in memoriam in memoriam · 2017-09-11 · a personalidade histórica de Castelao, Aproximación a...

30

Transcript of in memoriam in memoriam · 2017-09-11 · a personalidade histórica de Castelao, Aproximación a...

in m

emor

iam

in m

emor

iam

Xosé Lois Seoane Gómez

O PENSAMENTO VIVO DE CASTELAO

(PROBLEMÁTICA GALEGA, ESTRUTURA DO ESTADO ESPAÑOL, E MARCO DE RELACIÓNS GALIZA-ESTADO)

Deseño cuberta: Iria V. Seoane

Libro inscrito en el Registro General de la Propiedad Intelectual por Xosé Lois Seoane Gómez en A Coruña el 16/09/2015.

Nº de solicitud: C-340-2015.

Nº de asiento registral: 03/2015/1271

1ª Edición: Santiago de Compostela 2017

Edita: Meubook

ISBN: 978-84-9465-371-1

D.L.: C 295-2017

Dedicado a miña esposa, Charo, con todo o meu cariño

AGRADECIMENTO

A miña benquerida neta Iria V. Seoane pola súa elaboración das figuras: Perfil Epistemolóxico, Espiral de Evolución do Nacionalismo, a composición fotográfica da Bibliografía e o deseño da tapa.

E así mesmo, pola súa indispensábel axuda na solución dos problemas informáticos que me xurdiron e pola súa inestimábel participación na confección xeral da obra.

O Pensamento Vivo de Castelao 9

ACLARACIÓN Este achegamento aos ideais políticos e nacionalistas

de Castelao e a comparanza con algúns dos postulados do nacionalismo de hoxe en día, derívase en grande medida dunha charla que, con título parecido e análogos obxectivos, pronunciei no Ateneo de Madrid, o 15 de Novembro de 2010. Fun convidado pola Asociación de Mulleres Galegas no Exterior “Rosalía de Castro”, co gallo da Conmemoración do 125 Aniversario do nacemento de Alfonso (Daniel) Rodríguez Castelao, que tivo lugar o 29 de Xaneiro de 1886 na vila pontevedresa de Rianxo.

Pola miña banda, asociei esta Efeméride coa lembranza do falecemento de Castelao, ocorrido na capital bonaerense o 7 de Xaneiro de 1950. E fíxeno mantendo con el un a xeito de honrosa conversa “virtual” sobre a temática elixida, non de ti a ti, por suposto, senón de Mestre a caloiro. Charla desenfadada, con proximidade e empatía, doado co Mestre, mais conceptualmente ben rigorosa. Escoitarémolo desenvolver as súas análises políticas e sociais da colectividade galega e da (h)española de entón, con argumentos, inferencias e proposicións de elevado nivel. E mesmo discutiremos —non rifaremos— criticamente co noso Faro. E por qué non? Non ten ningunha opinión que agachar nin comentario inapropriado que riscar. Non é? E se calquera cousa xulgou que debería matizar ou corrixir, endurecer ou amolecer, de seguro que xa o fixo el por se mesmo entrementes lle quedou enerxía vital. Despois, a Historia obxectiva e as posteriores xeracións de nacionalistas galegos deron e están a dar día a día o seu nidio veredicto, asumindo as súas teses que sexan coherentes coas actuais. Que son moitas.

Xosé Lois Seoane Gómez

A Coruña, Xaneiro 2016

10 Xosé Lois Seoane Gómez

«O pobo fala unha língoa esgrevia e posue unha cultura en froracion permanente. Sinte a necesidade de leis propias para resolver os seus problemas xenuinos»

Castelao (SEG 57)

O Pensamento Vivo de Castelao 11

LIMIAR As primeiras veces que lin a Castelao experimentei un certo

desacougo, pois tiña a sensación de que algúns dos conceptos que empregaba eran por veces ambiguos, abaleantes, contraditorios mesmo. Axiña decateime do meu erro. Líao desde a miña terra e o meu tempo, o que non era correcto pois que ambos os dous mudaran a respecto dos seus. O tempo, tanto cronolóxico como político, sen dúbida, mais tamén a Terra. Mudou a base económica da sociedade (Estrutura), logo cambiaron hábitos, psicoloxía, etc. (Superestrutura). É por isto que o único achegamento válido a Castelao, para non terxiversarmos o seu Pensamento, e situármonos na súa terra e no seu tempo. Hei dicir que varios dos termos e xuízos motivo do meu desacougo eran habituais naquelas datas e algúns deles seguen a selo, mesmo nos medios nacionalistas.

