NOTA: agás os de aqueles - usc.es...Cambios na Mesa do Claustro: Como consecuencia da baixa de don...

21
SRAS. E SRES. MEMBROS DO CLAUSTRO UNIVERSITARIO Resumo da sesión ordinaria do día 18 de decembro de 2009 NOTA: recóllense con iniciais os nomes propios que non forman parte dos acordos ou informes agás os de aqueles membros do Claustro que solicitaron expresamente que aparecera o seu nome completo ORDE DO DÍA: 1. Aprobación, se procede, das actas das sesións anteriores 2. Informe do Reitor 3. Informe do Valedor da Comunidade Universitaria correspondente aos cursos 2006/2007, 2007/2008 4. Informe Económico 5. Ratificación da representación estudantil na Comisión de Redacción do Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Linguas. Elección de 9 representantes de estudantes do Claustro como membros de dita comisión. 6. Elección Presidente/a da Comisión Electoral Central 7. Rogos e preguntas Sendo as dez horas e corenta minutos de día dezaoito de decembro de dous mil nove, en segunda convocatoria, e baixo a presidencia do Sr. Reitor Magfo., reúnense no Salón de Actos da Facultade de Bioloxía o os membros do Claustro Universitario de Santiago de Compostela que se relacionan no listado anexo, para tratar os asuntos contidos na orde do día, enviada a todos os membros do Claustro segundo a convocatoria que tamén se anexa. Unha vez comprobado o quórum, o reitor abre a sesión e sinala que se desenvolverá segundo a convocatoria enviada aos membros do Claustro e os acordos da Mesa do Claustro que foran comunicados e outros dos que se dará conta. O reitor agradece a acollida da Facultade de Bioloxía. A secretaría xeral informa que se produciron diversas baixas e substitucións de membros do Claustro. O reitor dá a benvida aos novos membros e agradece o traballo aos que causaran baixa: D. José Alberto Díez de Castro foi dado de baixa como membro do Claustro Universitario da Universidade de Santiago de Compostela en representación do profesorado funcionario doutor ao estar en situación administrativa de servizos especiais ao ser nomeado secretario xeral de Universidades. Non hai substituto no seu sector. Don Manuel Jaime Barreiro Gil foi dado de baixa como membro do Claustro Universitario en representación do profesorado funcionario doutor ao estar en situación de excedencia ao ser nomeado director xerente da Fundación de los Ferrocarriles Españoles. Non hai substituto no seu sector. Cambios na Mesa do Claustro: Como consecuencia da baixa de don José Alberto Díez de Castro como membro do Claustro, deuse de alta como membro da Mesa, en representación do sector de profesorado funcionario doutor, a don Pedro García Herradón. Cambios nas Comisións do Claustro: Como consecuencia da baixa como membro do Claustro D. Manuel Jaime Barreiro Gil, o reitor deixou sen efectos a delegación da presidencia da Comisión Electoral Central. Ao mesmo tempo, o 17 de xullo de 2009, o reitor delegou dita presidencia da CEC no profesor don Joaquín Rodríguez-Toubes Muñiz . Ao cesar no cargo de vicerreitor de Cultura, o reitor deixou sen efecto a delegación da presidencia da Comisión de Actividades Culturais da USC no profesor don Elías J. Torres Feijó. Ao mesmo tempo, o reitor delegou a presidencia da Comisión de Actividades Culturais na vicerreitora de Cultura, dona Elvira Fidalgo Francisco. Como consecuencia do cese no cargo de vicerreitora de Profesorado e Organización Académica, o reitor deixou sen efecto a delegación da presidencia da Comisión de Organización Docente en Mª Dolores Domínguez Santos. Ao mesmo tempo, o reitor delegou a presidencia desta comisión no vicerreitor de Profesorado e Organización Académica, don Juan Viaño Rey.

Transcript of NOTA: agás os de aqueles - usc.es...Cambios na Mesa do Claustro: Como consecuencia da baixa de don...

SRAS. E SRES. MEMBROS DO CLAUSTRO UNIVERSITARIO

Resumo da sesión ordinaria do día 18 de decembro de 2009

NOTA: recóllense con iniciais os nomes propios que non forman parte dos acordos ou informes agás os de aqueles membros do Claustro que solicitaron expresamente que aparecera o seu nome completo

ORDE DO DÍA:

1. Aprobación, se procede, das actas das sesións anteriores 2. Informe do Reitor 3. Informe do Valedor da Comunidade Universitaria correspondente aos cursos 2006/2007, 2007/2008 4. Informe Económico 5. Ratificación da representación estudantil na Comisión de Redacción do Máster Universitario en Profesorado de Educación

Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Linguas. Elección de 9 representantes de estudantes do Claustro como membros de dita comisión.

6. Elección Presidente/a da Comisión Electoral Central 7. Rogos e preguntas

Sendo as dez horas e corenta minutos de día dezaoito de decembro de dous mil nove, en segunda convocatoria, e baixo a presidencia do Sr. Reitor Magfo., reúnense no Salón de Actos da Facultade de Bioloxía o os membros do Claustro Universitario de Santiago de Compostela que se relacionan no listado anexo, para tratar os asuntos contidos na orde do día, enviada a todos os membros do Claustro segundo a convocatoria que tamén se anexa. Unha vez comprobado o quórum, o reitor abre a sesión e sinala que se desenvolverá segundo a convocatoria enviada aos membros do Claustro e os acordos da Mesa do Claustro que foran comunicados e outros dos que se dará conta. O reitor agradece a acollida da Facultade de Bioloxía. A secretaría xeral informa que se produciron diversas baixas e substitucións de membros do Claustro. O reitor dá a benvida aos novos membros e agradece o traballo aos que causaran baixa: D. José Alberto Díez de Castro foi dado de baixa como membro do Claustro Universitario da Universidade de Santiago de Compostela en representación do profesorado funcionario doutor ao estar en situación administrativa de servizos especiais ao ser nomeado secretario xeral de Universidades. Non hai substituto no seu sector. Don Manuel Jaime Barreiro Gil foi dado de baixa como membro do Claustro Universitario en representación do profesorado funcionario doutor ao estar en situación de excedencia ao ser nomeado director xerente da Fundación de los Ferrocarriles Españoles. Non hai substituto no seu sector. Cambios na Mesa do Claustro: Como consecuencia da baixa de don José Alberto Díez de Castro como membro do Claustro, deuse de alta como membro da Mesa, en representación do sector de profesorado funcionario doutor, a don Pedro García Herradón. Cambios nas Comisións do Claustro: Como consecuencia da baixa como membro do Claustro D. Manuel Jaime Barreiro Gil, o reitor deixou sen efectos a delegación da presidencia da Comisión Electoral Central. Ao mesmo tempo, o 17 de xullo de 2009, o reitor delegou dita presidencia da CEC no profesor don Joaquín Rodríguez-Toubes Muñiz . Ao cesar no cargo de vicerreitor de Cultura, o reitor deixou sen efecto a delegación da presidencia da Comisión de Actividades Culturais da USC no profesor don Elías J. Torres Feijó. Ao mesmo tempo, o reitor delegou a presidencia da Comisión de Actividades Culturais na vicerreitora de Cultura, dona Elvira Fidalgo Francisco. Como consecuencia do cese no cargo de vicerreitora de Profesorado e Organización Académica, o reitor deixou sen efecto a delegación da presidencia da Comisión de Organización Docente en Mª Dolores Domínguez Santos. Ao mesmo tempo, o reitor delegou a presidencia desta comisión no vicerreitor de Profesorado e Organización Académica, don Juan Viaño Rey.

1. Aprobación, se procede, das actas das sesións anteriores A secretaria xeral recorda que se somete á aprobación a acta da sesión ordinaria do 4 de decembro de 2008. A proposta de acta estivo a disposición dos membros do Claustro accesible por medios electrónicos. A secretaria sinala que non se presentaron alegacións, polo que cómpre aprobala sen lectura previa. Sometida a proposta á aprobación do Claustro é probada por asentimento. Deseguido sométese á aprobación a acta da sesión extraordinaria dos días 1 e 2 de decembro de 2009. A proposta de acta estivo a disposición dos membros do Claustro accesible por medios electrónicos. A secretaria sinala que non se presentaron alegacións, polo que cómpre aprobala sen lectura previa. Sometida a proposta á aprobación do Claustro é probada por asentimento. 2. Informe do Reitor O presidente informa dos acordos da Mesa do Claustro en relación a este punto: a intervención do reitor limitarase a un tempo máximo de 20 minutos, aos que seguirá unha quenda de intervencións de 20 minutos, onde cada intervención estará limitada a dous minutos como máximo. Finalmente haberá un tempo de 20 minutos como máximo para que o reitor responda ás intervencións realizadas. De seguido o reitor dá lectura ao informe anual ao Claustro:

O Claustro ten entre as súas competencias “a deliberación sobre o informe anual do reitor” (art. 79 dos vixentes Estatutos). Cada ano a USC elabora e fai públicos numerosos documentos sobre as diferentes parcelas da súa actividade. A través de publicacións, informes e memorias diversas, tanto en papel como en formato electrónico, vénse achegando unha información moi extensa, veraz, actual e comparada, e non só á nosa comunidade universitaria senón ao conxunto da sociedade. Permítanme que omita aquí, pólo tanto, a inmensa maioría de dita información e que me centre no que en xeral creo que resulta máis relevante. Tamén é posible que algunhas cousas lles resulten menos transcendentes, pero ao cabo todo o que facemos é importante.

