Post on 27-Jan-2019
1
SEGUNDA REPÚBLICA E GUERRA CIVIL
Selección documental a partir da realizada por Xosé Alfeirán, Ana Brea e Ana Romero
ÍNDICE
1. A esperanza dunha nova era
2. A República en Madrid
3. Proclamación da República na Coruña
4. Primeira declaración do Goberno provisional republicano
5. A proclamación da República en Barcelona
6. A CNT e a República española
7. Creación de novas forzas públicas
8. A xerarquía eclesiástica e a chamada ao voto
9. A queima de igrexas e conventos
10. Sentencia condenatoria contra Afonso XIII
11. A afiliación sindical en 1931 (M. Artola)
12. Principios masónicos
13. A defensa dun Estado laico
14. A reforma da educación
15. Un partido nacionalista: o Partido Galeguista
16. A situación do campesiñado do sur de España
17. A participación no golpe de Estado de Sanjurjo
2
18. Os sucesos de Casas Viejas
19. Reacción dos propietarios latifundistas ante a reforma agraria
20. Obxectivos electorais da coalición antimarxista en 1933
21. Ideario político de FE-XONS
22. Alianza Obreira en Asturias
23. As xornadas de outubro de 1934 en Cataluña
24. A revolución de outubro de 1934 en Asturias
25. A represión da revolución de Asturias
26. Propaganda electoral da CEDA nas eleccións de 1936
27. Chamada ao voto da Fronte Popular
28. A defensa dun Estado forte e militar
29. Reivindicacións no Primeiro de Maio ao goberno da Fronte Popular
30. Un modelo anarquista de organización social
31. Os preparativos do golpe de Estado
32. Acusacións das dereitas ao Goberno e á democracia
33. O plebiscito de Estatuto galego. Resultados
34. A disolución do exército e entrega de armas aos obreiros en xullo de 1936
35. O triunfo do alzamento en Galicia
36. A nova España
37. Apoio da Igrexa á rebelión militar: a Cruzada
3
38. A creación do exército republicano
39. O saúdo fascista
40. Os nacionais invitan ao pobo de Madrid á rendición
41. A liberación do Alcázar de Toledo polas tropas nacionais
42. A constitución do Goberno vasco
43. Cambios na España republicana
44. O POUM, un partido comunista revolucionario
45. A experiencia dun voluntario antifascista na Guerra Civil española
46. Medidas do Partido Comunista para gañar a guerra
47. Vivencias infantís durante a Guerra Civil
48. A supresión do réxime concertado nas provincias vascas
49. Actividades colectivizadoras durante a Guerra Civil
50. Abolición do Estatuto de Cataluña
51. A proposta de paz dos Trece Puntos
52. O último obxectivo: resistir
53. A masonería adhírese á República
54. Despedida dos voluntarios italianos
55. Despedida das Brigadas Internacionais
56. Rehabilitación de Afonso XIII
57. A liquidación da oposición política
58. Golpe de Estado do coronel Casado en 1939
59. O exilio dos nenos durante a Guerra Civil
60. A traxedia dos derrotados en Alacante
61. A depuración dos partidarios da República
62. Lembranzas da Guerra Civil
4
63. Cancións da Guerra
1. A esperanza dunha nova era
A caída da monarquía de Afonso XIII produciuse tras as eleccións municipais
convocadas para o 12 de abril de 1931. O novo réxime político republicano abría
para España múltiples esperanzas de cambio.
2. A República en Madrid
A medida que se foron coñecendo os resultados das eleccións do 12 de abril, a
poboación madrileña saíu ás rúas para celebrar o triunfo dos republicanos sobre
as candidaturas monárquicas. Nun ambiente de emoción controlada e de euforia
colectiva, foi proclamada a República en Madrid.
[Na tarde do día 14] Chegamos preto de Cibeles. A partir de alí tivemos que ir moi a
modo, porque a rúa estaba chea de xente. Pronto fomos recoñecidos e alí comezou o
noso calvario. Tardamos case dúas horas en percorrer o traxecto da rúa de Alcalá que
une a praza de Cibeles coa Porta do Sol, é dicir, pouco máis dun quilómetro. O xentío
abríanos camiño a forza de empurróns e apertóns, e subíanse nos estribos e aletas do
meu coche (...).
