallouse rapidamente a partir de dous núcleos
de difusión situados na Bretaña francesa e no sur de Galicia e norte de Portugal, ambos con
cronoloxías moi similares, en torno ao 3500 a.c. para os exemplos máis antigos. A cultura
megalítica caracterízase pola existencia de construcións a base de grandes pedras, na crenza de
que a solidez dunha edificación estriba na robustez dos materiais. Dos tres grandes tipos de
construcións megalíticas que poden atoparse no arco atlántico europeo (dolmens, menhires e
aliñamentos) son sen dúbida os dolmens ou mámoas os máis abundantes en Galicia.
1-DOLMENES (en Galicia mámoas ou antas) Dombate, Axeitos... etc.
2-MENHIRES (en Galicia chámaselles pedras fitas ou lapas ) Lapa de Gargantáns
3-ALIÑAMENTOS (Carnac)
2
4-CROMLECH (aliñamentos circulares) Stonehenge (en Galicia algún moi estragado na zona de
Ortigueira y As Pontes)
Dolmen de Axeitos (Porto do Son) Menhir ou lapa de Gargantáns (Moraña)
1- Mámoas: Son construcións funerarias de carácter colectivo compostas dunha cámara formada
por 5-8 pezas verticais cubertas por unha lousa de gran tamaño e, ocasionalmente, por un
corredor de entrada composto por pezas máis pequenas. Esta cámara ou anta cóbrese ó exterior
cun túmulo de terra (de 15 a 25 mts. de diámetro por 2 ou 3 de altura) recuberto por unha coiraza
de lousas de pedra. Poucos destes túmulos e coirazas chegaron ós nosos días debido á erosión, ás
labores agrícolas e á acción secular dos buscadores de tesouros que a tradición popular asociou
sempre con estes lugares de enterramento. A imaxe que hoxe temos das mámoas cas súas
cámaras pétreas (antas) ó descuberto é froito dos avatares a historia e das escavacións
arqueolóxicas e non se corresponde co seu aspecto orixinal.
No interior, a cámara (denominada en Galicia anta ou arca) aparecía decorada con pinturas
(meandros, dentes de serra) e gravados, aínda que na maioría dos casos desapareceron. Os
dolmens adoitan aparecer en terreos de montaña media, en zonas de pastoreo, frecuentemente
aliñados seguindo antiquísimos camiños e probablemente servindo de marco que delimita o
territorio de cada clan. A existencia de tales construcións é proba dunha sociedade excedentaria e
cunha preocupación importante polo máis alá. O feito de que se trate de tumbas colectivas
asemella desbota-la existencia dunha xerarquización social estrita e fai pensar nunha sociedade
organizada en pequenos grupos familiares que practicarían un culto ós antepasados considerados
como mediadores entre os vivos e as potencias da natureza. A construción de mámoas finaliza
cara o 2000 a.c. aínda que seguíronse utilizando ata principios da Idade do Bronce.
2-Menhires (lapas): Pedras fincadas verticalmente no chan. A súa finalidade é discutida aínda que
se acostuma a consideralas testemuñas dun culto solar.
3
3-Aliñamentos: Son conxuntos de menhires agrupados formando ringleiras, descoñécese o seu
significado (Carnac e New Grange).
4-Cromlech: Son círculos líticos de controvertida interpretación, son moito máis escasos que as
mámoas (en Galicia só un caso, hoxe desaparecido, preto de Ortigueira, A Coruña), e de cronoloxía
máis tardía (Stonehenge ca. 1700 a.c.). A súa finalidade é discutida aínda que asemellan ter
funcións astronómicas ou de culto astral. No mencionado caso inglés, un dobre círculo de
menhires alintelados cun altar central, a entrada ao santuario está orientada de tal maneira que
no amencer do día do solsticio de verán (21-22 de xuño) os raios do sol iluminan exactamente a
ara central. Deste feito deduciuse a existencia dun culto solar supondo a existencia dunha casta
sacerdotal posuidora de importantes coñecementos astronómicos e matemáticos, ó menos de
natureza empírica.
Mámoa sen escavar Cromlech de Stonehenge
Idade do Bronce
A presenza desta cultura megalítica en Galicia con trazos moi similares aos do resto da fachada
atlántica europea proba que desde tempos moi antigos o Finisterre galego estivo integrado nunha
comunidade cultural máis ampla e mantivo relacións marítimas coas Illas Británicas e coas rexións
costeiras francesas. Estas relacións continuaron durante a Idade do Bronce, aínda que desta etapa
non coñecemos construcións, tan só achados illados de armas e ferramentas metálicas (machados,
espadas etc.) e pezas de orfebrería de gran calidade (Tesouro de Caldas foto).