Debo comezar por pedir desculpas ao Claustro por non terse celebrado cando menos as dúas sesións ordinarias que establecen os nosos Estatutos como mínimo anual. O certo é que non foi por furtarlle a este Claustro ningún tema senón, ao contrario, por intentar incluír aqueles que fosen da maior transcendencia, e que por unha ou outra razón fóronse demorando ou non fomos quen de anticipalos suficientemente. Non é fácil reunir un órgano de preto de 300 persoas, e a asistencia non é normalmente moi alta. Desgraciadamente o puidemos comprobar no pasado Claustro, reunido nunha sesión extraordinaria de excepcional importancia relativa á renovación dos Estatutos, e na que o absentismo foi realmente desacougante. Aproveito para reiterar o agradecemento á Comisión de Desenvolvemento Estatutario o traballo realizado, e tamén a quen contribuíron coas emendas, no debate e coa súa participación no Claustro. Non ter conseguido nesta ocasión dotármonos duns novos Estatutos non debe supoñer a perda de implicación de quen estiveron participando neste proceso senón unha chamada á implicación de quen, por un motivo ou outro, non o fixeron. Posteriormente teremos ocasión de analizar e debater a situación económica da USC, polo que non entrarei neste tema agora. A nosa Institución segue cumprindo escrupulosamente coas súas responsabilidades no plano económico-financeiro, o que nos permite dicir aínda máis claro que o que non se está a dar é o necesario compromiso por parte da administración autonómica. Tamén temos plena lexitimidade para reclamar dunha vez que se pase do discurso á acción por parte dos nosos gobernantes no que atinxe ao tan reiterado anuncio dun cambio de modelo económico, máis centrado no coñecemento e o desenvolvemento tecnolóxico, na súa produción, na súa transmisión e na súa transferencia. E pasar á acción supón, entre outras medidas, ter un novo Plan de Financiamento do SUG, con máis recursos, un modelo de atención ás universidades que teña en conta a súa conformación e o seu perfil específico de actividades e que oriente un desenvolvemento do sistema como tal, apostando por obxectivos e resultados. O noso estudantado

Hai tres anos dábamos conta de que por primeira vez dende facía un lustro o número de estudantes de novo ingreso aumentara respecto do ano precedente. Levamos tres anos de continuos incrementos nos estudantes de novo ingreso. Este ano pasamos de 5.090 a 5.273 –datos que se corresponden con datas e criterios comparables entre ambos cursos-. Aínda máis importante é o feito de que tamén levamos dous anos nos que aumenta o número total de estudantes matriculados na nosa oferta académica oficial total, e é a primeira vez nunha década que ocorre no campus lucense. Un total de 28.910 estudantes formalizaron a súa matrícula na Universidade de Santiago de Compostela este curso académico, cifra que se sitúa en rexistros lixeiramente superiores aos de 2008-2009. Ao remate da matrícula superaremos os 30.000 estudantes, con case dous terzos de mulleres. Preto de catro mil estudantes españois proceden de fora de Galicia e adicionalmente temos estudantes de oitenta países de todo o mundo. Dos vinte alumnos que obtiveron o premio extraordinario de bacharelato correspondente ao curso 2008-09, a metade seguen os seus estudos na USC. Nesta mesma liña, dos 391 estudantes cos mellores expedientes nas probas de acceso á universidade, máis da metade, 215 concretamente, matriculáronse na nosa Universidade. A pesar do aumento significativo en 2009-2010 do número de titulacións con límite de prazas, a USC cubriu a práctica totalidade da oferta destas titulacións, tanto en Santiago como en Lugo. A estes resultados positivos contribúe sen dúbida o deseño da nosa oferta docente e a intensificación e mellora das campañas de comunicación e moi especialmente as actividades encadradas no programa “A Ponte entre o ensino medio e a USC”, que constitúe a principal vía de interacción, encontro, diálogo, coñecemento e recoñecemento mutuo entre o ensino medio e a nosa Universidade. Isto é posible polo compromiso crecente da nosa Comunidade Universitaria, en particular das persoas que participan nas distintas accións de “A Ponte”, e así o quero recoñecer e agradecer. Espazo Europeo de Educación Superior Durante o ano 2009 continuamos co traballo, ás veces extenuante, que demanda a construción colectiva dun espazo europeo harmónico na educación superior. Este curso pasado foi, sen dúbida, o máis esixente neste sentido. O esforzo que fixo toda a comunidade universitaria foi realmente enorme. Aínda que este é o compromiso que espera de nós o conxunto da sociedade, quero aquí recoñecelo e agradecelo con toda a intensidade que permitan as miñas palabras: Grazas! A USC incorporou á súa oferta para o curso actual 25 novos graos, que se suman así aos dous iniciados no curso anterior. A oferta actual de posgrao oficial inclúe 63 másteres, dos que 36 son de nova implantación. Desta oferta, 23 son interuniversitarios e destes 6 intercomunitarios e 3 internacionais, un deles Erasmus Mundus. O número de programas de doutoramento adaptados ao EEES é xa de 73. Neste momento temos encamiñado o remate da primeira fase do proceso de transformación da nosa oferta docente cara ao EEES. A USC afrontou sempre este proceso, aínda dentro das evidentes limitacións lexislativas, regulamentarias, económicas e prácticas, como unha oportunidade de ter no 2010 unha oferta docente oficial máis ampla, máis atractiva e de maior calidade. Ningunha universidade galega fixo un proceso de revisión tan a fondo da súa oferta de títulos de primeiro e segundo ciclo. Fixemos en moitos casos reformas de moito calado, moi especialmente naquela oferta que estaba a ter unha escasa demanda, máis aínda cando se trataba de oferta replicada no SUG –Humanidades e Ciencia e Tecnoloxías dos Alimentos, por exemplo-. O esforzo pagou a pena. Todos os Graos ofertados no presente curso académico cumpren os criterios de viabilidade en razón de matrícula que foron fixados no SUG –máis de dez dos nosos títulos previos non os cumprían-, o que non pode dicir ningunha outra universidade galega. Continuamos cos necesarios pasos de desenvolvemento normativo, formación do profesorado, e de deseño de ferramentas metodolóxicas e informáticas, pero permítanme que non entre en detalles aquí. No que atinxe á oferta propia do curso 2008–2009, esta contou con 24 másteres, 26 cursos de especialización e 74 de formación continua. Os datos parciais para o curso 2009–2010 son nestes momentos de 24, 38 e 77, respectivamente.

O Programa de Formación e Innovación Docente (PFID) aumentou a oferta de accións formativas para o PDI nun 40,27%, así como nun 29,09% o número de prazas ofertadas, sendo a taxa de ocupación media do 78%. A USC foi a Universidade do Estado que máis recursos recibiu para o cofinanciamento de estadías de mobilidade de profesores visitantes e de estudantes de programas de doutoramento con Mención de Calidade e para a Mención Europea no título de doutor. Ao igual que no curso pasado, continuou o incremento de alumnos matriculados en linguas estranxeiras, español para estranxeiros e galego para non galego falantes, nunha porcentaxe superior ao 10%. Resaltar que o número de matriculados no IV Ciclo vai tamén en aumento. No curso 2008/2009 superouse o milleiro de membros do PDI usuarios do Campus Virtual (en concreto, 1.090) cun total de 1.232 aulas virtuais nas que se desenvolveu a actividade docente de 21.053 estudantes. I+D+i+T Neste ano 2009 a USC dou un impulso importantísimo á posta en marcha da Rede de Centros Singulares de Investigación, un elemento chave de CAMPUS VIDA –do que logo falarei con algo de detalle. Tamén se avanzou na consolidación do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago, IDIS, como centro mixto USC-SERGAS, que presentou formalmente ante o Instituto de Salud Carlos III a súa candidatura para acreditarse como Instituto de Investigación Sanitaria. Actividade de Investigación Seguindo coa iniciativa posta en marcha en 2007 de publicar memorias detalladas da nosa actividade investigadora, publicouse o informe relativo ao ano 2008 -accesible desde a web por primeira vez en galego, castelán e inglés- no que se pon de manifesto a boa posición da USC no Estado. Así, o volume total de recursos captados en actividades de investigación incrementouse preto dun 10% con respecto ao ano anterior, alcanzando a cifra de 70 M euros. Cabe destacar neste senso os bos resultados acadados a nivel institucional en captación de recursos para mellorar as infraestruturas científicas, 7,6 M euros, así como o gran incremento en proxectos europeos -en número de 18-. Compre salientar tamén os bos resultados en programas competitivos de recursos humanos, segundo os cales a USC se sitúa nos postos quinto (bolsas FPU) e sexto (contratos Ramón y Cajal) a nivel nacional. De acordo co proceso de avaliación da produción científica, publicáronse 1.686 artigos, dos que o 70% o foron en revistas do JCR. Tamén foron defendidas 198 teses doutorais. Estes resultados sitúan á USC na sexta posición entre as universidades españolas. En paralelo a estas actuacións, nos últimos anos fíxose un importante esforzo para actualizar e incrementar a dotación de equipamento científico nos dous campus, cunha inversión de máis de 4 M de euros no período 2008-09, así coma para mellorar a dotación de persoal especializado -actualmente 41 persoas-. No presente ano a Vicerreitoría de Investigación e Innovación, co gallo da celebración en 2009 do ano da Innovación e a Creatividade, promoveu o I Premio “A USC crea, a USC innova”, dirixido á toda a comunidade universitaria e que tivo unha destacable acollida, presentándose 24 candidaturas, o que reflicte a boa saúde en termos de innovación do noso estudantado, profesorado e persoal de administración e servizos. Transferencia e Emprendemento De acordo cos seus presupostos institucionais e os indicadores de referencia, a USC tense destacado como primeiro recurso tecnolóxico da Comunidade Autónoma galega e como un dos referentes universitarios do Estado en canto a súa política de transferencia. Proba disto son os máis de 1.000 contratos e convenios con entidades privadas e administracións públicas desenvolvidos durante o período 2006-2008. No ano 2008 a facturación en Contratos e Servizos de I+D ascendeu a mais de 20 M€ –correspondentes a máis de 350 contratos - o que representa o 34% dos ingresos por investigación da USC, correspondendo a actividades de I+D en colaboración con empresas máis do 60%. Durante o ano 2008 foron rexistradas 24 patentes, o que nos sitúa como a 5ª universidade española en número de solicitudes -Informe 2008 da RedOTRI-. Compre destacar que no período 2006-08 negociáronse 12 contratos de cesión ou licenza de patentes e know-how con empresas de diversos sectores, o que converteu á USC na

primeira universidade en ingresos por licencias, segundo o Informe 2008 da Red OTRI de Universidades Españolas. Nesta memoria debemos subliñar, pola súa relevancia tanto institucional como no seu papel central no futuro da estratexia de transferencia da USC, a inauguración e posta en marcha do edificio EMPRENDIA. EMPRENDIA -conxuntamente coas instalacións do CITT e OIT no CACTUS de Santiago e Lugo- complementa unha importante Área de Servizos de Apoio á Xestión Integral dos Procesos de I+D, que contribuirá a optimizar a valorización das capacidades científicas e os procesos de transferencia da USC. Calidade e Planificación Foi posto en marcha, xunto coa VPOA, a convocatoria experimental do Programa de Avaliación da Actividade Docente (DOCENTIA) verificado pola ANECA en maio de 2008. Tamén podemos celebrar o deseño do SGIC marco para a USC, aprobado no Consello de Goberno do 14-05-2009, e a coordinación da 2º convocatoria da ACSUG do programa FIDES-AUDIT na que participaron oito dos Centros. Presentouse a Memoria de Responsabilidade Social da USC dos anos 2006 e 2007, nun novo formato e cun novo modelo organizativo, que tivo unha excelente acollida a nivel de Estado e internacional e nos consolida como un referente entre as universidades social, económica e ambientalmente responsables. O 25 de marzo do 2009 foi aprobado polo Consello de Goberno o Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC (2009-2011), que xa está en pleno desenvolvemento. As principais accións no cadro do Plan de Desenvolvemento Sostible enfocáronse á redución do impacto ambiental na USC, tanto en forma de medidas relacionadas coa xestión da propia universidade -residuos, enerxía, transporte...- como medidas formativas ou divulgativas. As principais accións centráronse no análise de impacto –impacto ambiental, sostibilidade en centros...-; mobilidade –préstamo de bicicletas, uso eficiente do automóbil e do transporte público-; xestión de residuos; xestión enerxética; e a convocatoria das bolsas de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria e de Aula Verde. Profesorado Os recursos propios dos que dispuxemos este ano dedicáronse fundamentalmente ás persoas, e concretamente ao noso persoal. Así, e respondendo aos compromisos de estabilización e promoción dos diferentes colectivos, durante este ano un total de 104 profesores/as transformaron as súas prazas noutras de superior categoría segundo a seguinte distribución: 16 CU; 41 TU; 47 PCD. Destas transformacións merecen destacarse as 23 de investigadores con contratos RyC e IPP avaliados positivamente (8 TU; 15 PCD) e as 15 primeiras cátedras para o profesorado acreditado. A segunda fase do Plan de Choque comprometido na Programación Plurianual, supuxo á convocatoria de 22 novas prazas (4 TU, 3 PCD, 15 PAxD) –que se suman ás 23 do ano 2008, completando o compromiso establecido no cadro de dito Plan; atendéronse así as demandas de PDI máis significativas, moi especialmente na grande área das Ciencias Sociais-. Esta fase foi decidida cuns criterios de avaliación das necesidades das áreas que incluíron as responsabilidades docentes do PDI e, por primeira vez, tendo en conta tamén o recoñecemento do seu esforzo investigador. Isto supón un importante avance nunha máis xusta e eficiente valoración de necesidades, actividades e recursos. Infraestruturas En canto á obra nova, foi inaugurado oficialmente o edificio docente anexo ao CHUS, Edificio Roberto Nóvoa Santos; o edificio CIBUS, de investigación en bioloxía; o edificio Emprendia, xa citado; a primeira fase da reforma integral da Facultade de Bioloxía –na que hoxe nos atopamos-, que terá a súa continuidade no ano 2010 coa reforma da primeira fase dos laboratorios de investigación, xa en marcha, o que permitirá que se complete a reforma total do edificio no ano 2011. Son varias as obras –reformas e obra nova- que se están acometendo ao longo deste ano. No campus lucense destacar a Estación de Bioloxía de Montaña do Courel, a sede do IBADER, os laboratorios de investigación de ciencias experimentais e a segunda fase da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, que conta coa musealización in situ dunha vila romana, e o edificio de Enxeñaría Civil, cuxo proxecto construtivo será entregado