Na Porta do Sol a aglomeración desbordaba xa toda medida imaxinable. Os farois, os
tranvías parados no medio da praza, os balcóns e os tellados eran ocupados por
innumerables acios humanos. Os gritos enxordecían. (...) Por fin chegou o meu coche
ante a porta principal do Ministerio. A porta estaba pechada. No balcón principal, con
asombro meu, ondeou de pronto a bandeira republicana (...). Ante a porta pechada só
estabamos Largo Caballero e eu, rodeados, claro está, dunha masa vociferante que
pedía que se abrisen as portas.
De súpeto, abríronse estas de par en par, e apareceu no vestíbulo un piquete da Garda
Civil cerrando o paso. Cuadreime diante deles, descubrinme e díxenlles:
-Señores: paso ao Goberno da República!
Os soldados, como se o tivesen ensaiado previamente, abriron paso e, en dúas filas,
unha a cada lado, presentaron armas.
Miguel MAURA. Así caeu Afonso XIII. 1963 [cast.]
3. Proclamación da República na Coruña
De modo similar ao que sucedeu na maioría das cidades españolas nas que
triunfaron os republicanos e socialistas, na Coruña foi proclamada a República
5
polo concelleiro que encabezaba a listaxe, desde a casa do Concello, mediante
un bando no que se comunicaba á poboación o cambio de situación.
Fago saber: Que o Concello elixido polo pobo da Coruña o domingo 12, congregado
coa asistencia do pobo ás 17 horas e 15 minutos de hoxe, na Casa Consistorial,
acordou, en atención ao desenvolvemento dos sucesos da vida nacional e interpretando
a vontade do país, proclamar a República.
Conseguimos a república despois de considerables esforzos e sacrificios e cómpre
agora demostrar que sabemos merecela. Para iso a Alcaldía, no nome do Concello do
podo da Coruña, tradicionalmente liberal e democrático, solicita o auxilio dos
cidadáns e pide a todos que nin alteren a tranquilidade pública nin adopten represalias
de ningún tipo, pois a obra nefasta da tiranía nestes anos vergoñentos será
escrupulosamente revisada e serenamente xulgada. (...)
Cidadáns: Sede dignos da vosa obra! Gardade a orde e disciplina como único medio
para facer xustiza e para consolidar a liberdade e a democracia! Viva a República!
Antonio LENS VIERA [Alcalde accidental da Coruña]. Bando municipal. 14-4-1931
[cast.]
4. Primeira declaración do Goberno provisional republicano
Tras a proclamación da República, o Goberno provisional da República,
presidido por Alcalá Zamora, decretou unha amnistía xeral e fixo unha
declaración de intencións na que se proclamaban as liberdades públicas e
sindicais, sometendo as súas decisións á sanción das futuras Cortes constituíntes.
O Goberno declara:
1º. Dada a orixe democrática do seu poder e en razón do responsabilismo en que deben
moverse os órganos do Estado, someterá a súa actuación colexiada e individual ao
discernimento e sanción das Cortes constituíntes (...) chegada a hora de declinar ante
ela os seus poderes.
2º. Para responder aos xustos e insatisfeitos anhelos de España, o Goberno provisional
adopta como norma depuradora da estrutura do Estado someter inmediatamente, en
defensa do interese público, a xuízo de responsabilidade os actos de xestión e
autoridade pendentes de exame ao ser disolto o Parlamento en 1923 (...).
3º. O Goberno provisional fai pública a súa decisión de respectar de maneira plena a
conciencia individual mediante a liberdade de crenzas e cultos (...).
4º. O Goberno provisional orientará a súa actividade (...) no acatamento da liberdade
persoal (...) e os dereitos dos cidadáns [e] aspira a ensanchalos, adoptando garantías
de amparo para aqueles dereitos e recoñecendo como un dos principios da moderna
dogmática xurídica o da personalidade sindical e corporativa, base do novo dereito
social.
5º. O Goberno provisional declara que a propiedade privada queda garantida pola lei;
en consecuencia non poderá ser expropiada, senón por causa de utilidade pública e
previa a indemnización correspondente; (...) adopta como norma da súa actuación o
recoñecemento de que o dereito agrario debe responder á función social da terra.