4
A Idade do Bronce pertencen tamén os petróglifos, insculturas ou gravados rupestres que
aparecen espallados por toda Galicia aínda que con unha maior concentración nas Rías Baixas
(Campo Lameiro, Marín, Vigo...). Neles represéntanse algúns animais (cervos) e armas (espadas)
así como barcos, labirintos (Mogor) e outros signos de difícil interpretación que para algúns teñen
un significado astronómico.
Petroglifos de Mogor (Marín)
A Cultura Castrexa
Desde finais da Idade do Bronce, durante toda a Idade do Ferro e con certa continuidade na
época romana, desenvolveuse no noroeste da Península Ibérica unha importante cultura coñecida
co nome de castrexa ou dos castros. Son estes uns recintos fortificados (máis de 4000 coñecidos)
situados en promontorios costeiros ou interiores, sempre en lugares fáciles de defender e
provistos de murallas, fosos e/ou terrapléns. As casas destes poboados son de variadas formas e
dimensións pero predominan claramente as vivendas circulares de pequeno tamaño (3-5 mts.) e
5
en xeral todo tipo de formas curvas (as vivendas con esquinas escuadradas considéranse
posteriores, e de influxo romano). As cubertas serían cónicas a base dun enramado de xestas
recuberto de colmo (palla de centeo), un sistema aínda en uso nas pallozas dos Ancares.
Castro de Santa Trega (A Guarda): cabana reconstruída e vista xeral
A área de influencia da cultura castrexa desborda os límites estritos da Galicia administrativa
actual estendéndose por Asturias, León e Zamora, aproximadamente na mesma medida en que o
fai nos nosos días o idioma galego. Sobre os pobos que habitaron estes asentamentos existen
numerosas opinións, os historiadores do século pasado considerábanos de raza celta pero, na
actualidade, os estudos paleontolóxicos demostraron a escasa importancia do elemento céltico na
composición da etnia galega. Por outra banda, o substrato céltico é tamén pouco importante
lingüisticamente e ata na cultura material, polo que hai que supoñer que o elemento celta non
puido ser moi importante. A poboación estaría constituída por elementos indíxenas
maioritariamente, cos que se mesturarían aportes procedentes de centroeuropa, coñecedores da
cultura céltica pero non necesariamente celtas. Estes recentemente chegados, polo seu
coñecemento do ferro, convertéronse probablemente nunha aristocracia militar.
Coa chegada dos romanos abandónanse algúns castros (hai indicios de destrucións e incendios)
pero logo se reocupan sobrevivindo nalgúns casos ata tempos medievais. A economía destes
pobos era fundamentalmente agrícola e pastoril, sendo máis importante o marisqueo e a pesca
nos castros costeiros. Coñecían a metalurxia do bronce e do ferro así como unha orfebrería moi
desenvolvida (Diadema de Ribadeo, Torques de Burela ...) e hai indicios claros da existencia de
rutas comerciais de gran amplitude.
Na arte, destaca a importancia da orfebrería, de antiga tradición na Idade do Bronce. As técnicas
son moi variadas (incisión, repuxado, granulado, trenzados, filigrana...) alcanzándose un
sorprendente desenvolvemento que contrasta coa tosquedade da escultura (cabezas, guerreiros,
verracos etc.). Polo que respecta á arquitectura, ademais das vivendas e as obras defensivas dos
poboados, xa comentadas, destacan as pedras formosas, pezas arquitectónicas moi decoradas
6
que ao parecer serviron de frontis nuns enigmáticos edificios sobre cuxa utilidade non poñer de
acordo os arqueólogos aínda que predomina entre estes a idea de que se trata de pequenas
termas o que demostraría un influxo romano.
Torques de Burela (Lugo) Arracadas de Bedoia (Ferrol)
Guerreiro e cabeza de Armeá (Museo de Ourense)
Idade Antiga: A Presenza Romana
A cultura castrexa presenta unha evidente orixinalidade e un grado de desenvolvemento
comparable ao de moitas rexións de Europa. Non sabemos como podería evolucionar unha cultura
ágrafa como a castrexa si non entrase en contacto coa cultura romana pero non hai que deixarse
enganar polos testemuños dos historiadores romanos (Estrabón, Plinio etc.) que nos presentan
aos habitantes dos castros como bárbaros de estraños costumes, ateos e semisalvaxes.
