Subamos axiña ao barco pra facer un percorrido
-soprando o vento nas velas- por toda a RÍA DE VIGO.
E faremos nove escalas, cada unha nun CONCELLO dos que se asoman ao mar,
pra baixar a coñecelo.
Empezamos polo Norte e alá, na boca da Ría, saímos de Cabo Home
fronte ás Cíes que vixían.
Bordeamos pola costa todo o Concello de CANGAS que é, de todos os galegos,
o que conta con máis praias.
Deixando Rodeira atrás -praia onde as meigas danzaban-
xa entramos noutro lugar: atopámonos en MOAÑA.
MOAÑA atópase no medio, onde a Ría algo se estreita, mar tranquilo e abrigado
repoboado por bateas.
Navegamos baixo a ponte que pola altura discorre e entramos en VILABOA
por San Adrián de Cobres.
Ao final deste Concello cando a Ría xa se pecha tocamos Ponte Sampaio
que pertence a PONTEVEDRA.
SOUTOMAIOR, por Arcade
tamén á Ría se achega, paramos, comemos ostras
e entramos en REDONDELA.
REDONDELA ten tesouros que non teñen parangón: os da batalla de Rande
e a Illa de San Simón.
E por debaixo da ponte a viaxe proseguimos
e as ondas do mar de VIGO báñannos con agarimo.
A que lle dá nome á RÍA
é unha importante cidade con porto, comercio, industrias
e unha gran actividade.
E chegamos a NIGRÁN o penúltimo Concello
coa grande Praia América
e areais máis pequenos.
BAIONA ten unha Ría dentro da Ría de Vigo cunha antiga fortaleza
que é Parador de Turismo.
Aquí chegou a noticia
da América descuberta
porque a carabela Pinta
en BAIONA tocou terra.
E xa no Cabo Silleiro a viaxe rematamos,
as Cíes outra vez preto e mar afora, o ATLÁNTICO.