MIRA GALICIA
ESTACA DE BARES – CABO ORTEGAL – SERRA DA CAPELADA
■ Provincias polas que transcorre a viaxe: A Coruña – Lugo.
■ Comarcas importantes polas que pasaremos: Terra Chá, Eume, Ortegal.
■ Concellos importantes do itinerario: Vilalba – As Pontes de García Rodríguez, Mañón,
Ortigueira, Cariño, Cedeira.
■ Relevo: Serra da Faladoira – Serra da Capelada.
■ Ríos: Sor – Eume.
As Pontes de García Rodríguez
■ A economía deste concello coruñés baséase na industria, salientando a central térmica na
que chama a atención a súa cheminea de 356 m de altura. Esta central estase
reconvertendo para queimar carbón de importación, xunto co establecemento do ciclo
combinado que permita producir 800 megavatios.
■ Anteriormente, a central queimaba lignito extraído dunha mina a ceo aberto que se
encontraba preto da mesma. Actualmente, a mina deixouse de explotar e a enorme
escavación converteuse no maior lago artificial de España, coa auga achegada
principalmente polo río Eume. As súas dimensións máis destacables son: 18 quilómetros
de perímetro, a súa superficie é de 865 hectáreas e a súa máxima profundidade 200
metros.
Vista do lago coa central térmica ao fondo
■ Despois de saír das Pontes, comezamos a subida cara á Serra da Faladoira e pasamos
polo parque eólico situado ao pé do pico Caxado, na parte máis alta. Desde alí xa
podemos albiscar o mar e a punta de Estaca de Bares.
■ Logo, iniciamos a baixada cara ao Barqueiro, no concello de Mañón. Na parte final da
baixada, levamos o río Sor á dereita, marcando o límite coa provincia de Lugo.
■ O Barqueiro é unha vila mariñeira chamada así porque antigamente, para cruzar o río,
había que facelo en barca xa que non existían ningunha das pontes que podemos ver
hoxe.
Estaca de Bares
■ Estaca de Bares é a punta máis setentrional de España. Marca o límite entre o mar
Cantábrico e o océano Atlántico.
■ Pola súa posición estratéxica é un lugar moi importante no paso de barcos e tamén de aves.
Por esa razón, aquí establecéronse instalacións de axuda á navegación: semáforo, faro... (1)
e mesmo un observatorio de aves (3). A poucos metros deste hai varios muíños en serie
que son unha boa mostra do aproveitamento dos recursos – neste caso, un pequeno regato
cando escasean.
■ Na Segunda Guerra Mundial, nesta zona producíronse enfrontamentos navais e aéreos
entre as forzas de Alemaña e os aliados. Máis tarde, os Estados Unidos situaron neste lugar
(2) unha base militar, da que quedan os restos das instalacións.
Serra da Capelada
■ A Serra da Capelada corre ao longo da costa desde Cedeira a Cabo Ortegal.
■ Unha das características máis interesantes desta zona é que a serra chega ata o mar
orixinando cantís de 500 m de caída, que pasan por ser dos máis altos de Europa. O punto
culminante está na Garita do Vixía de Herbeira
Santo André de Teixido
■ Neste lugar está un dos santuarios máis famosos de Galicia. Todos os anos chegan a el miles
de romeiros para pedir favores ao santo ou darlle as grazas mediante oracións, esmolas,
ofrendas....
■ Existen varias lendas sobre o santuario e a súa fama. Unha delas conta que cando Deus
mandou a santo André para estas terras, este queixouse porque era un lugar remoto e non
ía ter ningunha visita. Pero Deus tranquilizouno e díxolle: “non te preocupes porque virá
moita xente xa que virá de morto o que non veña de vivo”. Tamén conta a lenda que as
ánimas dos defuntos van a Teixido baixo a forma de animais como os réptiles polo que os
camiñantes non deben maltratar ningún destes animais camiño do santuario; tamén poden
ir na compaña doutros peregrinos.
■ As xentes que acoden ao lugar realizan unha serie de rituais, ademais de escoitar misa:
baixan á fonte que ten propiedades fertilizantes e mesmo pode ser utilizada para predicir o
futuro tirando unha miga de pan na auga: se aboia, a petición cumprirase; se vai ao fondo,
non se cumprirá.
■ Tamén podemos atopar a herba namoradeira coa que podemos namorar á persoa que nós
desexemos.
■ Dentro da igrexa poderemos ver as ofrendas máis diversas: cadaleitos, figuras de cera,
xoguetes, barcos... depositados en agradecemento pola axuda prestada polo santo.