7
En todo caso, non ten sentido facer historia-ficción. Para ben ou para mal a cultura galega é
directa herdeira da romana e non da celta como pretendían os historiadores románticos. Os
romanos déronnos o nome, a lingua e os costumes, e de Roma chegounos tamén a relixión cristiá.
Galicia non sería hoxe o que é si a romanización non se producira. A presenza romana en Galicia
non obedeceu nun principio a un plan calculado de colonización pero pronto se deu conta Roma
da riqueza da zona en materias primas (ouro, prata e estaño fundamentalmente) e do interese
que, desde un punto de vista económico, tiña a incorporación de Galicia ao Imperio. Non parece,
fronte ao que pretende a lenda, que a conquista fora especialmente violenta. Houbo sen dúbida
episodios de resistencia, algúns con trazos heroicos como o famoso de Monte Medulio, pero na
maioría dos casos Roma pactou cos pobos indíxenas (consérvanse varios foedus ou pactos escritos
en láminas de bronce), respectando as súas institucións e modo de vida a cambio de asegurarse a
explotación económica do territorio. A asimilación por parte da cultura castrexa do modo de vida
romano e a latinización viñeron despois, de forma progresiva e voluntaria.
Xa que o interese de Roma era fundamentalmente económico non pode estrañar que a maior
parte das obras arquitectónicas romanas en Galicia sexan obras de infraestrutura de
comunicacións (pontes, vías, faros ...) e construcións militares levantadas para garantir o control
da zona (campamentos, murallas etc.). Os romanos son un pobo pragmático, máis preocupados
pola utilidade que pola estética e a súa principal achega céntrase na difusión de técnicas
construtivas de gran transcendencia posterior (muros de perpiaño, arcos e bóvedas ...) que ata
entón eran descoñecidas en Galicia.
Murallas de Lugo Ponte no río Bibei (Pobra de Trives)
No eido das artes decorativas temos algunhas esculturas tanto indíxenas (estelas de Vigo e Lugo)
como de importación (grupo de Mourazos, Mercurios de Taboexa e As Neves...), et amén algún
mosaicos atopados nas escavacións de Lugo. A mellor peza, apesares do seu deterioro, e o Grupo
de Mourazos do Museo de Ourense, peza excepcional dentro da plástica romana de Galicia, tanto
polo material como pola súa formulación clasicista de inspiración culta que deriva de modelos
helenísticos e praxitélicos.
8
O grupo fórmano dúas figuras núas, masculinas, á maior delas fáltalle a cabeza e o brazo dereito
dende pouco máis abaixo do ombro. O grupo interprétase como Dionysos ebrio asistido polo
sátiro Ampelos - a vide-, tema mitolóxico que deriva de modelos helenísticos e do que existen
numerosos paralelos.
A figura de Dionysos describe no seu contorno unha lixeira "S" que lembra, en liñas xerais, a
actitude do Apollo Lykeios de Praxiteles, o seu indolente abandono, suave ritmo de liñas, cheas de
sensualidade, lixeiro esbozamento dos pectorais e pequeno avultamento como expresión do
órgano sexual. O peso do seu corpo descansa sobre a perna esquerda, mentres a dereita aparece
levemente flexionada, acusando na súa cadeira unha acentuada curvatura. O brazo esquerdo
disponse, case que sen forzas, no ombro de Ampelos, quen ó tempo que ergue a súa cabeza
vixiante, cingue co seu brazo dereito a figura de Baco, apoiando a man sobre as súas costas,
tratando de soster o equilibrio da deidade abafada polos vapores da bebida.
Grupo de Mourazos Estela do Museo de Vigo
A obra, polo ambiente húmido no que permaneceu soterrada, (atopouse no castro da Muradella,
cerca de Mourazos, Verín) chegou ata nós extremadamente erosionada, o que non permite
apreciar os detalles do seu tratamento, senón só os volumes e as formas xerais da mesma. A pesar
desto, constitúe unha peza excepcional dentro da plástica romana de Galicia, tanto polo seu
material -son moi poucos os exemplares de mármore chegados ata nós - coma pola súa
formulación clasicista de inspiración culta.
9
García Bellido sostén que se trata dunha "interpretación" sobre un modelo de bronce, pola
presenza do tronco da árbore, o que condiciona a posición do sátiro. Suxire tamén a inspiración
nun relevo ou pintura polo modo en que está resolta a parte traseira do grupo escultórico. Estas
peculiaridades levan a Balil a expor que estamos ante unha obra non de arte culto, senón dunha
realización artística provincial hispánica, considerándoa unha peza importada que proviría dun
posible centro de produción aquitano ou itálico, chegada a Galicia no marco do amplo intercambio
comercial do momento, pois nada nos permite individualizar como produción "galega" esta peza.
