Maquiavelo-t1
-
Upload
filosofia-ies-a-pinguela -
Category
Education
-
view
68 -
download
6
Transcript of Maquiavelo-t1
CIUG — G.T./ «Composición dun texto (de tipo filosófico)» curso 2008—2009
1
Textos propostos polo Grupo de Traballo para a preparación das PAAU
MAQUIAVELO –Texto1 N. MAQUIAVELO; carta dirixida a Francesco Vettori
...Estou na miña vila1; despois das miñas últimas desventuras non cheguei a estar, xuntándoos
todos, nin vinte día en Florencia... Érgome á mañanciña, co sol, e voume a un bosque de meu que
estou a talar, e alí boto dúas horas a revisar os traballos do día anterior e paso o tempo cos leñadores
que sempre teñen algunha disputa, entre eles ou cos seus veciños...
Deixo o bosque, voume cara a unha fonte e de alí a un dos lugares onde poño trampas ós paxaros.
Teño un libro debaixo do brazo; Dante ou Petrarca ou un destes poetas menores como Tíbulo,
Ovidio e outros tales. Leo sobre as súas paixóns amorosas; os seus amores lémbranme os meus e
recréome un anaco nestes pensamentos. Encamíñome logo pola estrada cara á hospedaxe; falo cos
que pasan, pregúntolle novas dos seus países; escoito cousas diversas e observo os homes: a
variedade dos seus gustos e as súas diversas fantasías. Chega nestas a hora de xantar; coa miña
xente como os alimentos que dan estas pobres terras e o meu cativo patrimonio. Despois de xantar
torno á hospedaxe, alí está o pousadeiro e, polo xeral, un carniceiro, un muiñeiro, dous panadeiros.
Envilézome con eles para o que queda de día xogando á cricca e a trich-trach2; no que nacen mil
liortas e infinitos insultos e palabras inxuriosas; e as máis das veces rifamos por un centavo e
séntesenos berrar mesmo dende San Casciano. Así, enzoufado nesta xentallada, limpo o cerebro de
balor e boto fóra esta malignidade da miña sorte, contento de ser arrastrado deste xeito só por
descubrir se sinto ou non vergoña.
Chegada a noite torno á casa e entro no meu escritorio e no seu limiar despóxome deste vestido de
diario, cheo de lama e roña, poño roupas rexias e cardinalicias e, apropiadamente revestido, entro
nas antigas cortes dos homes antigos onde, amablemente recibido por eles, nútrome de aquel
alimento que é só meu e para o cal nacín, onde non me avergonzo de falar con eles, preguntándolle
polas razóns das súas accións; e eles, pola súa humanidade, respóndenme; e durante catro horas de
tempo non sinto tedio ningún, esquezo todos os afáns, non temo a pobreza, non me espanta a morte:
todo eu transfírome neles. E pois di Dante que non hai ciencia se non retemos o que entendemos,
teño anotado todo canto aproveitaba da súa conversa e compuxen un opúsculo, De principatibus,
onde afondo canto eu podo nos pensamentos sobre este asunto, discutindo qué é un principado, de
que clases os hai, como se adquiren, por qué se perden...
N. MAQUIAVELO; fragmento da carta dirixida a Francesco Vettori, Embaixador
Magnifico de Florencia diante do Sumo Pontífice e benefactor de Maquiavelo en
Roma. Datada en Florencia o 10 de decembro de 1513. Tradución de Rafael
Martínez Castro (USC)
1 ‘Vila’ no senso de casa de campo. [Nota do traductor]
2 Cricca é un xogo de cartas popular na Italia do século XVI. A palabra “cricca” menciona unha combinación de tres
cartas iguais. Trich-trach: xógase con dous dados e trinta damas nun taboleiro dividido en dúas partes (o nome do xogo
parece aludir ó son das pezas ó bater co taboleiro). [Nota do traductor]