nas próximas semanas. En Santiago estanse acometendo a primeira fase do Xardín Botánico, a construción do edificio para o Museo Luís Iglesias, a reforma integral do Auditorio da universidade, a rehabilitación do Colexio Maior Rodríguez Cadarso, a importante intervención en Fonseca, que recibe un apoio económico moi significativo de Caixanova, e os citados centros de investigación en construción -o CIQUS, que se espera que estea xa equipado a mediados do 2010, e o CIMUS, que se espera que entre en funcionamento antes do último trimestre do próximo ano. Tamén acaba de ser adxudicado o CITUS, cun prazo de execución aproximado duns 15 meses-. Xunto con estas actuacións en materia de obra nova, teñen sido redobrados os esforzos en materia de RAM, executando actuacións nestes dous últimos exercicios por importe de case 2 millóns de euros anuais, cantidade superior ás previsións iniciais, na liña de atender ás importantes necesidades neste ámbito. Como pode verse se percorremos os nosos campus, son moitas iniciativas no ámbito de novas construcións, reformas, urbanización e infraestruturas diversas as que se acometeron nos últimos anos ou se están acometendo actualmente, e moitas tamén as previstas para os próximos anos, en boa medida con recursos xa conseguidos. Esta impresionante actuación estase a desenvolver na práctica totalidade con recursos externos que a USC está a lograr a través de convocatorias de fondos para infraestruturas –FEDER, créditos reembolsables...-, das administracións públicas, de entidades financeiras e doutros organismos públicos e privados. Este gran éxito só é posible desenvolvendo anticipadamente bos proxectos, orientando as infraestruturas como medios e non como fines, e contando coa suficiente intelixencia colectiva para facelos realidade. Sen dúbida o paradigma do que estou a dicir é CAMPUS VIDA. Campus Vida Sen discusión o logro máis importante do ano 2009 é o recoñecemento de CAMPUS VIDA como Campus de Excelencia Internacional. Este recoñecemento foi outorgado conxuntamente polo Ministerio de Educación e o Ministerio de Ciencia e Innovación a tan só 9 dos máis de 50 proxectos de universidades españolas presentados á primeira convocatoria do Programa Campus de Excelencia Internacional. Trátase dun proxecto enormemente ambicioso, no que nos acompañan e apoian institucións como o CSIC, o CIEMAT, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, FEUGA e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, e numerosas empresas -Zeltia, Inditex, Esteve, Advancell, Galchimia, NanoGap, Mestre Lab e Neoker, entre outras-. O noso obxectivo é converter CAMPUS VIDA nun dos 100 mellores biocampus do mundo. A cualificación de Campus de Excelencia Internacional supón un financiamento inicial de 7,5 M de euros, aos que hai que sumar outros 4 M de euros conseguidos dentro do subprograma B da mesma convocatoria; concretamente no marco da acción específica para estratexias de excelencia internacional en investigación e transferencia, na que o proxecto da USC acadou unha das máximas puntuacións. Os recursos recibidos nos sitúan como a primeira universidade fora de Madrid e Barcelona, e tamén a única fora de estas cidades no ámbito das ciencias da vida. O financiamento das próximas anualidades, ate o 2012 cando menos, irase fixando en función da execución do proxecto e a consignación de recursos ano a ano por parte do Estado. Os cinco grandes obxectivos estratéxicos do proxecto CAMPUS VIDA son a xeración e atracción de talento de excelencia; a promoción da investigación orientada á innovación; o compromiso coa creación de emprego e o fomento do emprendemento; a consolidación dunha universidade sostible; e a internacionalización da actividade tanto docente como investigadora da USC. As infraestruturas de CAMPUS VIDA, sendo moi importantes e visibles, son un medio e non o fin. Así, no ámbito da docencia e a adaptación ao EEES, as accións concretas que se levarán a cabo para acadar estes grandes obxectivos son, entre outras, o desenvolvemento de novas metodoloxías e contextos innovadores de aprendizaxe, a creación dunha Escola de Doutoramento Internacional vinculada ás Ciencias da Vida e o fomento do coñecemento de linguas estranxeiras, así coma a promoción internacional do galego e o castelán. No ámbito da investigación e a transferencia de coñecemento, as principais accións céntranse na atracción de talento, tanto de investigadores senior coma de xoves investigadores emerxentes, e no fomento de alianzas e consorcios estratéxicos de I+D con empresas e centros ou clusters de investigación de prestixio internacional. Outras accións destacadas deste ámbito son o fortalecemento das capacidades de avaliación e valorización dos resultados da

investigación, desenvolvendo un fondo de capital e reforzando a estrutura de apoio á creación de empresas de base tecnolóxica. Por último, aínda que non menos importante, están previstas diversas accións relacionadas co desenvolvemento dun modelo social integral e coa interacción do CAMPUS VIDA co seu contorno, conformando a USC e Compostela una auténtica “univercidade”. Política Internacional Recibimos máis de 1.200 estudantes doutros países e 700 estudantes da USC foron ao exterior. Para potenciar a mobilidade dos nosos estudantes, púxose en marcha un programa dirixido e centrado en países de fala inglesa fóra do EEES, así como un plan de apoio aos centros con menos mobilidade. As accións para promover os estudos da USC no exterior foron a actualización do Portal USC Internacional, actividades de acollida de estudantes internacionais e material de promoción da USC. Nesa mesma liña, a USC participou activamente en feiras de 6 países. Este ano tamén se lanzou un programa de bolsas predoutorais para docentes e investigadores de América Latina. O logro máis destacado deste ano foron sen dúbida os tres proxectos Erasmus Mundus-External Cooperation Window coordinados pola USC, que supoñen a xestión, durante un máximo de tres anos, de máis de 13 millóns de euros cada ano. A ORE tamén traballa activamente en catro programas Tempus, centrados en África e Asia. A Oficina de Información universitaria coordinou as actividades do “Forum Orienta”, e o programa “Escive”, ambos orientados a promover os estudos da USC en estudantes de secundaria. Compromiso social O Servizo de Participación e Integración Universitaria, dependente da Vicerreitoría da Comunidade Universitaria e Compromiso Social, recibiu o IV Premio Manuel I. Piñeiro “Pallín”, recoñecendo o noso compromiso na causa dos diminuídos físicos e psíquicos. Onte foi presentado o CEDOVI –Centro Documental da Vida Independente- froito da colaboración entre a USC, ViGalicia, a Fundación Vodafone e a Xunta de Galicia. Fíxose por primeira vez unha convocatoria de Mobilidade Internacional 2009-2010 para a que se destinaron 100 prazas do SUR. Extensión cultural e deportiva No curso 2008-09 intensificamos as liñas de acción e programas co fin de incrementar e diversificar a oferta cultural, a proxección exterior e a posta en valor do noso patrimonio. A Universidade de Verán 2009 ofreceu 72 cursos, cun total de 3.600 asistentes e coa implicación de 18 concellos. Consolídase o programa de Visitas ao Patrimonio e a oferta da Igrexa da Compañía, do Paraninfo e do Salón Nobre como espazos de concertos, conferencias e debates, ao que hai que engadir os programas específicos desenvolvidos ao abeiro da celebración do Ano Darwin e do Ano Internacional da Astronomía. No Campus de Lugo fíxose un esforzo de dinamización cultural, non só pola estreita colaboración cos socios que impulsan o programa Lugo Cultural, senón pola promoción da creación propia e emerxente no ámbito da fotografía, do teatro, da danza e da creación musical. En xuño saíu a primeira monografía co selo USC Editora, que distingue aquelas publicacións sometidas a procedementos de avaliación internacional científica estándar e de textos de particular relevo na USC. Ademais, co repositorio dixital de contidos e o aloxamento do fondo do SPIC en Google Books, a USC posiciónase entre as universidades de referencia en canto ao volume e calidade das edicións que promove. A colaboración entre a Área de Deportes e a Fundación USC Deportiva desembocou nun notable incremento de inscritos na nosa ampla oferta deportiva e na calidade do servizo á comunidade universitaria e á sociedade en xeral. Xestión, Administración e Servizos Continuouse co desenvolvemento do II Plan Estratéxico das TIC, que está a guiar as accións da USC na consecución de obxectivos que consideramos de especial relevancia. Son moitos os cambios que se fixeron e se están a realizar no que atinxe a infraestruturas hardware e software, ferramentas, servizos, xestión de contidos, acceso unificado e seguro, etc. Destacaremos, a título de exemplo, algunhas delas. Así foi inaugurado o novo Centro de Proceso de Datos da USC. Estamos pondo en marcha o Centro de Capacitación e Formación de