Foi un home polifacético: médico, escritor, pintor, debuxante..., mais por cima de todo foi político. Para esta “conversa” elixín pois este tema que, pola natureza de totalización da realidade social, involucra pensamento e acción interdisciplinar. Isto obrigaranos a abordar temáticas da meirande trascendencia, como ser lingua, historia, socio-economía e algunha máis, que constitúen os alicerces do seu pensar e facer políticos, val dicir da súa praxe. Nestes campos, Castelao formula mesmo teorizacións sólidas e de futuro.

Variedade da obra de Castelao. Revisión bibliográfica

Por mais que un esculque no propio maxín non é doado dar con algunha idea novidosa sobre de Castelao, e pretendermos a orixinalidade xa é unha tarefa caseque inviábel. Hoxe dispomos dunha nutrida e valiosa literatura, moi arrequecida após da morte do ditador, que cubre a maioría das pólas do seu múltiple

12 Xosé Lois Seoane Gómez

quefacer. Abondan as obras colectivas, sendo máis escasas as individuais. A título orientativo, non exhaustivo, expoñemos unha pequena escolma bibliográfica sobre o seu labor, en especial aquel concernente á nosa temática nominal.

En primeiro lugar salientar, polo seu interese bibliográfico e contido ideolóxico, a colaboración dun dos máis destacados dirixentes do nacionalismo galego, Bautista Álvarez, na revista de teatro Primer Acto, cun valioso artigo sobre o pensamento e a personalidade histórica de Castelao, Aproximación a Castelao. Vén no número que a revista lle adicou co gallo da publicación da versión en español de “Os vellos non deben de namorarse”, saída da pluma do noso poeta popular Manuel María (AAC). Reseñamos logo a coñecida biografía do rianxeiro da man do xurista Vicente Paz (PCL). Recolle as numerosas facetas da súa actividade, con abondosa recompilación de textos, a maioría inéditos segundo el mesmo substancia. E lembrarei agora un dos primeiros libros que lin de/sobre Castelao; unha oportuna e valiosa escolma bilingüe do seu pensamento debida ao xornalista Alberto Míguez (MPC).

En Xaneiro de 1975, a Academia galega destina o nº 357 do seu Boletín (BAG) a glosar a figura de Castelao, quen fora académico numerario da mesma. O Sumario consta de varios artigos sobre o seu teatro, debuxos, algunhas vivencias persoais e da emigración. Para Valentín Fernández (FMC), “é pola grandía conceición do problema político galego que Castelao adequire a dimensión sobrehumana”. Álvaro Gil, traballador na Misión Biolóxica, achéganos agradábeis tertúlias en Pontevedra, con Gallástegui, Castelao, Bóveda, V. Casas etc. (GCL). Con agarimo saudoso, o político e historiador coruñés Emilio González relembra o trato persoal co rianxeiro (Valecia 1937-New York 1945) (GCA). Sinalarmos aquí o papel determinante xogado polo coruñés para que Castelao puidese presentar o Estatuto de Autonomía nas Cortes de Monserrat 1938 (SEG 144,148). E non debe ficar fóra desta escolma o ensaio do maxistrado ourensán

O Pensamento Vivo de Castelao 13

Martínez-Risco sobre o ideario social do médico, que abrangue “ruralismo, defensa do idioma e ataque das pragas económicas e sociais de Galicia” (MIS).

O nº 58 de “Los Suplementos de Cuadernos para el Diálogo” vén consagrado a Castelao. Trae varios ensaios breves con reproducións gráficas. Empeza cunha boa Cronoloxía e remata con seis textos orixinais. O ensaio político escríbeo o avogado Alfonso Álvarez quen, segundo el mesmo di, impúxose a obriga de desmitificalo. “Hai un oco, unha omisión sistemática, na exposición do seu pensamento, orixinado pola ausencia da clase traballadora industrial (...), do proletariado” (AIC).

A Universidade de Santiago publicou en 1976 “Homenaxe a Castelao” (UHC), con artigos sobre debuxos e obras de ficción. Pola singularidade do seu ensaio citarei o do prestixiado médico santiagués Ramón Baltar, “Castelao Médico”, no que describe a vida santiaguesa e profesional dun Universitario (BCM). Seica era un estudante medio, máis adicado á Tuna e á esmorga do que á Anatomía, aínda que licenciouse en Compostela e fixo o doutoramento na Central. Di Baltar que, como queira que for, a súa formación abriulle os horizontes do seu pensamento. Deste libro-homenaxe cumpro en salientar tamén o ensaio de calidade de Martínez-Risco sobre a sabenza que tiña o médico acerca do dereito galego, asunto que comentamos no texto (MCD).