Mercurio de Taboexa (As Neves). Museo de Pontevedra Crismón de Quiroga (Museo de Lugo)
10
Idade Media
Cando caia o Imperio Romano e os invasores xermanos aséntense en Europa, Galicia atoparase
nunha situación de desenvolvemento artístico e cultural moi similar ao de moitas zonas do mundo
romano: inferior sen dúbida ao de Italia ou as provincias levantinas da Península, pero superior ao
de Irlanda ou ao da Bretaña francesa. Desta herdanza romana arrinca a arte medieval.
1- O Mundo Prerrománico
No estado actual de coñecementos, parece que o cristianismo introduciuse en Galicia no século
IV logo de Cristo, con todo os testemuños de arte paleocristián, en realidade arte romana tardío,
son moi escasos no noroeste peninsular: tan só algunhas pezas escultóricas (crismón de Quiroga,
sarcófagos de Temes e Vilanova de Lourenzá) e un único edificio, Santa Eulalia de Bóveda, de
controvertida cronoloxía e atribución.
Similar escaseza de testemuños atopamos no período da monarquía que os invasores suevos
estableceron en Galicia. Temos referencias documentais que proban a existencia dalgunhas
dioceses e de mosteiros e eremitorios rupestres pero o conservado redúcese a uns cantos capiteis
reutilizados en construcións posteriores (Capitel de Setecoros, Museo de Pontevedra) e á parte
máis antiga do mosteiro ourensán de San Pedro de Rocas. A partir destes poucos restos pódese
afirmar que a continuidade coa arte romana é total, limitándose os suevos a deixar desenvolver a
tradición artística da zona, que por outra banda se atopaba en fase de franco esgotamento.
Un cambio na situación producirase a finais do
século VI cando, trala conquista de Leovixildo, a
antiga Gallaecia romana, ata agora ocupada polos
suevos, se incorpora á órbita visigoda. Malia a súa
situación excéntrica con respecto ás capitais
visigodas (Mérida e despois Toledo) consérvanse
aquí algúns edificios notables desta época como S.
Fructuoso de Montelios (Braga, Portugal), as ruínas
de S. Xoán de Panxón (Nigrán, Pontevedra), a
igrexa de S. Pedro de Balsemao (Portugal) ou a de
Sta. Comba de Bande (Ourense) construída a
principios do S. VII e restaurada no 872, quizais por
artistas mozárabes.
O edificio, probablemente a igrexa dun antigo
mosteiro, presenta unha clara contradición entre a
coidada disposición da planta e a suave gradación
dos volumes en altura, coa pobreza da execución e a
sobriedade decorativa; asemella como se se
tratase do proxecto dun arquitecto de primeira
liña, executado por un mestre de obras e uns canteiros con escasa preparación e habilidade.
11
A planta orixinal era de cruz grega con cámaras laterais na cabeceira, -como en S. Pedro da
Nave- e coa capela central destacada. No exterior, falta hoxe a cámara lateral do transepto sur, en
tanto que a do norte tellouse enlazando coas augas do transepto co que se rompeu
completamente o xogo de volumes primitivo, ó que contribúe tamén a adición da espadana
para as campás no século XVIII.
O interior, a pesar da súa sinxeleza, resulta moi atractivo polo partido que o arquitecto soubo
sacar das alturas das naves, con xanelas a distintos niveis que proporcionan unha iluminación
matizada que enriquece o espazo Catro arcos de ferradura sosteñen un cimborrio cuberto cunha
bóveda de arestas, en tanto que as naves cóbrense con bóvedas de canón. Aínda que as bóvedas
de arestas son de tradición romana, sorprende a súa aparición nun edificio visigodo (é o único
caso coñecido) polo que se pensa que podería ser froito da restauración do S. IX . O mesmo
problema se propón coa decoración escultórica (sogueados nas impostas e capiteis das
columnas do arco triunfal) similar á dos edificios prerrománicos asturianos polo que
probablemente corresponda tamén á reconstrución do 872, testemuñada por unha inscrición.
A decoración concéntrase no “arco triunfal” que separa a capela principal do cruceiro. O arco é
de ferradura visigótica (intrados e extrados diverxentes) apeado sobre catro columnas pareadas
e de fuste liso; os capiteis son corintios, moi esquematizados agás un, moito mais clásico que
probablemente sexa reutilizado e proveña (xunto con fustes e bases) da próxima mansión romana
de Aquis Querquernis (Baños de Bande).