Profesionais Dixitais –iniciativa que conseguiu a maior asignación de recursos do Estado nunha convocatoria pública de Red.es-. O uso da videoconferencia estase a estender rapidamente e foron instalados 9 novos equipos e puxéronse en servizo dúas salas Access Grid de altas prestacións nos campus de Lugo e Santiago de Compostela. A Oficina de Software Libre da USC resultou gañadora da sexta edición dos Premios Eganet na modalidade Software Libre (SL), dirixida a salientar as iniciativas de uso, creación e/ou difusión de tecnoloxías de código aberto por parte de particulares, organismos privados ou públicos. Ao longo deste ano executáronse accións formativas do persoal conforme ao Plan de Formación 2008-2010, poñéndose especial énfase na formación en liña e no incremento de accións formativas con avaliación do aproveitamento. Durante este ano traballouse intensamente na implantación dunha nova aplicación de recursos humanos, poñéndose en funcionamento a comezos de ano os módulos relacionados coa nómina e algunhas funcionalidades do portal do empregado. A memoria económica do exercicio 2008, así como o informe de auditoría, foron aprobados polo Consello Social dentro dos prazos legalmente previstos, póndose de manifesto, unha vez máis, o esforzo realizado e o rigor na xestión económica. Celebráronse os solemnes actos de investidura como doutores honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela do doutor Cesare Segre (27 de marzo de 2009), catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Pavia, e dos doutores Alan A. Watson (29 de maio de 2009), profesor da Universidade de Leeds (Reino Unido) e James W. Cronin, profesor da Universidade de Chicago e Nobel de Física no ano 1980. O premio Fonseca 2009, convocado conxuntamente pola USC e o Consorcio de Santiago, concedeuse a James Ephraim Lovelock, científico destacado polo seu liderado e carácter pioneiro na construción da actual conciencia medioambiental, da cal é referencia pública a escala mundial. En canto á medalla de ouro da USC, o Consello de Goberno quixo distinguir neste curso académico con esta honra ao Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela e á Deputación da Coruña, Institución á que lle foi entregada o pasado día 11. Foi distinguida coa primeira medalla de mecenas da USC a Fundación Pedro Barrié de la Maza, acto que tivo lugar o pasado día 16. Recibiron a “Insignia Fonseca” 25 traballadores da USC polos servizos prestados á USC. Ambas honras son de recente creación, e buscan reflectir o respecto e agradecemento por quen axudan a esta vella casa do saber, pola vía do mecenado ou polo desempeño continuado e profesional para axudarnos a facer da USC unha Universidade cada día mellor. O Consello de Goberno mantivo oito reunións ao longo do ano, e os acordos adoptados por este órgano de goberno da USC e os do propio Claustro estanse a publicar no Boletín Informativo e de Comunicación da USC –coñecido polo suxestivo acrónimo BICO-. As universidades son ao mesmo tempo Administracións Públicas e educadoras de futuros cidadáns e cidadás. Dentro desa cultura está a utilización, como ferramenta habitual, das novas tecnoloxías e en particular da denominada administración electrónica. Neste sentido queremos destacar e extensión neste curso da sinatura dixital de actas a todos os Centros da USC, sendo esta Universidade unha das pioneiras do Estado neste logro. Ás diversas iniciativas que estamos a desenvolver en materia de Administración Electrónica -matrícula, actas con sinatura dixital, secretaría virtual de alumnos e profesores, notificación de notas por SMS, seguimento de expedientes, e tramitación de procedementos por vía telemática, etc.-, engadimos agora, a través dun convenio de colaboración entre a Consellería de Economía e Industria e as universidades galegas, o denominado “voto electrónico”, que facilitará as eleccións dos nosos representantes nos órganos colexiados e de goberno e a realización de sistemas de consulta entre os membros da comunidade universitaria. Durante o presente ano o Servizo de Normalización Lingüística corrixiu e traduciu arredor de 12.000 páxinas. Organizou 16 cursos de formación, para estudantes, para PAS -en colaboración co Servizo de Programación de

PAS- e para PDI -conxuntamente co Programa de Formación e Innovación Docente-. O número global de asistentes aos cursos foi de arredor dunhas trescentas persoas. Editouse, en colaboración coa Consellería de Sanidade, o Vocabulario de Medicina, do cal se distribuíron gratuitamente 3.000 exemplares entre o persoal docente e os estudantes de varias facultades -Medicina, Enfermaría...-. Este Servizo captou, mediante convenios, un total de 89.500 €, o que supón o 79% do total investido en accións de normalización lingüística. Aínda que pareza anecdótico no conxunto do noso orzamento, quero destacar e utilizar como exemplo este feito. Moitas actividades importantes da nosa Universidade non poden contar co necesario financiamento a través de fondos propios. Isto supón un sobreesforzo do noso persoal, precisamente na procura de recursos e en facer o mesmo ou máis que outros con bastante menos. Este é o espírito que impregna a nosa Institución, e que quero agradecer dun modo incluso emocionado. Non é o que debería ser, pero peor sería que nos rendésemos por non ter os recursos que xustamente deberíamos ter. Remato reiterando o agradecemento a toda a Comunidade Universitaria, singularmente ao noso persoal, pola xenerosa achega de proxectos e polo traballo realizado a prol desta Universidade. Este ano supuxo para a USC un bo número de recoñecementos a nivel internacional –Campus de Excelencia Internacional, inclusión no ranking da Universidade Jiao Tong de Shangai (China), a coordinación dos Erasmus Mundus-External Cooperation Window...-, que non son froito do azar senón dunha axeitada planificación de obxectivos. Non quero obviar, por falsa modestia, o papel do equipo de goberno da USC, os responsables primeiros de gobernar a Universidade, de organizar, planificar, estimular e dar exemplo diante da comunidade universitaria e do conxunto da sociedade. En condicións moi duras fomos quen de levar a bo porto esta poderosa nave que é a USC, superando tempestades e galernas diversas. Isto foi posible grazas a que neste cometido estiveron remando na mesma dirección o resto de órganos unipersoais e colexiados da USC, e por extensión toda a Comunidade Universitaria. Podemos todos e todas sentir unha lexítima e merecida satisfacción. A continuación o reitor abre unha quenda de intervencións: A profesora dona MJCN solicita que se aclare a noticia da prensa de onte, onde se dicía textualmente que era a primeira convocatoria autonómica de campus de excelencia internacional da Consellería de Educación e que Campus Vida quedara en segundo posto. Dona LIC preguntar como é posible que se pospoña para 2015 o edificio da Facultade de Ciencias da Educación cando en 2008 xa estaba o proxecto que foi presentado por dúas veces na facultade. D. XGM na súa intervención sinala que estamos ante un informe de carácter técnico-administrativo, coherente coa liña de actuación do equipo de goberno nestes últimos tempos que impide facer un diagnóstico correcto do estado da USC. Considera que isto é debido a incapacidade política xerada pola carencia de apoios internos e externos que xera un atraso lesivo para a toma de decisións. Pon de exemplo o que considera fiasco dos Estatutos e a imposibilidade deste equipo de presentar uns orzamentos para o ano que ven. Asemade considera que se está a producir un desmantelamento de estruturas, de programas, de plans polo que todo este conxunto de políticas está a levar a perda de posicionamento da USC. Considera polo tanto que o informe presenta importantes eivas. D. Juan José Casares Long na súa intervención sinala que o informe foi case imposible de seguir, e pregunta se estará a disposición dos claustrais. Asemade bota en falta o compromiso de traer ao Claustro o Plan Estratéxico 2010-2015 en marzo/abril de 2009. En relación ao Plan Estratéxico considera que se perdeu a oportunidade dunha maior implicación da Comunidade Universitaria. Sinala a súa satisfacción por ter acadado o proxecto de Campus Vida o ser Campus de Excelencia Internacional pero considera unha mágoa que fose presentado como unha iniciativa do Equipo de Goberno, que non foi revalidada por ningún órgano da Universidade, perdendo a oportunidade de implicar á Comunidade Universitaria. Laméntase da baixa participación no Claustro. Parece que debería haber un análise máis profundo da previsión do que vai a suceder se non temos os Estatutos modificados.

D. MABB apoia e comparte o informe do reitor. Lamenta que non se aprobaran os Estatutos o que foi un fracaso colectivo. Dona LFS na súa intervención sinala que dende os Comités quere manifestar o desacordo co informe que se presentou e queren manifestar o seu malestar pola falta de información e por non convocar sesións do Claustro e demais órganos de goberno. Pregunta porque se gastan tanto tempo e esforzos en louvar todo o proceso de adaptación das titulacións ao EEES porque considera que nesta universidade tratouse dun proceso viciado e que arrastra eivas que se derivan da visión que o equipo reitoral ten da universidade xa que consideran que o proceso de Bolonia é converter a universidade nunha universidade elitista. En relación ao uso do galego dende os Comités defenden o dereito a vivirmos en galego e non comprenden que non se tomen medidas para paliar a situación na que está a nosa lingua, e que non se normativice o uso do galego entre o profesorado. Piden que se cumpra a normativa vixente e se camiñe na elaboración de normas que normalicen o uso do idioma nas aulas. Consideran que outras das eivas e a diminución cualitativa e cuantitativa de infraestruturas. Non entenden que para mellorar a estética do campus sexa necesario eliminar prazas de residencias, bibliotecas ou espazos comúns. Como conclusión consideran que un dos principais obxectivos do equipo reitoral é a privatización da USC. Asemade solicita que no futuro se transmita aos equipos decanais que non se convoquen xuntas de facultade o mesmo día que o Claustro. D. FXCV lee a carta achegada aos vicerreitorados do Consello Electo do C.M. San Clemente que se anexa a acta. D. TLG na súa intervención queixase da falta de información por escrito, falta de autocrítica, queixase do desmantelamento do servizos no Campus de Lugo facendo referencia ao servizo de reprografía, queixase pola falta de instalacións deportivas, o estado de abandono da residencia Bal y Gay, as cotas cada vez máis altas, a falta de igualdade de oportunidades na convocatoria de residencias coas novidades en relación aos estudantes estranxeiros. Por último, considera que alguén terá que responsabilizarse de que sexa o Campus de Lugo o que máis estudantes perdera do SUG. D. ADR na súa intervención menciona que considera unha burla a felicitación á Comisión de Estatutos así como as desculpas por non terse celebrado máis reunións. Asemade non sabe se este será a última sesión do Claustro deste equipo ou se haberá unha reunión para aprobación das liñas xerais de orzamentos. Sinala que no informe do reitor non se falou nada de temas de especial relevancia para o PAS como é o estudo da reforma do cadro de persoal, a equiparación salarial, falouse de servizos pero non se di nada sobre o servizo de bibliotecas e do consorcio coa diminución de recursos, nin do edificio para centralizar servizos administrativos. O reitor agradece a primeira pregunta porque lle da a oportunidade de poder explicar ao Claustro algo que xerou confusión. A partida que o estado asigna a Campus de Excelencia Internacional 2008 non se puido distribuír porque o Estado non tiña desenvolvida a convocatoria. Pedíuselle ás CCAA que fixeran o reparto ás universidades cos criterios que inspiraban os Campus de Excelencia Internacional. Non obstante, en Galicia o que se fixo foi un proceso practicamente de equidistribución. En todo caso, o que se repartiu son uns seis millóns de euros que son créditos reembolsables. O reitor sinala que el, como reitor da USC, sempre apoiará a outras universidades do SUGA para que poñan apostas importantes para a vindeiras convocatorias. Tamén serán benvidas as achegas a Campus Vida. En relación á Facultade de Ciencias da Educación explica que se está a traballar hai moitos anos nun novo espazo que agregue todo o potencial de CCEE do Campus de Compostela. Neste sentido sinala que mentres non teñamos recursos o que se fai é ir avanzando nas actuacións previas. O reitor fai un inciso para explicar que Campus Vida, non é so unha aposta na investigación, nin é unicamente un proxecto de mellora nas infraestruturas. O reitor fai fincapé en que Campus Vida é unha aposta por un novo modelo de Universidade que afecta de forma profunda á docencia e á investigación. Explica que xa que os recursos externos só se orientan a