O libro “Castelao, contra a manipulación” reúne seis ensaios para saír ao paso do abuso de toda caste que fan os seus inimigos da personalidade e obra de Castelao (CCM). En “Castelao, no seu tempo” o teólogo e historiador Francisco Carballo, após dunha breve e aproveitábel cronoloxía, deunos unha lograda radiografía da sociedade galega na altura na que actuou o noso excepcional caricaturista (CCT). O profesor Francisco Rodríguez escribe o ensaio “Castelao, Símbolo e Guieiro do Nacionalismo”, “co fin de clarificar os seus postulados inequivocamente nacionalistas frente ás manobras asentadas na manipulación” (RSN). A tal fin,

14 Xosé Lois Seoane Gómez

examina as ideas que ten o noso político sobre varias categorías nacionalistas (nación, lingua...), o que lle permite identificalo ideoloxicamente como un nacionalista e internacionalista progresista e innovador, lonxe de elucubracións abstractas. En “Para ler o ‘Sempre en Galiza”, o historiador Eduardo Gutiérrez, quere sinxelamente “suliñar para hoxe (...) o que determinadas condutas amnésicas intentan esquencer” (GSG). O autor asocia a pouca incidencia do nacionalismo onte e hoxe coa atonía, fatalismo e escepticismo dos galegos.

A Nosa Terra (ANT) imprentou tres números especiais acerca de Castelao. En 1983, co gallo do 33 aniversario do seu pasamento, ANT reeditou un número especial que saíra do prelo o 25 de Xullo de 1950 en Arxentina, con gran aparato gráfico, como os outros dous que logo lle seguiron, onde reproduce en facsímile múltiples traballos arredor da súa doenza, falecemento e enterro. Engloba cartas, poesías, estudos e anacos dalgunhas das súas obras, etc.

Para o segundo, ANT-5-6 (1986), no que irmana Castelao e Bóveda, reúne un conxunto de escritores bos coñecedores do actuar de ambos os dous políticos nacionalistas. O pintor Isaac Díaz teima na faciana política teórica e práctica de Castelao, por riba das outras actividades (DCP). Tese desenvolvida cun ricaz feixe de argumentos, que non agocha o aguillón contra aqueles “galeguistas do interior” que só salientaban as súas dotes de debuxante. Vivencia saudosa da súa estada en Arxentina e Uruguay é a que nos entrega o seu amigo Lois Tobío en “Con Castelao no Plata” (TCP 33). Lembra aquí a opinión que tiña Castelao da vida en New York, “atópome coma nuha gaiola de ferro”.

Este extenso ANT-5-6 contén o artigo “Un Patriota Esclarecido” de Francisco Rodríguez, no que sintetiza os fitos sobranceiros do ideario e a actividade de Castelao (RPE). As súas reflexións son precisas e rebaten moitas das falacias reducionistas e outras inxurias vertidas sobre a ideoloxía e obra do Prócer galego. Por

O Pensamento Vivo de Castelao 15

exemplo, a acusación de racista. Seguindo co ensaio político é oportuno mencionar “O Campesiño Galego en Castelao” da lingüista e profesora Pilar Vázquez (VCG), e máis “O pensamento Político de Castelao”, do historiador Xavier Castro (CPP). Para remate, unha síntese cronolóxica do percorrido vital de Castelao a cargo do etnólogo galeguista Antonio Fraguas (FCC).

O extra ANT-12 de 1990 leva o título “Castelao, as cartas de América”. Abre cun coidadoso e extenso ensaio político asinado polo historiador Xusto Beramendi, quen parte da premisa de que “Castelao xamais foi un auténtico ideólogo (...) malia escrever un libro tan influente como Sempre en Galiza”. (En Castelao), “a práxis prevaleceu sempre á teoria (...) non quer dicer ausencia de ideoloxía, mais si flexibilidade e sincretismo ideolóxico... ao servicio da consecución de resultados políticos concretos...” (BEE ). Periodiza a súa andaina activista en tres etapas, ocupándose da 1930-1950. “É agora cando podemos falar con total propiedade dunha ideoloxía política de Castelao...”.

Gran parte do extra ANT-12 reúne unha manchea de cartas de Castelao a varios correspondentes galegos, republicanos e nacionalistas do Estado español, cubrindo o quinquenio 1943-1948. Nunha curta presentación, F. Carballo ofreceunos o miolo deste epistolario (CND). As cartas son un complemento bibliográfico imprescindíbel para mellor interpretar o razoar e o proceder do noso político. Neste carteo atopamos, 1) Descrición ordenada e pormenorizada dos avatares sobresaíntes da política galega no exterior e proxectos para o interior. 2) Inquedanzas de moi diversa orixe. 3) Novas teorizacións, principios ideolóxicos e políticos de novo cuño ou de sempre, só que máis evolucionados. Hai cartas aos galeguistas, a José A. Aguirre, Manuel Irujo, Manuel Portela, Diego Martínez e Alfredo Somoza.

