Un percorrido pola exposición Luna Azul de Manolo Paz · Cuenco I (2013), un tipo de pedra...
Transcript of Un percorrido pola exposición Luna Azul de Manolo Paz · Cuenco I (2013), un tipo de pedra...
MUSEO DE PONTEVEDRA. Difusión
|
Paseando co artista entre as pedras.
Un percorrido pola exposición Luna Azul de Manolo Paz
O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra prestou o seu chan de eucalipto branco para pousarse
sobre el o peso das “pedras” de Manolo Paz.
Para esta exposición o artista de Cambados fixo unha escolla entre as diversas coleccións que
realizou nos máis de trinta anos que leva traballando, desde o primitivo oficio de canteiro ata a
concienciación de artista autónomo; a madeira, o metal, o formigón, a pedra... son nas súas mans,
símbolos da cultura autóctona e materiais con significado por si mesmos.
Manolo Paz guiounos entre as obras semellando reproducir brevemente o que elas lle contaban,
camiñou tranquilo e calado, compartindo xenerosamente unhas obras que, pouco a pouco, ían
deixando de ser só de el para ser xa nosas e introducíndonos nunha conversa, na que por veces eran
elas quen falaban.
MUSEO DE PONTEVEDRA. Difusión
|
Dado o espazo expositivo, o artista escolleu as obras baixo os condicionantes do peso e as
dimensións que non o limitarían nun espazo exterior ao natural. Así por exemplo, as obras de pedra
foron especialmente estudadas na súa situación segundo a resistencia do chan, e os grandes cubos
de metal dispuxéronse dun xeito horizontal máis que vertical, dados os límites lóxicos de altura das
salas. Do mesmo xeito, o discurso expositivo non responde a unha orde cronolóxica ou temática,
senón á simple adecuación das obras ao espazo.
Comezando o paseo topamos coa obra Catro estacións (2003), composta por catro conxuntos de
formas xeométricas de madeira policromadas segundo as cores que a el lle inspira cada estación do
ano. Son de esquerda a dereita: inverno, outono, primavera e verán. Se o negro, gris e branco están
presentes no inverno; no outono aparecen o marrón e alaranxado; verde, amarelo e vermello na
primavera, e os azuis mariño e celeste no verán. O artista facía alusión tamén á combinación de cores
segundo as bandeiras: galega, española, brasileira, xaponesa,... e á propia importancia da obra como
pintura e escultura á vez.
Trátase esta dunha obra aberta e dúctil de cara ao espectador, xa que permite varias combinacións
de cada unha das pezas dentro do módulo, ou da propia peza volteada por varias caras. O valor
construtivista e xeométrico queda patente, así como a intención de ensamblaxe que hai detrás. El
mesmo demostrouno descolgando e xirando unha delas e volvéndoa a colocar dun xeito distinto,
afirmando que moitas delas encaixarían entre si cal parellas se as xuntásemos. Permite no fondo
unha interacción co espectador, aspecto que estará moi presente ao longo de toda a exposición, xa
que Manolo Paz nos convida a observar a súa obra desde varias perspectivas. Achegarnos ao fondo e
arrimarnos á beira daranos unha visión dinámica e seriada da mesma, mentres que se a observamos
de fronte, semellarán pezas dun puzzle a piques de encaixar.
MUSEO DE PONTEVEDRA. Difusión
|
A seguinte obra coa que topamos é a titulada Terra e aire (1995). Realizada en pedra mallorquina
presenta unha serie de lousas de acabado irregular dispostas de maneira horizontal e vertical e
encaixadas entre si. O propio artista comentaba que practicamente xa eran así, coa súa forma
orgánica, e el só tivo que ensamblalas unhas coas outras.
É evidente a súa reminiscencia ao pasado ancestral, ao menhir, e tamén a existencia dun diálogo
entre home e natureza, baseado sempre nunha relación de alianza e respecto. Fálase aquí do
concepto de escultura habitable, dunha dobre utilidade para a contemplación da obra e desde a
obra, xa que existe unha intención de servir de banco. Manolo Paz convida a percorrela por dentro e
por fóra, a sentar,cada quen ao seu xeito, a ficar alí na obra, tocala e sentila ben de preto para
apreciar así a verdadeira pel da pedra.
O conxunto de obras en pedra que completan a sala pertencen a momentos e series distintas da súa
produción, desde os anos oitenta ata este mesmo 2013. “Cada pedra ten unha historia, pero tamén
forma parte da historia”; para o artista cada pedra ten a súa propia forma e el entende que o seu
labor non é o de cambiala, senón aproveitala tanto por dentro como por fóra e salvagardala para
unha mínima intervención do home, premisa que o liga co movemento do Land Art onde a forza
expresiva radica na paisaxe. Clave, Nube, Capilla… están presentadas sobre unha peaña de madeira,
introducindo así a combinación de materiais, de tal xeito que un serve de soporte e enaltecemento
para outro. O granito, signo identificable de Paz, queda á vista coa súa cor e a súa rugosidade ,
contrastando o interior e o exterior e amosándose totalmente nu ao espectador; sen intervención,
sen engadidos e case sen tratamento. A pedra é sen dúbida a materia máis entroncada coa figura do
artista, quen confesa abertamente que o seu achegamento veu dado no seu momento por unha
razón de miseria económica, o que non lle permitiu traballar co mármore ou bronce. Apréciase
nalgunha peza como xoga cos ocos tan característicos, estes ábrense na pedra como ventás cara a
paisaxe ou fondo que hai detrás e actúan, á súa vez, de marco para esa vista que fica para o
espectador xa como unha instantánea. Os ocos son os ollos da pedra, porque por eles é por onde a
pedra ve. E cobra vida.