Ruínas de San Xoán de Panxón Interior de Santa Comba de Bande
12
A invasión islámica do ano 711 vai transformar completamente o panorama. Os árabes penetraron
en Galicia, saquearon Lugo e destruíron algunhas igrexas e mosteiros (Samos, por exemplo) pero
retiráronse rapidamente quedando o territorio convertido nunha especie de terra “de ninguén”,
coas cidades abandonadas e carente de institucións de goberno. Paralelamente, pequenos núcleos
de resistencia fixéronse fortes nas montañas do norte tanto en Asturias como en Navarra e pouco
máis tarde no resto dos territorios ao norte do Douro. No caso asturiano, os descendentes de Don
Pelaio (Covadonga 716) fundaron unha monarquía que, aínda que con altibaixos, conseguiu
aglutinar aos elementos refractarios á presenza musulmá. Pronto Galicia incorporouse á órbita do
reino astur recibindo un importante fluxo de emigrantes que fuxían das zonas do sur, ocupadas
polos árabes, para buscar refuxio nas áreas liberadas. Neste momento (principios do século IX)
prodúcese o descubrimento da tumba do apóstolo Santiago e comeza a desenvolverse o culto
xacobeo en Compostela. Sabemos que dous reis asturianos, Afonso II e Afonso III, construíron
igrexas sobre a tumba do apóstolo (atopáronse algúns restos nas escavacións) e emprenderon
unha ampla política de reconstrución de edificios abandonados (Santa Comba de Bande, San
Pedro de Rocas etc.). Pouco se conserva con todo desta etapa, tan só os restos mencionados e os
da igrexa ourensá de San Xés de Francelos, moi transformada por posteriores restauracións.
Xanela de San Xés de Francelos (Ribadavia)
13
Arte mozárabe e de repoboación
No século X, con Galicia xa definitivamente incorporada á monarquía asturiana, continúa a
política repoboadora e asir a un importante renacemento monástico, fundándose numerosos
cenobios e restaurándose outros que foran abandonados durante a invasión islámica. Destaca
neste momento a figura de San Rosendo, eclesiástico galego emparentado cos reis asturianos,
bispo de Compostela e Mondoñedo e abade de Celanova. Con el relaciónase a diminuta igrexa
mozárabe de San Miguel de Celanova, obra cume da arquitectura galega do século X. O termo
mozárabe, en sentido estrito, alude á arte realizada polos cristiáns en territorios controlados polo
Islam. Con todo, moitas das obras cualificadas de mozárabes leváronse a cabo en territorio cristián
recuperado aos árabes, coa intervención de artistas procedentes do sur. Por iso, hoxe prefírese
falar de arte de repoboación, aínda que sen desdeñar o compoñente mozárabe, é dicir, influído
polo Islam, na devandita arte. Estas influencias son evidentes no caso de Celanova onde os arcos
de ferradura con alfiz, as bóvedas nervadas e de cascarón gaionado e os modillóns de rolos que
decoran os canzorros do tellado, imitan claramente as solucións empregadas na mezquita de
Córdoba.
Igrexa de San Miguel de Celanova
14
A Galicia Románica
Fronte ao horizonte cultural fragmentado que caracteriza á época prerrománica, o Románico
aparece como o primeiro estilo internacional en Europa, unha única linguaxe artística, aínda con
diferenzas rexionais, falado ao unísono pola maior parte dos pobos latinos pouco logo de pasado o
ano 1000. O nacemento do románico coincide cunha época de expansión económica, urbana e
demográfica (as peregrinacións son unha das manifestacións deste fenómeno), un verdadeiro
renacemento urbano e comercial que pon as bases necesarias para un impresionante movemento
construtivo que levou a Europa a cubrirse dun «branco manto de igrexas». A aparición do estilo
románico coa recuperación da escultura e dos procedementos arquitectónicos romanos (perpiaño,
cubertas abovedadas, arcos de medio punto, ábsidas semicirculares...) non é un feito illado senón
unha manifestación máis dun amplo movemento cultural, o renacemento “do século XII”
chamóuselle, que traerá como consecuencia a aparición das linguas vernáculas e a literatura
romance.
Trala morte de Almanzor e a desaparición do perigo viquingo, Galicia vive unha etapa de
prosperidade e estabilidade na que o Camiño de Santiago únenos, como un cordón umbilical, co
resto de Europa. Por el transitan os peregrinos que viaxan a Compostela e con eles novas ideas,
mercadores e artistas que difunden pola Península as novidades románicas que enraizarán
profundamente na nosa terra. Si exceptuamos uns poucos edificios (S. Martín de Mondoñedo, S.