En Novembro de 1999, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG) e a Universidade d’A Coruña (UDA) organizaron un Simposio sobre Castelao, co fin de “mellor contribuír

16 Xosé Lois Seoane Gómez

ao coñecemento do autor e máis á difusión da súa obra e pensamento” (CXX). A tal empeño, contaron coa contribución de prestixiosos/as especialistas e estruturouse en tres seccións: 1º día, Castelao e a literatura; 2º, Castelao e a súa dimensión histórica, social e po lítica; 3º, Castelao e a arte.

A 2ª Sección inclúe dúas Conferencias Plenarias. “O antiimperialismo, eixo vertebrador do pensamento de Castelao” de Francisco Rodríguez (RAC). Enceta coa análise dos elementos constituvos do Nacionalismo, para demorarse logo no tema central, que Castelao visualiza como “o dereito de todos os pobos a se relacionaren en pé de igualdade, a existiren con dignidade e a se autogovernaren”. Ensaio clarificador para os estudosos da obra do Médico. A outra Conferencia é de Xusto Beramendi, “As Ideas Políticas de Castelao”, que remite a outros traballos de seu, xa mencionados (BIP). Apunta, con tino, como ideas políticas centrais: “a liberación nacional de Galiza, a emancipación social e a democracia”, e identifica tres compoñentes da súas conviccións políticas (1916-1930): 435 “Nacionalismo, Neotradicionalismo e Populismo tendencialmente de esquerda”.

O Deputado e Senador vasco Iñaki Anasagasti escribiu o relatorio “Castelao e Euskadi”, utilizando como material de investigación o Arquivo vasco do exilio, A Nosa Terra de Buenos Aires e a correspondencia Castelao-Aguirre-Irujo (ACE). Con esta documentación e a súa experiencia foi quen de reconstruír o tortuoso proceso temporal das relacións políticas Galiza-Euskadi no exilio, incluíndo a controvertida Galeuzka (anos 40’s). Por veces, aboian nesta correspondencia comentarios amargurados, críticos, duros, mais sempre coas arestas achaiadas polo trasfondo de amizade e o degoiro común pola liberación nacional.

Carlos F. Velasco expuxo a comunicación “Castelao no contexto histórico e político da II Repúbica”, no que apunta como

O Pensamento Vivo de Castelao 17

vai perdendo os vellos resaibos ideolóxicos para adquirir os novos republicanos (VCR). Non deixa pasar a ocasión sen destacar as decepcións do Partido Galeguista (PG) coa Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e as pésimas relacións de Castelao co xefe deste partido e Ministro, o coruñés Casares Quiroga. Vén ao caso este parágrafo de Castelao pronunciado nas Cortes (DCC6):

“Por último, tengo que decir que al cabo de dos años de mando directo o indirecto del Sr. Casares Quiroga en Galicia, nuestra decepción es absoluta”.

O relatorio do filólogo Manuel Rei sobre as “Claves para a comprensión do ‘Sempre en Galiza”, necesarias, segundo di, dado o “alarmantemente minoritario que sigue a ser o coñecemento da obra principal de Castelao” (RSG). Traballo a salientar tanto polas críticas racionalizadas que fai dos terxiversadores ao uso do pensamento do autor de Retrincos, como polo encadre preciso que deseña da estrutura da obra. O Profesor Rei é autor doutros estudos relacionados con Castelao, que se recollen na Sección bibliográfica.

A Ponencia “Castelao no exilio, 1939-1950” presentada polo historiador B. Alonso, contén algunhas das liñas mestras do percorrido político-temporal do deputado, desde New York até Arxentina. Sinala os encontros e desecontros políticos naquela xeira, críticas recibidas dos seus correlixionarios e amigos pola súa proximidade ao comunismo, seica, e retruques de Castelao aos republicanos, divisionistas, non-comprometidos e moitos nugallás da Galiza interior (ANE).

O libro da profesora Mª Pilar García “Arredor de Castelao” (GAC), ven conformado por un feixe de traballos variados, escritos ao redor do ano 2000. Malia o que poida parecer é unha obra cohesionada, tanto pola unicidade das actividades do Prócer, como pola pericia da autora. Instrutivo para quen

18 Xosé Lois Seoane Gómez

queira dispor sexa dunha panorámica integrada, sexa dalgunha parcela temática desagregada: escrita, lingua, teatro, feminismo ou ideario.