infraestruturas e equipamentos de investigación; se están a facer esforzos na elaboración dun proxecto construtivo que diferencie as necesidades de espazos, os de investigación en CC da Educación e así poder concorrer ás convocatorias de recursos externos. En relación á intervención de D. XGM o reitor explica que o informe é un informe do mesmo tipo que os presentados en anos anteriores antes dos cambios no Equipo de Goberno. O do fiasco dos Estatutos é un fiasco para todos e o problema de participación é importante; o reitor sinala que asume a súa responsabilidade pero considera que é unha responsabilidade compartida; se é un fracaso é un fracaso colectivo. Sobre os orzamentos se remite ao informe que se vai a presentar. En relación á intervención de D. Juan José Casares Long indica que o informe se porá a disposición dos Claustrais. Sobre o Plan Estratéxico se tiña intención de traelo ao Claustro. Explica que non foi posible xa que se destinaron todas as forzas ao Campus de Excelencia Internacional. En calquera caso o esforzo feito no Plan Estratéxico, os debates cos colectivos, foi moi útil para o proxecto de Campus Vida. Explica que o Campus Vida leva anos deseñándose. O que se pediu na convocatoria é que se presentaran proxectos do que se estaba a facer nas universidades. En relación ao que pode ocorrer por non ter aprobado uns novos Estatutos, explica que se traballou para que os houbera; reitera que asume a parte de fracaso neste proceso. Explica que non é critico non ter uns novos estatutos. A LOMLOU xa non di nada de que transcorrido o prazo sen que a universidade presentase os estatutos puideran ser impostos pola CCAA. Asemade na mesma lei onde se indica que hai que ter novos Estatutos en 2010 tamén se indica que o Estatuto do PDI (adicional sexta) e o Estatuto do estudante Universitario (adicional decimo cuarta) sería aprobado nun ano e aínda estamos esperando, cando estes documentos serían moi importantes para poder abordar uns novos Estatutos que podan perdurar un tempo razonable. Deseguido agradece ao profesor MABB a súa intervención e o respaldo ao informe. En relación ás intervencións nas que se fala da adaptación ao EEES como un proceso viciado remítese a un artigo de recente publicación no que explica a posición da Universidade. En relación a algunhas afirmacións sobre Campus Vida entende que terá que seguirse explicando que é Campus Vida xa que dá a sensación de que se non se debe estar a transmitir de forma adecuada. En canto a que se reducen prazas de residencias por Campus Vida explica que se trata de facer accesibles os espazos e acomodarse á lei. En relación á carta di que se está a contestar por escrito. Na intervención que se refire ao Campus de Lugo, sobre a oferta deportiva sinala que se está atendendo a oferta deportiva con entidades publicas e privadas, e recoñece que é unha eiva non ter infraestruturas propias e que se está a traballar para corrixila no futuro. En relación a intervención de D. ADR explica que as súas palabras son sinceras; sabe que é traballar e sabe o que pode molestar traballar con empeño e que as cousas non prosperen. Espera que este non sexa o último Claustro; xa que se se poden elaborar orzamentos terase unha sesión do Claustro para liñas xerais. En relación as posibles eivas no informe do reitor explica que o informe e alimentado polos informes que lle achegan os membros do equipo polo que asume a súa responsabilidade se fixo recortes inadecuados co fin de tentar sintetizar a información recibida. 3. Informe do Valedor da Comunidade Universitaria correspondente aos cursos 2006/2007, 2007/2008 O presidente explica que o valedor presentará o seu informe dos cursos 2006-2007 e 2007-2008. Explica que o informe estivo a disposición dos membros do Claustro por medios electrónicos. A Mesa acordou solicitarlle ao valedor que presentase o seu informe nun tempo máximo de 20 minutos, ao que seguirá unha quenda de intervencións de 20 minutos, onde cada intervención estará limitada a dous minutos como máximo. Finalmente haberá un tempo de 20 minutos como máximo para que o valedor responda ás intervencións realizadas. En primeiro lugar o valedor dá conta de que en cumprimento do contido no Código Ético constituíuse e empezou a traballar o Observatorio do Código Ético. Asemade informa da nova páxina web da USC para acceder a información que se necesite sobre os aspectos relativos ao Código Ético. O valedor xustifica que non se presente o informe do curso que agora remata polos tempos necesarios para o estudo e contestación das queixas. En relación a memoria quere deixar constancia dos agradecementos á Comisión de Asesoramento e Axuda ao Valedor.

O valedor resalta a necesidade de cumprir o establecido na memoria docente das materias, especialmente no que fai referencia á homoxeneidade dos grupos, claridade e cumprimento dos criterios de avaliación. É conveniente avaliar as memorias e controlar o grao de cumprimento das memorias. Quere facer unha recomendación das normativas do Plan de Mellora da Calidade Docente xa que non é valido, para todos os aspectos que inclúe o novo procedemento de ensinanza do EEES, polo que compre adaptala. Asemade, en relación cos estudos do grao, hai un aspecto que preocupa, os antigos estudos de licenciaturas; un cambio no plan de estudos require esforzo do profesorado pero pon aos estudantes en situacións conflitivas e as veces falta información. O valedor sinala que este cambio é mais traumático que outros cambios de plans de estudos porque o cambio é mais fondo. Recorda que o decreto establece que se garanta que os estudantes poderán terminar polo mesmo plan ata 2015. Roga que se non mellora que al menos se manteña a calidade da docencia ata 2015 nestes plans. Ademais, o valedor fai unha chamada á Comunidade Universitaria para implicarse na mellora das condicións dos membros dedicados á realización de traballos de investigación sen ter unha relación estable. De seguido dá conta das reflexións aprobadas no Encontro Estatal de Valedores Universitarios (Oviedo 2008). En relación a Escola Infantil sinala que houbo unha concentración alta de queixas que nada teñen que ver coa implementación de actividades, nin co profesorado. Os problemas xorden porque hai traballadores aos que se lles modifican as súas condicións de traballo e non se lles indican as causas dos cambios, e cando solicitan información por escrito non se lles dá, ou tardan en recibilas. Recomenda que nesta situación se dean todas as explicacións que sexan necesarias. Tamén suxire que cando a un órgano colexiado se achega un informe, unha recomendación, unha queixa pide que se considere como algo que trata de ser positivo, que se estude se analice e se non se acepta se lles de resposta de porque non foi aceptado. O valedor sinala o contrasentido de que nunha institución con tantos órganos de participación os individuos se sintan tan pouco participantes. Pide que se reflexione sobre o que está pasando cao participación da Comunidade Universitaria. Ábrese unha quenda de intervencións na que D. Juan José Casares Long solicita que explique de todo o conxunto de suxestións, cal é a evolución no tempo aínda que sexa adiantando o informe 2008-09. D. EVF mostra o seu acordo co de dixo o valedor respecto as queixas. Preocúpalle as respostas a queixas porque as veces se utiliza o silencio ou as veces a respostas son inadecuadas. Pide a opinión ao valedor sobre o informe que di que a Escola Infantil Breogán é unha escola privada. O valedor comenta que lle sorprendeu que aparecese que é unha escola privada, e explica que seguramente se refire a que si pon unha escola publica a admisión e libre, noutros aspectos ten que ser absolutamente pública. En relación aos criterios de admisión non é partidario de cotas. En relación a pregunta do profesor Casares explica que é difícil dar unha evolución das queixas pero sinala que cada vez hai un maior número de persoas que o único que queren é que as escoiten. Finalizada a intervención o reitor dá as grazas ao valedor polo seu traballo e a presentación que fixo. 4. Informe Económico O presidente informa de que a Mesa acordou que a intervención do vicerreitor se limitase a un tempo máximo de 20 minutos, aos que seguirá unha quenda de intervencións de 20 minutos, onde cada intervención estará limitada a dous minutos como máximo. Finalmente haberá un tempo de 20 minutos como máximo para que o vicerreitor responda ás intervencións realizadas. Na presentación ao Claustro, o vicerreitor de Economía, Financiamento e Infraestruturas realiza unha análise da evolución da situación económica no últimos anos, subliñando o cumprimento pleno dos obxectivos establecidos no Plan de Equilibrio Económico Financeiro, que permitiron equilibrar os ingresos e gastos da USC. Os datos que se recollen nesta primeira parte do informe proceden das memorias económicas correspondentes aos exercicios 1999-2008, auditadas e aprobadas polos órganos de goberno, e a disposición da Comunidade Universitaria e a sociedade na web da USC. Na súa intervención o vicerreitor explica que o exercicio 2008, que foi o último

pechado e auditado, liquidouse con rigor igualando ingresos e gastos sen incorporar necesidades de financiamento ao exercicio seguinte e incluso pagando 6,5 millóns en amortizacións de débeda e préstamos reintegrables. Na súa intervención o vicerreitor explica que para o vindeiro ano, a USC veríase obrigada a prorrogar os orzamentos do ano 2009 de non producirse unha resposta por parte das autoridades públicas. A evolución prevista de ingresos e gastos para 2010 con respecto ao exercicio anterior destaca por unha caída dos ingresos públicos en 13,6 millóns de euros; feito extraordinario pola contía e porque é a primeira vez que acontece no financiamento universitario. A iso engádense as derivas automáticas dos gastos básicos que medran noutros 6,5 millóns. En conxunto, trátase dun desequilibrio de algo máis de 20 millóns de euros. O vicerreitor na súa intervención salienta que a USC veríase obrigada a optar pola prórroga das súas contas ante a imposibilidade de realizar uns orzamentos para o novo exercicio 2010. Ademais a caída do financiamento universitario non é allea ás outras universidades galegas nin ás do resto do Estado, xa que moitas con maior financiamento público están a prorrogar as súas contas. No caso da USC, co agravante de levar anos superando unha grave crise económica e non obstante escalando posicións no contexto universitario español e internacional, tal e como acredita a recente concesión do Campus de Excelencia Internacional. O vicerreitor lembra a magnitude do desaxuste rexistrado entre os ingresos e gastos desde 2002 e que en 2004, en concreto, ascenderon a 13,5 millóns de euros e lembra que esta situación obrigou á definición dun plan de equilibrio, que permitiu reconducir unha moi grave situación económica que pode reproducirse en 2010 pola caída dos ingresos da Comunidade Autónoma. O vicerreitor sinala que a dia de hoxe non temos unha resposta da administración que nos permita afrontar a elaboración dun orzamento; explica que a prórroga de orzamentos o que faría é adiar o afloramento deste desequilibrio, o cal pode ser moi negativo para a universidade. O vicerreitor insiste que se está a facer un esforzo sobrehumano para explicar a administración e tamén a sociedade o que está a suceder na USC. Unha universidade que a pesar do baixo financiamento fai esforzos para estar entre as primeiras. Unha Universidade que está a destacar en distintos ámbitos grazas ao esforzo, o bo facer e a intelixencia do seu persoal; unha universidade que esta a facer cada vez máis por menos. O vicerreitor insiste en que se continuará negociando para poder ter uns orzamentos para o 2010. Ábrese unha quenda de intervencións na que D. TLG sinala que non se pode aplicar o EEES sen recursos e denuncia que ao Campus de Lugo non achegan recursos suficientes. D. DRV na súa intervención en nome dos Comités, pon en dúbida a xestión económica que se está a facer e comenta como moi negativa a retirada de financiamento por parte da Xunta. D. Juan José Casares Long reitera a queixa por non ter adiantado a información económica. Na súa intervención explica que se a solución é incrementar a débeda antes o despois haberá que facer fronte a esta situación. Asemade considera que estamos arrastrar unha situación que se deriva de asinar planos de financiamento por número de alumnos cando sabiamos que estaba a diminuír o número de alumnos . En canto ao préstamo de 3,8 millóns de euros, o convenio extraordinario de apoio á USC 2009 de 1 millón novecentos mil, non sabe ata que punto podemos consideralos ingresos, aínda que contablemente poda ser correcto, xa que poden implicar que nalgún momento pasemos a ser máis pobres, aínda que sexan a xuro cero, o incrementar o noso endebedamento. Dá conta de que nos convenios con entidades financeiras entendía que para os próximos catro anos tiñan 7.200.000, polo tanto dividido por catro eran 1.800.000, pero aparece 1.350.000. En relación ao número de ingresos previstos pola retención de actividades de investigación fai unha serie de puntualizacións. D. ETF inicia a súa intervención referíndose a intervención do vicerreitor de Economía, Financiamento e Infraestruturas, como unha intervención de moito mérito ao explicar o proceso no medio do desánimo que hai na Comunidade Universitaria. D.ETF explica que a dedución é que a situación é grave, aínda que bota en falta un pouco máis de análise política da situación. Considera que a situación ten como primeiro corolario que non se pode xa condicionar máis o futuro dos que terán que serán os xestores da universidade e que polo tanto terían que ter a capacidade de poder gravar nas mellores condicións ese futuro que xa este equipo reitoral non vai