Antolín de Toques etc.), cuxa filiación e cronoloxía son dubidosas, todo o románico galego se
emparenta dunha ou outro xeito coa Catedral de Santiago, a gran obra do estilo en Galicia e
auténtico foco de difusión da nova arte no área galaica. Na basílica compostelán introdúcense moi
cedo (iniciouse en 1075) as novidades do románico pleno ou segundo románico. Construída como
igrexa de peregrinación empréganse, e desenvólvense, nela as solucións que os arquitectos
franceses experimentaban nese momento para conseguir un tipo arquitectónico que se adecuase,
funcional e simbolicamente, aos ritos propios das peregrinacións.
Sómente cinco grandes igrexas de peregrinación como a Catedral de Santiago levantáronse en
Europa e dúas delas desapareceron. Todos estes santuarios atópanse nalgunha das catro grandes
rutas que conflúen para formar o Camiño Francés que conduce a Compostela. Neles aparecen
unha serie de elementos -a xirola ou deambulatorio, un transepto de tres naves moi destacado e
tribunas ou triforios- destinados a facilitar o tránsito dos peregrinos e a visita ás reliquias, sen
interromper o culto nin ter que cruzar o coro. Ningún destes elementos inventouse en Santiago
pero non é esaxerado dicir que en Compostela logrouse a combinación máis acabada, modélica
pola harmonía das súas proporcións. En torno á fábrica da Catedral compostelán proliferaron os
talleres de canteiros, os mestres de obras e os escultores que difundiron o estilo, pronto moi
popular, polos lugares máis recónditos da xeografía galega. Con moi poucas excepcións, todo o
románico galego depende do foco de irradiación compostelán, relacionándose coas solucións
empregadas alí polo mestre Estevo ou, máis tarde e con maior difusión, coas utilizadas polo
mestre Mateo.
15
Catedral de Santiago
O actual edificio románico (séculos XI e XII) levántase sobre os restos de dúas antigas basílicas
prerrománicas dos séculos IX e X. Foi construído en catro etapas, nas primeiras, as influencias máis
evidentes son de tipo languedociano (piares compostos, arcos peraltados, bóvedas de canón con
faixóns....). Na última etapa predominan as influencias borgoñonas (tripla portada, arcos
apuntados, bóvedas de crucería... etc.
Cara 1200-1215 debeuse de concluí-lo edificio levantando a fachada occidental (de tipo
normando con dúas torres cadradas e rosetón central) e as escaleiras de acceso. Sen embargo as
obras non se detiveron. Reedificouse o claustro en dúas ocasións (s. XIII e XVI) e engadíronse
capelas de padroado privado ou gremial rompendo a primitiva harmonía do edificio. Por elo, no
século XVII decidiuse recupera-la unidade disfrazando a catedral con fachadas-telón barrocas
(praza da Quintana, Azabachería), rematando as obras no século XVIII coa construción da fachada
do Obradoiro (Casas Novoa).
Planta da Catedral (negro=Románico, verde=Gótico, vermello=Renacemento, amarelo=Barroco)
16
1- As Basílicas prerrománicas: O descubrimento da tumba do Apóstolo polo bispo Teodomiro nos
primeiros anos do século IX foille comunicado ó rei asturiano Afonso II quen ordenou construír
unha igrexa sobre o sepulcro que Teodomiro atopara. Dela a penas quedan restos, aínda que pola
cimentación que apareceu nas escavacións sábese que teña tres naves e unha cabeceira
rectangular que englobaba o primitivo sepulcro apostólico. Pronto esta igrexa quedárase pequena
polo que foi reconstruída durante o reinado de Afonso III, sendo consagrada polo bispo Sisnando
no ano 899. Desta segunda basílica, de tres naves como a anterior, quedan algúns restos que
permitiron reconstruí-la súa planta. Esta igrexa, destruída por Almanzor no 997, foi reconstruída
por S. Pedro de Mezonzo nos primeiros anos do s. XI e derrubada a finais do mesmo século para
construí-la Igrexa actual. Baixo a catedral hai pois un antigo sepulcro romano, unha necrópole
sueva e as basílicas afonsinas. O problema estriba, en que os restos máis antigos son, como moito,
de finais do século II co que queda un lapso de 150 anos coa época do hipotético enterramento do
Apóstolo.