A lectura dalgúns dos textos estranxeiros de máis sona que historian a II República Española é decepcionante, ao comprobarmos que os escasos datos que aportan do proceso autonomista galego carecen de valor histórico e todo o personalizan en Casares e na ORGA, (Tamames, Brenan, Ramos, Thomas, Jackson, Tuñón, Alba, Broué et Témime, Bruguera). Non achei en ningún deles a máis livián mención a Castelao nin ao PG. Con algunha excepción, os poucos problemas da Galiza dos anos 30›s que citan de pasada son os minifundios, foros e pouco máis. Eis varios exemplos.

Manuel Tuñón, historiador: “la ORGA reunió a los republícanos de Casares y a los nacionalistas de Villar Ponte” (TES 320). Víctor Alba, periodista coetáneo. AHR: foros (15); [En Galicia…] “se habla un portugués adulterado” (21). Hugh Thomas, historiador. TGC: [Os galeguistas son…] “regionalistas”; “Partido separatista de Galicia” (5), ou “nacionalistas de Casares” (33), dependendo da páxina. “En Galicia había gran número de pequeños propietarios que cultivaban parcelas poco fecundas” (36). Comentario sobre a escasa resistencia contra os rebeldes, “agás algunha n’A Coruña e Vigo”, e a dos campesiños (119, 131). E pouco máis, se algo queda.

Ramón Tamames, economista. Un parágrafo sobre Casares, a ORGA e a “aprobación del Estatuto regional para Galicia votado en la región favorablemente en 1932 (sic.) (TRF 23-24). A susodita mención ao minifundio e á redención de foros (Ibid. 63). Antonio Ramos, periodista coetáneo, utiliza “argumentos” pouco serios, como se dialecto, folclorismo, danzas peculiares..., foran as razóns dos galegos para xustificaren un Estado ou fundaren institucións políticas particulares (RHE, T.I. 602-603). Nesto faille compaña a Luís Jiménez (JCD). Noutra páxina solta

O Pensamento Vivo de Castelao 19

este clixé que cheira unha miga a trivialidade e mofa: “por todo fruto, el intento de los románticos galleguistas (Brañas, Pondal, Murguía) por despertar entre sus conterráneos el sentimiento de la nacionalidad y crear un movimiento regionalista, hubo en Galicia una reducida y <simpática> agitación cultural, bullente en algún periódico de modesta tirada y en las ‘Irmandades da Fala.” (Ibid. 589).

Recentemente (Maio 2015) saíu do prelo un libro de valor indubidábel do historiador Uxío-Breogán Dieguez intitulado “Nacionalismo galego de aquén e alén mar” (DNG), que non se reduce nin temporal nin argumentalmente á política de Castelao. O autor desenvolve nun magnifico e ben cumprido traballo monográfico a historia do nacionalismo galego, no interior e no exilio-emigración, entre dúas datas sinaladas do noso devir: 1936 que contén os fitos cruciais: aprobación do plebiscito do Estatuto Galego, 28 de Xuño; inicio da Guerra Civil, 18 de Xullo) e 1975 (morte natural do ditador Franco, 20 de Novembro).

E xa para findar esta breve escolma bibliográfica, voume referir a un feliz e inesperado achado. Aludo a Ana Isabel Carballal González, Profesora da Universidade de Nebraska-Omaha (USA), que xa produciu unha ricaz bibliografía acerca de Castelao, comezando pola súa Tese de Doutoramento (PhD, 2004), que figura no texto e na bibliografía (CGE).

Contido do Traballo. Obxectivos. Metodoloxía

A revisión da literatura sobre o noso autor permitiunos detectar algunhas áreas dentro do seu desempeño que, para min, son dabondo significativas como para xustificaren un estudo adicional. Sen xerarquizalas temos, por exemplo, a reiterada, grave e virulenta acusación de racismo, que luxa todo o nacionalismo; a crítica que se lle fai por non valerse do marxismo, sen esquecer os ismos filosóficos e/ou desvíos

20 Xosé Lois Seoane Gómez

conceptuais do que é acusado arreo polos seus detractores. Curiosamente, como debuxante seica non ten tantos opoñentes. Pensarán: deixemos vivir o pintor en estado quiescente, mais esmaguemos irreversibelmente ao político”. Dicía de Castelao un periodista franquista “...del grupo galleguista separatista de España. Autor de un álbum de dibujos de la guerra, rezumante de odio y pasión, aunque técnica y artísticamente interesantes” (GCE). Xa se ve deica onde chega o caletre dalgúns. Pois a obra de Castelao garda unha unicidade tal, que para el os debuxos son un xeito de facer política por outros medios, por canto que, para si, o contido dos debuxos e as ideas políticas e sociais son unha e a mesma ferramenta de acusación, denuncia e transformación.