desenvolver. Unha rapidísima análise, mesmo cos papeis que foron entregados a última hora, é que o problema fundamental está precisamente nun plano de financiamento que debeu ser impugnado no seu momento, tal é como se pediu en 2008 publicamente para que se fose ata o final diante da situación que estaba creando unha Consellería de Educación, que non estaba disposta a sacar, ou non era capaz de sacar, un plano de financiamento. Pediuse que se fose ata o final, e desde logo que non se fiasen na imposible realización e promesa dun plan de financiamento que obviamente non se produciu porque había unhas eleccións por medio. Considera que analizadas estas cifras podemos ver que diñeiros extras, como o convenio extraordinario, ou mesmo o incremento dos préstamos reintegrables, van minando precisamente esa capacidade, ao extremo de que tamén se están, mesmo se hai que contar o gasto, aprobando algúns como por exemplo axudas propias en investigación no último Consello de Goberno vinculados ao 2010. Pregunta se no cadro onde se reflicte o endebedamento da USC, no cadro 20 hai que sumar aos 37165 os 10025 ou non. Se é así serían 47 os millóns de euros de endebedamento. De todas maneiras, considera que se debe intentar que non sexa xa tarde de máis para afrontar con outras persoas, con outra equipa esta situación. Non se pode, na súa opinión, continuar nunha situación en que hai un grupo, primeiro interesado en forzar unha ruptura e unha fractura, despois que bloquea os Estatutos, despois que continua apoiando, dunha maneira pouco responsable, unha dilatación en forma agora de prórroga, que por certo en época de crise parece que é o menos recomendable de facer, e que en todo caso obedece aos intereses que defende que non ao conxunto de intereses da universidade, e vaise parapetando unha equipa reitoral que dalgunha maneira xa está amortizada e na súa opinión tamén esgotada. Entende que está acabando un período, na nosa universidade, e sería bo que désemos paso a outros aires e a outras posibilidades dentro da Universidade; sobre todo a necesidade de comezar a vertebrar, a impulsar unha ilusión que nos está faltando como graficamente se pode demostrar aquí e da maneira en que podemos estar analizado estes datos. Pide que adiante as eleccións. Por último, considera que o que está agora en xogo é o futuro e isto soa de verdade excesivamente a pasado, porque o auténtico gap que existe, na comunidade universitaria, é o que hai entre os intereses dos grupos que os apoian, e a realidade que se vive día a día nas facultades na nosa comunidade universitaria. Intervén D. CMO quen en nome da Plataforma Universidade Progresista agradece ao vicerreitor a explicación tan detallada que deu en relación á situación económica actual da USC, situación que consideran claramente insostible se se queren manter, como dixo, uns certos niveles de calidade na prestación de todo tipo de servizos, na investigación que se realiza e no desenvolvemento das distintas medidas que precisa o chamado Espazo Europeo de Educación Superior. Engade que os anteriores responsables do goberno da Xunta de Galicia non deron mellorado substancialmente durante o seu mandato o financiamento das universidades, e para os actuais non parece ser isto unha prioridade, agás subvencións finalistas e particulares que ocupan os medios de comunicación pero que non solucionan o problema de fondo. Xa que logo, piden ao equipo de goberno da USC que persista no seu empeño ante a Xunta de Galicia na procura dun financiamento acorde aos retos que se nos pide que afrontemos non só para solucionar este problema puntual dos orzamentos para o ano 2010. En calquera caso consideramos que, se a situación actual non mellora, auguramos tempos difíciles para a USC, nos que será decisivo xentes con probada capacidade e experiencia, ideas claras e realistas, así como con vontade de integrar iniciativas e a colectivos. D.LFP na súa intervención sinala que a USC chegou a unha situación que é inédita e que é singular. Comenta que estamos sen Estatutos que foron boicoteados ou non apoiados polo grupo principal que apoia ao reitor. Sinala que temos 20 millóns menos que é máis da metade do gasto corrente, que é o 22% do que non está comprometido. Unha situación singular tamén porque a aparente crise económica desta universidade parece que nunca remata. Considera que a cuestión é cómo se vira agora esta situación. Sinala que discrepa cordialmente de cal é a orixe desta situación porque ademais é contraditoria. Parecía que sempre estabamos co lobo encima e non nos ía tan mal; a propia experiencia do éxito do campus vida, que felicita e cree que todos nos debemos

felicitar. Sen embargo, considera que o evidente, é que a crise que estaba prevista, era a ausencia dun plano de financiamento. O problema de cómo abordalo con qué bases, de qué forma e con qué criterios. Pregúntase porque chegamos a esta situación. Cree que obedece a un empecinamiento, en prolongar e prorrogar unha situación, non por parte do equipo reitoral con quen é absolutamente solidario, senón nos restos dun grupo que articulou esta universidade durante 20 anos. Explica que nos méritos da recondución da situación que aquí se viu podíanse tomar outras medidas que non se tomaron. Considera que o problema non é de ingreso, nin é de gasto, desde o seu punto de vista o problema é en qué é ese gasto e o carácter creativo, produtivo ou de sumidoiro deses gastos e iso é algo que efectivamente non imos solucionar hoxe. Sinala que si finalmente en xaneiro hai máis datos haberá que discutir novamente iso e contar con nós para aportar mellores ideas. D. JCV fai unha reflexión desde o punto de vista da plataforma de Converxencia pero tamén como claustral. Na súa intervención sinala que é consciente de que se fixo un esforzo por parte do equipo reitoral nos últimos anos polo equilibrio de gastos, pero tamén é consciente de que o financiamento é insuficiente. Sinala que en Europa se fai un esforzo moi forte por parte das universidades por recadar máis ingresos, xa sexa competindo cos países europeos, cos programas nacionais, xa sexa facendo colaboracións coas empresas implicando as universidades coa sociedade. Sinala que hai que ter en conta que a universidade nos últimos anos aumentou o número de titulacións, o número de centros, e hai que pensar o que se está a dar a sociedade para poder exixir máis fondos. Considera que na universidade galega teríamos que aproximarnos ao 1 ou 1.5 como mínimo do PIB. Desde o seu punto de vista cree que o reitor está a facer unha importante labor neste sentido. Explica que temos que convencernos que hai que devolver á sociedade moitas das cousas que nos dá, por exemplo tratando de colaborar coas empresas mediante convenios. Cree que necesitaremos o esforzo de todos se queremos ser unha universidade boa, unha universidade que sexa útil para Galicia. Intervén D. APV quen mostra a súa queixa por ter recibido tan tarde información e pola falta de debate. Na súa intervención sinala que a responsabilidade do financiamento público dunha universidade reside nos gobernos. A segunda cuestión que sinala é a deriva que está tomando todo o que ven relación co ensino superior. Considera que estamos moi lonxe, do esforzo financeiro que fan noutros países europeos. É evidente que aínda queda moito financiamento público que acadar para poñernos a pensar qué podemos vender, ou comercializar, ou privatizar ou acercarnos ás empresas. Outra cousa que considera que hai que diferenciar é a sociedade e a empresa. Sinala que outra cuestión é o que facemos como comunidade universitaria para axudar ao desenvolvemento desta sociedade. Cree que se en algo podemos confiar será na universidade pública, e deberíamos esixirlles aos políticos que gobernan na comunidade autónoma unha actuación en consecuencia con iso. Considera que se temos que recortar en tempos de crise, non podemos recortar onde fai falta inverter, e iso hai que trasladarllo á sociedade. Por último, explica unha cuestión sobre cómo lle transmitimos isto ao resto da sociedade. Parécelles estrañísimo que nun proceso tan longo veñamos a ter este claustro cando xa se rematou o debate no Parlamento. Para finalizar pregunta se este equipo de goberno pensa deixar solucionado o problema para cando se vaia, ou o vai deixar como está neste momento, porque se non hai posibilidade de solucionalo neste prazo o responsable sería dimitir ou poñer enriba da mesa qué podemos facer entre todos e buscar unha resposta conxunta. D. ADR comenta que non entende o que se pretende neste punto. Se se pretende que saibamos a situación está ben pero se se pretende que se saque unha conclusión debería haber outro tipo de debate. Pregúntalle ao vicerreitor se o equilibrio financeiro consiste en que o que ingresamos e o que gastamos é o mesmo, pero o que debemos tamén é o mesmo, co cal seguimos debendo, ou incluso parece que algo máis. Pregunta se debemos 37 ou 47 millóns de euros. Súmase ao que dixo D. APV en relación a financiación. Considera mellor que as liñas de orzamento as faga quen vaia gobernar no futuro esta universidade. O reitor intervén polas alusións a convocatoria de eleccións. Explica que anticipar a convocatoria de eleccións é un tema que se valorou dentro do equipo en distintos momentos; por exemplo, no momento en que cambiou a