MUSEO DE PONTEVEDRA. Difusión
|
Camiñando cara a outra sala atopámonos na parede cunha obra de pedra azul de forma cóncava,
Cuenco I (2013), un tipo de pedra brasileira coa forma traballada e redondeada nos extremos e que,
coa axuda da iluminación, pretende semellar un recipiente de auga cheo. Deste xeito o artista deixa
unha leve liña dada polo cambio de dirección da pedra que é o que marcaría a cantidade de líquido.
A importancia da cor azul é patente en Paz, ao igual que o é noutros artistas galegos, que a
identifican cunha das cores predominantes da nosa terra e que tinguen con mil matices a nosa
paisaxe, chea de ceo e de mar.
MUSEO DE PONTEVEDRA. Difusión
|
Na seguinte sala achamos unha das obras que realizou tras unha das súas estancias en Nova York,
nela aparecen debuxadas unha serie de formas redondeadas percorridas por liñas que el identificou
coas patelas de Arenques (1994), citando como fonte de inspiración o ultramarinos do filme clásico
español “El Pisito” (Marco Ferreri, 1959). A obra lígase de novo coas formas xeométricas e con
toques neo-pop, froito das correntes internacionais que reclamaban a súa atención e que el adaptou
aos temas autóctonos da súa terra.
No resto da sala fai a súa presentación con total protagonismo o metal. Unha serie de cubos
arquitectónicos dispérsanse polo espazo cal módulos de construción que semellan esperar o seu
momento para ser elevados e situados no seu lugar correspondente, que pode ser ese que habitan
neste preciso momento ou pode que non. Esta obra titulada Colmenas (2012) tivo distintas formas e
interpretacións segundo o lugar e momento das exposicións das que formou parte, coas redillas
acomodadas verticalmente ou esparexidas de xeito individual polo chan.
MUSEO DE PONTEVEDRA. Difusión
|
Ao fondo destaca na parede unha maraña de metal escura, Marea negra (2002) componse dunha
reixa pintada coa presenza de engadidos de cor negra e roxa, obra coa que Manolo Paz quixo render
homenaxe á súa terra e ao seu mar, que por momentos se tinguiu de negro tralo final tráxico do
Prestige e o Egeo.
A última é a Sala Azul, que dá nome á exposición; Luna Azul. Cada tres anos ocorre un fenómeno
astrolóxico que leva este nome, no que coinciden dúas lúas cheas no mesmo mes do calendario
gregoriano, feito que sucedeu hai dous anos e ao que o artista fai alusión coas obras sitas nesta sala.
Están realizadas na súa maioría nunha pedra do Brasil, granito de Bahía, caracterizada por unha cor
azulada e unhas vetas moi marcadas. Para Paz esta pedra con forma redondeada sobre o chan ou a
parede convértese nunha Paisaxe aérea e Paisaxe estelar (2013), fainos viaxar ao espazo e
MUSEO DE PONTEVEDRA. Difusión
|
contemplar a Terra, a Lúa e os astros desde unha posición privilexiada, con ollos experimentadores,
soñadores e libres ante unha marabilla ao alcance da man.
En contraste existen pedras que nos devolven á terra, á súa orixe, que tamén é a do propio artista.
Unha das obras de granito situada no centro da sala foi achada no fondo do seu taller e simplemente
trasladada ata aquí. Conserva aínda as cintas empregadas para o seu porte e o artista afirmou non
terlle tocado apenas, tan só “tratado con coidado, xa que o importante na pedra é derramala o
menos posible”.
As poucas pegadas evidentes que deixou o artista aparecen nunha das obras de pedra azul
penduradas na parede do fondo, Paisaxe oval (2013). Unha serie de incisións percorren a peza tal cal
fose rabuñada pola ferramenta do artista, os instrumentos de traballos tradicionais como o martelo e
o cicel, conviven no taller de Manolo Paz con outros máis modernos, como o disco de diamante,
empregados para darlle forma ou xeito á peza de pedra e respectando o máis posible a vestidura
orixinal das súas vetas.
E é que Manolo Paz, a pesares da súa forte ligazón coa Terra e a concienciación da importancia do
pasado e a memoria na súa linguaxe, resulta tremendamente internacional. As súas obras, repartidas
por museos e coleccións de todo o mundo, falan de distintos lugares e tempos e os seus materiais
son froito dun longo e variado periplo que nos leva a indagar no descoñecido, aínda que despois
retorne á casa. Porque el é ante todo un artista galego, que pensa e expresa como tal, e ese é o
idioma do granito que el converte en universal.
Este paseo polo azul non remata dentro das salas, senón que á saída ,na zona de cristal, o visitante
vese mergullado nun fondo mariño habitado por cordas de bateas. Un bosque de cordas de cultivo
con estacas da cor das algas convidan a introducirse no medio delas e avanzar na procura dunha
paisaxe na auga.
MUSEO DE PONTEVEDRA. Difusión
|
A afección do artista á pesca submarina lévao a poñer en valor un mundo que, aínda que ben
próximo, non soe ser visible aos nosos ollos. Esta instalación chamada A donde llega el mar (2013) é
unha reprodución da que presentou como homenaxe a Joan Miró nunha exposición realizada en
Palma de Mallorca no 2002. E a onde chegar é do que fala o artista a través das pedras e destas
obras, a esa lúa e ese mar azul que cheiran a verán, que se expanden polo espazo, polo museo,
atravesando as bateas e os cristais ata saír á rúa. Porque, como afirma Manolo Paz, ao final “o mar
sempre chega á terra”.
Begoña F. Lorenzo.
Gabinete Didáctico