A raíz desta revisión decidimos centrar este traballo no Pensamento Politico de Castelao, enfocado cara a análise da Problemática Galega, Estrutura do Estado Español e Marco de Relacións Galiza-Estado, nas décadas 30’s e 40’s do pasado século. Dilucidarmos estes problemas, ou sexa, “achegármonos máis a como os percibe Castelao e, en caso dado, sistematizarmos ás solucións que el postula. Velaí o obxectivo primario deste traballo. Subsecuntemente, intentamos determinar “onde situarmos o Corpus das súas Teses políticas na traxectoria que debuxa a evolución histórica do Nacionalismo, en relación á posición do Nacionalismo popular operativo arestora na nosa Terra. Noutras palabras, tentaremos responder á pregunta ¿É-che Castelao, como quer máis dun, un político obsoleto, moble vello, xa amortizado, válido só para arrombalo definitivamente e lembralo só nas efemérides? Eis un segundo obxectivo complementario que nos marcamos ao poñernos a escribir este libro.

Nestas áreas Castelao tece os seus mellores ensaios e deita o seu ideario político, que resulta ser da meirande resonancia e interese para os galegos de entón e de hoxe. Para a súa análise,

O Pensamento Vivo de Castelao 21

revisaremos ao primeiro, criticamente, as definicións conceptuais das diversas categorías históricas e realidades políticas, que constitúen os fundamentos da temática elixida (Capítulo 1). Detéctase algún abaneo ideolóxico que se examinará polo miúdo, pois que cumpre aplicarmos a cada concepto a terminoloxía que o identifica univocamente, evitando así as enleadas que algúns maldicentes puideran aproveitar para desacreditaren a súa ideoloxía e o nacionalismo en xeral.

Abordaremos logo o relatorio e avaliación que fai Castelao das condicións social, económica, cultural e política nas que se atopaba Galiza e cales pensaba el que deberían ser desde o seu posicionamento nacionalista. Aproveitamos para patentizar o espírito científico do Mestre, exteriorizado pola súa teima en xustificar argumentadamente a necesidade da investigación experimental e o desenvolvemento (I+D), indispensábeis para a transformación industrial e progreso de Galiza. Deterémonos no envelenado conflito político e económico que abrangueu a instalación do Ferrocarril Madrid-Zamora-A Coruña e Vigo, latexante aínda a día de hoxe (Capítulos 2 e 3).

O Capítulo 4 trata do Nacionalismo en tanto que teoría política e social e máis como opción doutrinaria persoal, o que nos tres casos é dinámico. A engadir unha cativa discusión a cerca do Historicismo, do que é acusado decote o noso compatriota, disque por fundamentar nel o seu discurso nacionalista. Seguimos logo coa estrutura do Estado Español e o ideal Federalista de Castelao para o EE e máis para Europa, dando pé a falarmos de federalismo, separatismo, independencia, confederación e autonomía. Veremos as saídas que suxire para solventaren os múltiples problemas que vai localizando (Capítulos 5 e 6).

Seguindo avante, deterémonos no seu ideario político e filosófico, o que nos conducirá a discutirmos conceptos fundamentais —esquerdismo, marxismo, antagonismos, contradicións, dialéctica, dualidade polar,...—, así como a

22 Xosé Lois Seoane Gómez

elaborarmos o perfil epistemolóxico do seu pensamento político como unha totalidade, que esmiuzaremos para discutilo devagar.

De camiño, analizamos e ponderamos os ismos que aboian, de cando en vez, no seu mecanismo cognoscitivo, contextualizándoos axeitadamente. Demorarémonos con máis lecer na análise do racismo xenófobo e, por ende, aportaremos argumentos para rebater a acusación inxuriosa coa que máis dun busca enzoufar a ideoloxía castelaiana e, simultaneamente, a limpeza da ideoloxía e actividade do nacionalismo galego ao completo (Capítulos 7 e 8).

No penúltimo Capítulo expoñemos e discutimos brevemente tres dos seus fitos que eu xulgo sobrancean no seu desempeño teórico-práctico: o libro “Sempre en Galiza”, o “Consello de Galiza” e a “Nacionalidade Cívica”. E findamos o texto cun Capítulo no que avaliamos a vixencia e funcionalidade das súas concepcións e programas, cotexándoas coas do nacionalismo galego de arestora.

En cada Apartado expóñense os relatorios, puntos de vista, argumentos, teses, conclusións e propostas, etc., reprodución, na súa inmensa maioría, das palabras textuais de Castelao, tomadas directamente das súas obras. Os comentos, opinións e avaliacións, se tal os houber, provintes de autores galegos, ao igual que todas as citas xerais que se transcriben, levan a correspondente referencia. O autor deste texto participa, cando vén ao caso, con anexos, postas ao día, opinións, discusións, conclusións propias e notas a pé de páxina. Finalmente, engádense xuízos e apreciacións referenciados, quer das ideas quer da obra de Daniel, vertidos por autores estranxeiros.