Situación das basílicas prerrománicas Portada de Praterías
2- A Catedral románica: O edificio actual responde, como vimos, ós esquemas das Igrexas de
peregrinación (3 naves, a central dobre, triforios, e cabeceira con xirola e capelas radiais) con
paralelos en Francia (St. Sernin de Toulouse e Sta. Fe de Conques) As obras desenroláronse en
catro fases:
1ª Fase (1075-l088) Diego Peláez (bispo) /Bernardo o Vello (arquitecto) e Roberto (mestre de
obras): realízanse as tres capelas centrais e os tramos correspondentes da xirola (bóvedas de
aresta sen faixóns). A capela do Salvador ten planta semicircular con tramo recto e pequenos
17
absidiolos. Ó exterior a planta é rectangular e o muro organízase por medio de dous arcos en mitra
que flanquean a un lobulado. Hai tamén contrafortes para soste-lo empuxe das bóvedas. As
capelas de S. Xoán e S. Pedro, son semicirculares e abríanse á xirola por medio de grandes arcos.
2ª Fase (1093-1105) Diego Xelmirez (bispo) /Mestre Estevo (arquitecto): remátase a xirola
(capelas poligonais e bóvedas de aresta con faixóns) e constrúense os muros do cruceiro (os
altares foron consagrados en 1105). No muro oriental do cruceiro ábrense catro capelas (só queda
a de S. Nicolás, modificada para servir de paso á Corticela). Os tramos do cruceiro divididos por
piares serven de módulos para organiza-las alturas e a anchura do resto do edificio. Tódolos
cambios van unidos a unha nova concepción da iluminación las parte altas o que supón un
crecemento da catedral en altura. Grazas a esta racionalización das proporcións, a obra é
totalmente harmónica.
3ª Fase (1109-1122) Bernardo o Mozo: cubrición do cruceiro e primeiros tramos das naves.
Solucións de tipo languedociano, bóvedas de canón con faixóns, arcos de medio punto peraltados
e piares compostos. Continúase o proxecto anterior (as únicas diferenzas son decorativas), sobre
as naves laterais álzase o triforio, moi sobrio, que se abre á nave por medio de arcos de medio
punto xeminados. Cóbrese con bóveda de cuarto de canón que anula os empuxes da bóveda da
nave central; é unha solución moi complexa que permite que os muros poidan abrirse cunha
dobre serie de xanelas: as inferiores iluminan as naves laterais e a central, mentres que as
superiores ábrense á tribuna pero indirectamente iluminan tamén a nave..
4ª Fase (1168-88) Mestre Mateo (arquitecto): remata as naves e constrúe a cripta (mal chamada
“catedral vella”), o Pórtico da Gloria e a Tribuna sobre o Pórtico, obras nas que aparecen
solucións borgoñonas: bóvedas de crucería, arcos apuntados... que enlazan co gótico.
Nave central Xirola ou deambulatorio
18
Escultura
Existe un claro paralelismo entre as fases construtivas da catedral e a obra escultórica á que se lle
pode aplica-la mesma periodización. Cara 1100 proxectouse un programa iconográfico completo
para as tres portadas que representarían en conxunto toda a historia da Humanidade;
creación, pecado e promesa de redención. Sen embargo, o programa nunca chegou a
executarse completamente e ademais, a primitiva fachada do Paraíso (hoxe Azabachería), foi
destruída por un incendio en 1117. Algúns dos seus restos foron reutilizados na actual de
Praterías, cuxa disposición lembra bastante á orixinal do Paraiso.
Portada do Paraiso: (consérvanse algunhas pezas e a descrición do Calixtino que permitiron a
Moralejo unha reconstrución hipotética). Representábase nela o dualismo Pecado/Redención
(creación, pecado e expulsión, anunciación=redención). Traballan nela tres Mestres: do Año
(cordeiro) da Traizón e de Praterías) que logo veremos traballando na portada sur.
Portada de Praterías: A portada dedícase a Cristo na súa dobre natureza humana e divina.
No tímpano dereito represéntase a Epifanía e escenas da Paixón e o milagre da curación do cego;
no esquerdo as Tentacións e unha muller cunha caveira no regazo (Eva ou a “muller adúltera”)
representando o triunfo de Cristo sobre o pecado e a morte.
O Pórtico da Gloria
19
É sen dúbida a obra cumio da arte románica presentando unha perfecta síntese entre os
elementos arquitectónicos, que marcan a súa disposición en tres rúas continuando o esquema de
tres naves da catedral, e escultóricos xa que é un retablo pétreo que alcanza unha perfección ata
entón descoñecida. Poucas obras do arte medieval atraeron tanto a atención de eruditos e
curiosos como este pórtico compostelán, e non é para menos pois tanto no estilo como na
iconografía e na súa grandiosa concepción arquitectónica é obra cumio que supera ás súas
contemporáneas de calquera lugar de Europa.