composición do goberno e cambiaron os apoios cos que en principio contaban. Se alegra de non telo feito porque probablemente non teriamos Campus Vida. Sinala que a PUP e Converxencia Universitaria foron para este equipo o apoio e a suficiente estabilidade nos últimos meses, como para poder ter percorrido, ganas, capacidade executiva é conseguir un éxito relevante para a universidade. Sinala que no momento que se conseguiu Campus Vida tamén foi tentador dicir “agora nos vamos”. Aclara que foi moi tentador porque o que se está agora explicando non apareceu a semana pasada; levamos meses sabendo cal é a circunstancia que rodea un plan de financiamento, e explicando en reunións con sectores da comunidade universitaria, no Consello Social, no Consello de Goberno, etc. Explica que non se fixo porque se entendeu que mentres existira unha oportunidade de conseguir pechar uns orzamentos aínda que fora cativos pagaría a pena a todos os candidatos e candidatas que se van presentar ás eleccións. Sinala que é precisamente por ese empeño en que se poda tratar de conseguir algo máis estamos aquí pero non se preocupen que xa non hai máis tempo, sinala, hai que convocar xa as eleccións á volta das vacacións, e por moito que as queira anticipar non se van a poder anticipar máis. Intervén a vicerreitor de Economía, Financiamento e Infraestruturas. En relación as primeiras intervencións, explica que non se están a presentar uns orzamentos. Non considera, polo menos nesta universidade que exista un mercantilismo, máis ben todo o contrario. Unha universidade que co 70% do financiamento público se tutea con outras universidades que reciben un 30% máis, desde logo en liñas xerais, hai que considerar que hai eficiencia e eficacia na comunidade universitaria que traballa todos os días con recursos escasos; non mala xestión. Explica que se son capaces de traer unhas liñas xerais se discutirán noutra sesión. Explica que esta universidade ten servizos que non ten ningunha outra universidade, por sorte, e ao mesmo tempo iso xera problemas, pero benditos sexan os problemas por ter uns servizos de residencias, unha escola infantil coma os que temos. Fai autocrítica, ao respecto de que puidemos ter xestionado mellor os recursos e en todo caso apostamos por unha política universitaria que se reflicte nas cifras, e o orzamento non é máis que a tradución da política universitaria, traducida a recursos económicos, En relación a Intervención do profesor Casares explica que este documento non é un documento novo, xa que, na medida en que o que esta a reflectir é a liquidación do ano 2008, xa foi presentado no Consello de Goberno e no Consello Social, como se reflicte na carátula do propio documento. Explica que esta universidade desde o ano 2005 non solicitou novo endebedamento, agás os préstamos reintegrables, pero iso son convocatorias competitivas. Dende o ano 2005 vén diminuíndo o endebedamento polas amortizacións realizadas, como se explicou na información suministrada. Non hai nova débeda bancaria. Non houbo oposición no Consello Social nin no Consello de Goberno a solicitar préstamos reintegrables. O vicerreitor explica que neste Claustro, hai agora un ano, cando se presentaron as liñas xerais, se explicou que o ano 2009 era un ano complicado para a universidade, que se estaba a negociar coa Comunidade Autónoma para obter ese apoio extraordinario que se materializaba en dúas accións: un convenio 1.9 millóns de euros e unha transferencia de capital. Explica que había tamén un compromiso, na medida en que ía haber un novo plan de financiamento; se nos anticipaba unha cantidade que era 3.7 millóns de euros que dalgunha forma, nese novo plan de financiamento, obviamente se restaría. Iso é unha débeda dalgunha forma matizada, non era débeda bancaria, pero na medida en que a nova Xunta non a concedeu, se teñen axustado gastos e ingresos, non se recoñecerá ningún dereito por este concepto, e aínda así se pechará o ano 2009 en equilibrio. Explica o que en relación aos convenios o que se recolle son os ingresos non finalistas. En relación aos ingresos por I+D, explica que unha cousa son os 70 millóns de ingresos que hai por I+D, nos que tamén se inclúen as convocatoria competitivas de retención 0, os préstamos reintegrables de retención 0, eses son ingresos que están na liquidación de 2008, nese ano 2008 ingresamos 6.5 millóns de euros por retencións a actividades de investigación, contratos e convenios. Por tanto, cando se fai un orzamento se fai co criterio de prudencia. En relación a intervención de D. ETF agradécelle a súa valoración; sinala que non vai entrar na valoración política, e que simplemente explica que xa viviron a experiencia de ter unha prórroga no ano 2002, e esa non é a mellor situación. En relación aos intereses dos que se falou sinala que os intereses do grupo cos que traballa no Equipo de Goberno, os que teñen todos os vicerreitores, o persoal

adxunto, e todo o persoal que os axuda, son os de solucionar e buscar a mellor alternativa para a situación da USC. Agradécelle ao D. CMO a súa intervención. En relación á intervención D. LFP agradécelle o recoñecemento, explica que a situación é inédita e singular porque por primeira vez houbo unha caída importantísima do financiamento público, unha caída importante, 13 millóns, pero, como intentamos explicarlle ás administracións públicas, o noso gasto ten unhas derivas, sen facer nada; explica que somos unha administración distinta, do orzamento hai que quitar o 25% sobre o que non temos capacidade de incidencia, podemos renunciar a algún proxecto de investigación pero, son ingresos e gastos finalistas e do outro 75% que resta á súa vez o 70% son gastos de persoal, considera que en temas de persoal hai uns plans de equilibrio que ao mellor temos que atallar ou a universidade terá que adiar un exercicio pero cree que seguen sendo importantes, e así o dixo este Claustro na programación plurianual. Deseguido explica que estamos nunha situación en desequilibrio excepto que recibamos axuda pública. A alternativa que debemos plantexarnos é qué modelo de universidade queremos, queremos unha universidade onde baixamos gastos e polo tanto desgraciadamente teremos que recortar os servizos e caer en excelencia, caer en calidade, e ao mellor caer nas mans do que dicían antes en mercantilismo ou que determinadas actividades que esta universidade presta á sociedade galega teñan que ser expulsadas da universidade. Ese non é o modelo que nós queremos e por iso apostamos; aínda en situación de dificultade económica intentar buscar a mellor universidade. En relación a intervención de D. JCV explica que incrementamos os ingresos finalistas un 125%, o que considera a prestación dun servizo á sociedade. En relación a intervención de D. APV sinala que está de acordo en que os responsables, os gobernos, os que tiñan que financiar a universidade non foron quen de dar resposta e diso somos responsables un pouco todos, nós os primeiros porque somos os que encabezamos a Comunidade Universitaria, pero o conxunto da comunidade galega non está convencida da importancia da universidade. O vicerreitor explica que en cinco ou seis meses, van a facer todo os esforzos para que o tema quede o mellor solucionado, e se non o conseguimos polo menos a comunidade universitaria terá conciencia e consciencia do que está acontecendo, das medidas que temos que facer, que temos entre todos que tratar de cambiar esa conciencia na sociedade para que os nosos gobernantes acheguen os recursos que deben achegar. En relación a intervención de D. ADR explica que desde o 2005, esta universidade non ten débeda nova, ao contrario amortiza rigorosamente a súa débeda. Por último sinala que espera ter aquí unhas liñas xerais, e por tanto uns orzamentos que nos permitan avanzar e seguir posicionándose como unha moi boa universidade aínda que iso implique problemas económicos. 5. Ratificación da representación estudantil na Comisión de Redacción do Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Linguas. Elección de 9 representantes de estudantes do Claustro como membros de dita comisión. O presidente explica que en primeiro lugar se somete a ratificación do Claustro o acordo da representación estudantil na Comisión de Redacción do Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Linguas debido ao compromiso asinado polo goberno da USC cos Comités de alumnos e alumnas do Claustro. Explica que este foi un compromiso que o equipo de goberno adquiriu cos CAF. Ata agora traballouse para facer partícipes non só aos CAF senón a todos os representantes dos alumnos no Claustro, no que foi o desenvolvemento do máster, e ese compromiso só se pode materializar na ratificación desta representación. Se estiveramos de acordo, entón pasariamos ao apartado de “Elección de 9 representantes de estudantes no Claustro como membros de dita Comisión”. De seguido intervén Don Duarte Romero Varela en nome dos Comités manifesta a queixa por esta proposta. Explica que cando se negociou o compromiso do que fala o reitor da participación estudantil nesta comisión o que

se acordou foi a participación estudantil na comisión redactora do mestrado, non nunha comisión valeira de contido. Por iso mesmo, como agrupación, rexeitan esa participación nesa comisión, e por iso mesmo non presentan candidatura. Explica que o compromiso era participar na redacción. O vicerreitor de Oferta Docente e EEES explica que ten que ver cun acordo asinado en maio, cando xa estaba anexada a memoria. Explica que o sistema que ten a universidade é, constituírse unha comisión de redacción para facer as memorias, de alí pasa a comisión de titulacións, Consello de Goberno, Consello Social, autorización de Xunta de Galicia, envíase a verificacións e segue o proceso. Despois constitúese unha comisión académica, para o que teñen que existir estudantes matriculados e profesores en POD, o cal non existe ata que non se empeza a impartir un curso. No caso deste máster, formación do profesorado, o Consello de Goberno entendeu que tiña unha dimensión transversal e por tanto as confrontacións de ideas que tiñan entre a parte que se chama disciplinar, Filoloxías, Historia, Ciencias e a parte pedagóxico-sociolóxica- didáctica eran tales que necesitaba unha comisión que fose interfacultativa. E é nesta comisión na que se transformará a comisión de redacción. A esixencia destes 9 representantes dos estudantes feita polos CAF, é o que se trouxo aquí. No nomeamento, non se fixos máis nada que seguir o que nos solicitou os Conits no acordo asinado, que di a comisión redactora será ampliada a 9 representantes de alumnos e alumnas non claustro Intervén, D. DRV quen entende que no asinado fala literalmente Comisión Redactora o que está a demostrar é que asinaron un compromiso que sabían que non podían cumprir. Dona SRH pregunta se se fixo a transformación da comisión redactora do máster de secundaria nunha supracomisión de seguimento, quen o aprobou, que funcións vai ter, que relación coa comisión académica que en principio é a que organiza e supervisa os másteres. Como membro do Consello de Goberno non recorda que se tomara esa decisión de facer esa transformación ou ese novo papel da comisión redactora. Entende que se non se adoptou ese acordo no Consello de Goberno, que o Claustro, antes de incorporar ningún tipo de representación estudantil a esa comisión, debería ser quen de constituír esa comisión. O reitor explica que o único que se está facendo, é traer a este Claustro a concreción dun acordo que no seu momento establecemos con este colectivo de estudantes. Explica que a comisión redactora pode e debe ter un papel máis político e menos académico no sentido en que terá que ir analizando cada ano a oferta de prazas e onde as ofertan, cousa que non parece que sexa unha responsabilidade da comisión académica dese máster. O profesor D. FDF explica que vendo a resolución reitoral do 2007 na que se desenvolve o regulamento de elaboración dos estudos oficiais de posgrado. no artigo I. onde se fala dos órganos responsables da elaboración do programa oficial de posgrao, di que está a comisión académica ou redactora responsable da iniciativa, que é “responsable da elaboración” dun programa oficial de posgrao. É dicir, unha vez que está elaborado, esa comisión decae. Para que se cree unha comisión cos fines que acaba de mencionar o reitor, de supervisión, de control, é necesario creala no órgano correspondente, cunha denominación, unhas funcións, e esa comisión non está creada. Explica que a partir da aprobación do programa oficial de posgrao hai unha comisión que é a que ten que as competencias, contemplada no artigo 4, e é a comisión académica. Se a universidade considera que debe haber unha comisión de seguimento dun programa oficial de posgrao que se considera de especial relevancia polas razóns que sexan, hai que crear primeiro esa comisión, determinar as súas funcións, a súa composición e logo proceder á designación dos membros correspondentes. O vicerreitor de Oferta Docente e EEES explica que a comisión académica, o que fai é validar unha serie de cuestións, dar os vistos bos aos horarios, solicitar unha serie de aulas, etc. Para nomear esta comisión académica ten que haber alumnos, por tanto a matrícula ten que estar pechada. Mentres, o que se fixo foi nomear automaticamente unha comisión de redacción con funcións de redacción. Neste momento, quen debateu os temas foi esta comisión de redacción, que até dentro de 2 ou 3 meses seguirá existindo. Cando levamos a memoria deste máster a Consello de Goberno dixemos que neste caso en particular era moi interesante que houbese dos comisións e iso é o que se dixo en Consello de Goberno. Outra cuestión é que non estea creada. Eles pediron que fosen alumnos entre os representantes do Claustro, e como dixo o reitor non temos outra forma de facelo, e este é o primeiro Claustro desde entón.