Recordarei que na súa actividade política Castelao soia adoptar dúas actitudes límite, segundo lle conviñer tacticamente en función da conxuntura.

O Pensamento Vivo de Castelao 23

Maximalista. (Intransixente): Galiza Nación. Dereitos Nacionais. República Federal de Nacionalidades. Lingua.

Minimalista. (Conciliador): Aceptación dalgunhas demandas e obrigas republicanas durante a Guerra Civil e no exilio. Reclamación do Estatuto Rexional de Autonomía de Galiza.

O Pensamento Vivo de Castelao 25

1.1. QUE É UNHA NACIÓN? ATRIBUTOS

Non existen para Castelao os termos Rexión nin Minoría Nacional referidos a Galiza como Comunidade. José Ortega y Gasset preguntábase se había alguén que soubera o que é unha nación; el respondía “Nós cremos sabelo” (SEG 294-295). Para si, Galiza é sen dúbida unha Nación, como organización social dunha comunidade de seres humanos. Para probalo analiza varios tipos de argumentos (SEG 439-445).

I) Materialista. Histórico. Tomando a defi nición de Stalin, a Nación é ante todo unha determinada comunidade de homes, non de raza nin de tribo, tamén non é un conglomerado accidental e fuxidío, senón unha comunidade estábel (SMN). En orde a distinguirmos a comunidade nacional dunha estatal cumpre que teña un idioma de seu. Alén diso, a nación debe ter unha vida económica común, construíndose ao longo dunha convivencia e historia, o que non é posíbel sen un territorio único. E unha

26 Xosé Lois Seoane Gómez

comunidade así definida non sería nación senón tivera unha psicoloxía de seu (carácter nacional), reflectida na comunidade de cultura.

En síntese, para Stalin, a Nación é unha “comunidade humana estábel, historicamente formada e xurdida sobre a base da comunidade de idioma, de territorio, de vida económica e de psicoloxía, manifestada esta na unicidade de cultura”: home, terra, historia, lingua, economía, psicoloxía e cultura comúns (SEG 39-52; 294; 322, 445-447; CEG 38-40). Segundo o político soviético “só a presenza conxunta de todos os trazos distintivos forma a nación”.

Esta é a primeira e a más estruturada definición que aporta a filosofía da praxe ao concepto de nación. Marx e Engels non o abordan explicitamente, senón que fan diquisicións derredor. Engels achégase máis a esta categoría ao describir os seus antecedentes “...o home primitivo afaise a vivir en distintos climas, cría a linguaxe e forma fatos asentados para aproveitaren o esforzo común, que lles pemita realizar operacións máis e máis complexas (...) Após, co desenvolvemento das forzas produtivas, aparece a industria e máis o comercio, até chegaren á cultura e á ciencia. Neste proceso a tribo territorial con unidade lingüística convértese en nación, ...” (EDN 143). Preludia a definición máis concreta de Stalín.

II) Século XIX. Esencialista. (Ernest Renan e, na Galiza, Vicente Risco). Renan esquece todos os sinais que decote se consideran constitutivos da Nación e afirma: “Unha Nación é unha alma, un espírito”, concluíndo “Unha gran agregación de homes, san de espírito e cálida de corazón, crea unha conciencia moral que se chama Nación” (RN; SEG 441).

III) Biolóxica. Organicista. A nación como concepto inmutábel e ente orgánico. De acordo co teólogo e filósofo alemán Joahann Herder (século XVII) a Nación se identifica co “espírito do pobo” (Volksgeist). “É un organismo vivo e perdurábel, unha entidade

O Pensamento Vivo de Castelao 27

moral superior’, pois que todo o real e auténtico é orgánico, por enriba doutras sinais” (Wikipedia). Esta Escola ten adeptos entre nacionalistas contemporáneos.

IV) Outras Concepcións. Individuo. Revolución Francesa: Vontade dos individuos de constituírense en Comunidade Política. Alemaña: Para Johann Fichte (séculos XVIII-XIX), a “historia, tradicións, instinto e espírito do pobo constitúen unha Nación”, en tanto que para Georg W. F. Hegel (XVIII-XIX) é “lingua e acción”.

V) Posición de Castelao. Logo de examinar estas Teorías, Castelao, malia declararse non comunista, adopta á definición de Stalin (SEG 39):

“Non por sentirme inclinado á organización internacional que el dirixe (eu vivo en latitudes moi distantes do comunismo), senón..por ser máis obxectiva e realista”.