Sabemos que comezou a construírse ó redor de 1168 e rematouse en 1188 segundo consta na
inscrición dos linteis na que se menciona a un magister Matheum que dirixiu as obras. É probable
sen embargo que Mateu non fose o escultor, senón o planificador do conxunto que inclúe a cripta,
o Pórtico e a tribuna formando un todo unitario. A concepción arquitectónica é de raíz borgoñona
aportando novidades, como as bóvedas nervadas, que se utilizan, quizais por primeira vez, na
península. Sen embargo, a escultura nada ten que ver con Borgoña agás a da cripta. Asemella por
tanto que houbo dous talleres distintos; o da cripta e o do pórtico, e dentro do Pórtico, varios
artífices distintos.
Toda a estrutura se concibe cun complexo simbolismo: a cripta -situada debaixo do Pórtico- é a
zona terrea na que o sol e lúa -esculpidos nas claves da bóveda- proporcionan a luz. O Pórtico
representa unha zona celestial, a Gloria, na que ten lugar o Xuízo Final e, por último, a tribuna
superior, iluminada por uns óculos, simboliza á Xerusalén Celeste na que “non fará falta nin sol nin
lúa porque o Año será a luz” (na clave da bóveda aparece efectivamente un año esculpido).
A iconografía da obra é moi complexa, se pode desentrañar o significado das partes pero non hai
acordo sobre a interpretación do conxunto aínda que asemella tratarse dunha visión sincrética
que sintetiza a visión A gloria segundo o Apocalipse de San Xoán, coa descrición que do Xuízo Final
dáno-lo evanxeo de San Mateo.
No centro do tímpano maior aparece Cristo coroado e ensinando as chagas, “así como lo viste
partir, así volverá”, É un Cristo intemporal, eterno: “o que foi, o que é e o que será”, que aparece
rodeado polo Tetramorfos (os catro evanxelistas cos seus respectivos símbolos) e por anxos que
levan incensarios. A ambos lados, un grupo de anxos cristóforos levan os atributos da Paixón (a
columna, a lanza, a coroa de espiñas etc.). Arriba, unha multitude de pequenas figuriñas que
representan ós 144.000 elixidos que contemplan a Gloria, e na arquivolta, os 24 anciáns do
Apocalipse, que afinan os seus instrumentos dispostos a poñe-la ambientación musical. No
parteluz, Santiago sobre unha columna que representa a “árbore de Iessé” e coroado por un
capitel cun representación da Trinidad (a xenealoxía humana e a divina de Cristo). No arco da
dereita, ten lugar un Xuízo Final bastante atípico (as figuras da clave son Deus e S. Miguel), á
dereita os condenados son torturados por grotescos demos mentres que na metade esquerda do
arco, as almas dos elixidos son arroupadas por anxos que as introducen A gloria. O arco da
esquerda, -sempre dende o punto de vista do espectador- foi obxecto de numerosas
interpretacións (Purgatorio, Limbo..) aínda que as últimas investigacións apunta a que se trate
dunha Anástasis, o descenso de Cristo ós infernos para liberar ós Xustos da Antiga Lei. A figura da
20
clave representaría o alma de Cristo, as figuras oprimidas por unha moldura a catividade da morte
e as figuriñas entre follaxes, as almas dos Xustos liberadas por Cristo.
As columnas que sosteñen o Pórtico, apóianse sobre un bestiario de animais monstruosos de
discutida interpretación, aínda que para a maioría dos historiadores simbolizan o paganismo,
sobre cuxos restos levántase a Igrexa cristiá. Nas columnas represéntanse os Apóstolos e os
Profetas; son os amigos de Cristo, os soportes, nunca mellor dito, da súa Igrexa. As figuras
relaciónanse entre elas, conversan, de modo que o espectador convértese nun intruso da sacra
conversa, estas relacións espaciais entre as figuras son un concepto novo que non volverá a
aparecer ata o barroco.
En canto ó estilo hai que diferencia-la escultura da cripta que responde ó chamado “barroco
borgoñón”, figuras con acentos pergaménicos, pregados minuciosos con movementos efectistas e
moi elaborados, da do Pórtico, na cal o concepto é distinto: son figuras-placa, con panos pesados e
ríxidos que lembran a modelos bizantinos (Nerezzi) chegados vía Inglaterra (Mestre da Morgan
Leaf), ou tomados de marfís macedónicos, moi populares.