O reitor sinala que este punto vén aquí por un acordo cos Comités. Se agora non teñen ningún interese, e deciden que isto debe de retirarse, e ninguén se opón retirámolo. Despois deste longo debate retírase o punto. 6. Elección Presidente/a da Comisión Electoral Central O presidente recordou que a elección realízase de acordo co compromiso adquirido polo Sr. reitor na sesión do Claustro Universitario do día 1 de xuño de 2005, polo que delega a presidencia da Comisión Electoral Central na persoa que o Claustro elixise. Sinala que como xa indicou a Secretaria Xeral como consecuencia da baixa como membro do Claustro de don Manuel Jaime Barreiro Gil, quedou vacante a presidencia da Comisión Electoral Central delegando o reitor de forma provisoria no profesor don Joaquín Rodríguez-Toubes Muñiz. O presidente informa que a votación se fará no punto de rogos e preguntas abríndose un período de votación de 30 minutos. Puideron presentarse candidaturas ás eleccións programadas no Rexistro Xeral da Universidade (Santiago de Compostela e Lugo), antes das 13:00 horas do día 15 de decembro de 2009. A votación produciuse sen incidentes, supervisada pola Mesa do Claustro. Unha vez pechada a votación, a Mesa do Claustro inicio o escrutinio. O presidente deu a palabra a secretaria xeral, quen comunica ao Claustro os resultados das votacións que foron as seguintes: Votos emitidos: Votos válidos: 52 Votos nulos: 0 Votos en branco: 23 Votos acadados polos candidatos:

D. Gumersindo Villar Casas: 29

O presidente informa de que dados os resultados delega a presidencia da Comisión Electoral Central en D. Gumersindo Villar Casas.

7. Rogos e preguntas. A presidencia do Claustro recorda que a quenda de rogos e preguntas terá unha duración máxima dunha hora. A Presidencia dará a palabra aos membros do Claustro que a soliciten, así como a membros do Equipo de Goberno para dar resposta aos comentarios e preguntas; o tempo de intervención será de 30 minutos (dous minutos máximo para cada intervención) e 30 minutos máximo de intervención para que os membros Equipo de Goberno responda ás intervencións. O presidente dá a palabra aos membros do Claustro que queren facer algún rogo ou pregunta. D. JPB, pregunta polo programa de apoio titorial extraordinario, que está dirixido a un sector de estudantes que están a punto de rematar a titulación, e supón un esforzo por parte do profesorado para resolver situacións de estudantes que teñen algunha dificultade especial para rematar a súa titulación. Cree que é un programa positivo, que resolve problemas e o rogo é solicitar que dalgunha forma este esforzo por parte do profesorado se contabilice dalgunha maneira no seu POD. Pode haber algún problema de tipo técnico relativo a que no momento no que se elabora o POD aínda non hai matriculados nas diferentes materias para saber se vai haber ese tipo de alumnos. A proposta é contabilizar ese esforzo ao ano seguinte ou establecer algún mecanismo que valore ese esforzo. Se non se fai así pódese perverter o sistema porque os profesores poden perder o interese e ao final os prexudicados van ser os alumnos. Don EVZ fai un rogo con referencia á pouca asistencia aos claustros, e recorda que a normativa prevé a perda da condición de claustral pola falta continuada de asistencia sen xustificar. Pide que, ao lado do listado de membros do Claustro se poña o número de asistencias que tivo cada persoa que tiña a condición de claustral; cree que é un motivo de transparencia e responsabilidade, levar un control de quen asiste e quen non e por qué causa. Pide

unha aclaración sobre o que se dixo en relación aos acordos do Consello de Goberno, onde se poden atopar é pregunta se o boletín (BICO) é oficial. Dona RVRO pregunta onde están publicados ou onde se pode obter información do fallo dos premios de innovación educativa. O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo dá resposta a unha intervención que se produciu no informe do reitor en relación ao servizo de reprografías. Informa de que non se está a desmantelar o servizo de reprografía do campus de Lugo,senón que foi sacado a concurso pero non houbo ningún tipo de concorrencia que cumprira coas condicións do prego establecido pola universidade. O vicerreitor de Profesorado e Organización Académica explica que o apoio titorial extraordinario está pensado para casos moi concretos, alumnos que lle faltan soamente dúas materias e non superan doce créditos e está considerado guía e asistencia ao alumnado, e forma parte do labor titorial de todos os profesores. Pode haber casos, nalgunhas materias, de grupos moi importantes de alumnos que necesitan un mesmo apoio titorial e que supoña un esforzo adicional para algún profesor en concreto. Pero en todo caso deberían ser os propios departamentos os que distribuíran ese esforzo. En xeral, o número é baixo e está moi repartido. Unicamente nalgúns casos concretos pode haber unha bolsa importante de alumnos dunha mesma materia podería ser que algún profesor se vira sobrecargado e nese caso si se podería estudar. O director do ICE por petición do reitor informa que está prevista a entrega o luns dos premios de innovación educativa e que logo se lle dará publicidade na web. A secretaria xeral informa que se estudará a súa solicitude de publicación das listas de asistencia ao Claustro. En relación coa publicación do BICO, estase a publicar coa regularidade que é posible, tendo en conta as limitacións de persoal; pero deben saber que tan pronto como se redacta a acta, facemos un resumo que colgamos na web, tanto para Claustro como para Consello de Goberno e que é accesible a toda a Comunidade Universitaria nos seguintes enlaces: http://www.usc.es/gl/goberno/consellogoberno/index.html. http://www.usc.es/gl/goberno/claustro/resumos.html,. Asemade, hai tamén o enlace a acordos do Consello de Goberno dende a sesión do 14 de maio de 2009 na seguinte dirección http://www.usc.es/gl/goberno/consellogoberno/acordos/. A secretaria xeral explica que o BICO non ten validez oficial e por iso se chama boletín informativo. En xeral, os acordos son oficiais desde que se aproban, a non ser que se indique o contrario e teñan que ser ratificados por outro órgano, ou teñan que ser publicados nun diario ou boletín oficial. Estamos intentando avanzar en administración electrónica e a idea é que o BICO, cando se poida, sexa substituído polo taboleiro de anuncios electrónico.

E sen máis asuntos que tratar, levántase a sesión sendo ás 19:00 horas, da que dou fe como secretaria e co Visto e Prace do Sr. Presidente. Vº e Pr. do presidente do Claustro A secretaria do Claustro

O REITOR A SECRETARIA XERAL

Senén Barro Ameneiro Isabel García-Rodeja Gayoso

Anexo O Consello Electo do C.M. San Clemente en representación dos colexiais, escribimos a seguinte misiva para dar a coñece-la

nosa opinión sobre os cambios programados no Noso Maior dento do proxecto Campus Vida. Despois dunha reunión informativa mantida o día 10 de decembro, pola nosa iniciativa, acordouse dar a noraboa á vicerreitoria pola adaptación do San Clemente ás persoas discapacitadas e por abordar unha serie de cambios que todos consideramos necesarias.

Nembargantes, consideramos que os planos de reformas maila a información sobre a mesma adoecen duns mínimos posto que vulneran o Punto 5 do Artigo 11 do Regulamento do Réxime Interno do Noso Maior; o Punto 5 do Artigo 5 do Regulamento do Sistema Universitario de Rsidencias; e, sobre todo o Punto 6 do Artigo 4 do Estatuto do Estudantado. Por todo isto facemos uso do Punto 7 do Artigo 4, e do Artigo 24 do xa nomeado Estatuto, para demandar información acerca dos seguintes puntos:

1. Autoría dos planos do proxecto de reforma de C. M. San Clemente. 2. Motivo da incongruencia entre o estado real do Colexio Maior e o reflectido nos planos empregados para face-la reforma. 3. Proxecto de reforma da planta baixa e do soto, por non aparecer devandita información no plano reflectido na web. 4. Posíbel repercusión das reformas do Colexio Maior sobre as seguintes infraestruturas: caldeira, entubado, sistema de

calefacción, sistema eléctrico e redes de internet. 5. O prazo, exacto, de execución das obras. 6. O futuro da Dirección como órgano xestor propio do C. M. San Clemente, en vista de que nos novos planos non hai

espazos dedicados ao seu despacho. 7. Influencia da supresión dos espazos comúns sobre as Bolsas de Colaboración e sobre as taxas.

Ademais, temo o deber moral de manifesta-la nosa sorpresa ao descubrir que as bibliotecas, sala de televisión, sala de música, laboratorio de fotografía, salón de actos e dirección van ser eliminados nas obras futuras. Opinamos que a desaparición destes espazos comúns atenta contra a “finalidade cultural”, exposta no Artigo 2 do Regulamento Réxime Interno, dos colexios maiores. Se consideramos certo que o proxecto Campus Vida procura a mellora das instalacións universitarias para crear un ambiente axeitado para a construción dunha sociedade do coñecemento, parécenos un erro de cálculo a desaparición de espazos que contribúen a ese fin. Preocúpanos que a desaparición do espazo dedicado á Dirección do Centro implique a centralización da xestión dos Colexios Maiores por considerar que inflúe na autonomía do Noso Maior. Asemade, consideramos que o C. M. San Clemente posúe un patrimonio histórico e cultural nos arquivos que gardan as súas bibliotecas que nós consideramos que debe estar ao alcance de calquera residente. Para concluír queremos facer constar que temos propostas, abertas a discusión, sobre a dirección destas reformas para mante-lo valor destes espazos como centros que funcionan na interacción entre as persoas e que enriquecen, deste xeito, non só a nosa vida universitaria senón a nosa vida en xeral axudando, así, na construción dunha mellor Universidade e dunha mellor Galicia. Esperamos unha pronta resposta e un fluído contacto respecto a este asunto.