“porque o autor está libre de ofuscacións filosóficas e no problema das nacionalidades abraza con decisión o ideal patriótico da liberdade…e recoñece o dereito das nacionalidades dentro dunha unión de Estado”

Despois dun exame devagar (SEG 39 52; 294; 322, 445-447; CEG 38-40) demostra que Galiza ten estes atributos ao completo, logo é unha Nación, engadindo con xustificada fachenda

“Os galegos non discutimos o dereito de Galiza a ser unha nacionalidade, porque Galiza xa é unha nacionalidade” (SEG 290; RTN 30).

“(...) recoñecida en Berna polo IX Congreso das Minorías Nacionais Europeas, adscrito á Sociedade de Nacións… e tamén polea Terceira Internacional como nación asoballada... pero hai galegos antifascistas que aínda non o saben e hainos que non o queren saber” (SEG 39).

28 Xosé Lois Seoane Gómez

Na mesma liña exprésanse tratadistas actuais non marxistas. Os criterios que estabelece Stalin definen unha Nación que existe, é (empírica), mais non se desenvolve politicamente como tal. Tomando da Filosofía as ideas sobre das formas do ser (cousa), penso que, mutatis mutandis, poden extrapolarse á categoría histórica e social Nación (FDF; BFA; SEG 174). Falariamos logo dunha Nación en si, fechada (V. RPN). A Nación galega puido estar desactivada ou pasiva, mais era. O paso de nación en si a para si (aberta, que se manifesta) esixe a vontade de se alzar como Nación no concerto das nacións do mundo e funcionar politicamente de xeito soberano.

Dáse unha terceira forma de percepción cognitiva da cousa (nación): para nós, conceptualmente moi controvertida entre as diferentes escolas filosóficas (kantismo, agnosticismo, materialismo mecánico, etc.). Na filosofía marxista a cousa para nós é no que se transforma a cousa en si no proceso de cognición, cando o individuo identifica os seus predicados. (MSF; GEP). Logo, para nós ≡ en si, identidade lóxica que implica a desaparición —negación e superación— do en si. Ao coñecemento da nación para nós chégase por un proceso cognoscitivo histórico-social exóxeno.

Resulta evidente que non é doado establecermos en que intre histórico se orixinou a nación galega en si, obxectiva (natural, na terminoloxía de Castelao). Posibelmente foi a finais do reino suevo, que é cando comeza a formarse o idioma galego, se cadra no berce de linguas célticas, co que gardaría, ao menos, os trazos fonéticos de seu, segundo suxire Castelao (SEG 102, 288, 344, 445). Isto é de interese para aqueles que están inmersos nunha contradición ao propoñeren a orixe celta da nacionalidade galega, sendo como é a fala un atributo fundamental da mesma (MLL). A orixe celta non é claramente sostida por Castelao (SEG 66-69, 217).

O Pensamento Vivo de Castelao 29

En troques, podemos afirmar que a nación para nós (en parte obxectiva e en parte subxectiva, GEP), após un longo intervalo de indefinición, aparece cos precursores e cristaliza na época de Risco e especialmente con Castelao, quen cingue máis de preto os seus carácteres. E, ao meu entender, nestora estariamos na fase de constitución da nación para si (suxeitiva), que aínda non callou.

O para si implica que para pór en pé a nación, esta debe ser recoñecida e asumida como tal polo conxunto da nación ou polo menos por un sector ou clase social maioritarios. Por iso, a transición non é un proceso espontáneo senón que implica unha acción volitiva, que xurde cando o dito sector da poboación adquire carácter nacional e xoga un rol prepondarante na diferenciación e asunción da nacionalidade (Catalunya). É un trazo da nación ben siñificativo que, porén, Stalin non o tomou en conta, no entanto que Castelao non o ía esquecer (SEG 66-67). O povo galego (labrego) gardou unha vagarosa identidade coleitiva, distinguíndose sempre do castelán e axudado por factores sico-xeográficos resistiu, inclusive inconscentemente, a asimilación cultural e lingüística que se tencionaba levar a cabo en contra de si. Máis (SEG 67; V. 4.2.):

“...dende que se inventaron os Estados modernos, non somente creamos os atributos d-unha auténtica nacionalidade, senón que temos azos para orgaizarnos como Estado”.

Ás veces, hai certa vacilación organicista no pensamento de Castelao, cando relativiza a importancia da vontade (SEG 62).

“As nacións non se crean somentes pol-a vontade dos homes”.

“O embrullo ármase cando a nacionalidade —que é un ser natural—pasa do sentimento dos seu fillos á súa vontade política: é decir, cando a Nación quer constituir un Estado” (SEG 294).

in m

emor

iam

in m

emor

iam