GOBERNO PROVISIONAL. Declaración. 15-4-1931 [cast.
6
5. A proclamación da República en Barcelona
Coa chegada da República, rebrotaron con forza os movementos nacionalistas,
perseguidos e prohibidos pola Ditadura. En Cataluña foi onde primeiro se
manifestaron, proclamándose o Estado catalán, decisión que foi rectificada
posteriormente para adecuala ao modelo que establecese a futura Constitución
española.
A noticia dos sucesos ocorridos no Concello e praza de San Xaime, ocorreu con
celeridade eléctrica e tivo inmediata repercusión nas Ramblas. De todas partes xurdían
grupos con bandeiras das cores republicanas e outras das cores catalás (...). O paso
das bandeiras era saudado con frenéticas ovacións e vivas entusiastas. (...) O novo
alcalde, señor Companys, a penas tomou posesión provisionalmente da Alcaldía,
dirixiu ao señor Alcalá Zamora o seguinte telegrama: "Esta mañá, ás doce,
acompañado dos concelleiros electos, requirín ao alcalde accidental, señor Martínez
Domingo, a entrega da vara de alcalde e do cargo, o que fixo facendo constar a súa
protesta. Saúdoo: Companys".
Mentres no Concello tiñan efecto os feitos relatados, un numeroso grupo penetrou na
Deputación e no balcón principal foi izada a bandeira republicana, en medio de
grandes aplausos e cantando o público a Marsellesa. Despois colocaron un cartel nos
balcóns que dan á Praza de San Xaime, no que se lía: "O rei Afonso abdicou. Goberno
provisional. Viva a República". (...) O señor Maciá, acompañado do señor Gassol, saíu
ao balcón provincial e, tras cesar os aplausos con que foi recibido, dixo: "No nome do
pobo tomei posesión do Goberno de Cataluña. Hoxe o pobo deunos o seu voto para que
gobernemos a cidade (...). Tamén vos digo que temos que facernos dignos desta
liberdade". (...) O señor Maciá e os seus amigos pasaron a ocupar seguidamente o
despacho presidencial onde volveron a reunirse e foi ditada a seguinte nota: "No nome
do pobo de Cataluña proclamo o Estado catalán, baixo o réxime dunha República
catalá, que libremente e con toda cordialidade desexa e pide aos outros pobos de
España a súa colaboración na creación dunha Confederación de pobos ibéricos e está
disposta ao que sexa necesario para libralos da Monarquía borbónica”.
La Vanguardia.15-4-1931 [cast.]
6. A CNT e a República española
A proclamación da Segunda República foi seguida por unha gran euforia popular,
pero o apoio ao novo réxime non foi unánime, porque os intereses dos diferentes
grupos sociais eran diferentes. Os anarquistas, por exemplo, mantiveron unha forte
hostilidade e defenderon a proclamación do comunismo libertario.
Ao pobo español:
Foi proclamada la República en España.
O nefasto Borbón que nos tiña a argola ao pescozo, tivo que deixar o poder. O Concello, a
Deputación, Correos e Telégrafos están en mans do pobo. Para sancionar estes feitos, o
pobo debe manifestarse na rúa.
Non nos entusiasma unha república burguesa, pero non consentiremos unha nova
ditadura.
7
Contra unha posible reacción dos elementos armados o pobo debe estar en pé. Se a
República quere consolidarse será indubidablemente contando coa organización obreira,
do contrario non poderá.
Como condición previa esiximos a inmediata liberdade de todos os nosos presos.
Despois disto, moi primordial, imporemos outras condicións.
CNT. Manifesto. Barcelona, 15-4-1931 [cast.]
7. Creación de novas forzas públicas
Unha das reformas emprendidas polo goberno republicanosocialista foi a militar,
completada coa creación dun novo corpo de forzas armadas que substituíse á
Garda Civil no mantemento da orde pública, unha policía nacional leal á
República.
A impopularidade do corpo [a Garda Civil] entre as masas obreiras, moi especialmente
entre os campesiños, era extraordinaria. Non sei se con razón ou sen ela, pero o certo era
que a Garda Civil constituía para moitas xentes a encarnación da supervivencia dos
sistemas inquisitoriais na pescuda dos feitos delituosos e na depuración de
responsabilidades, ademais de representar a violencia da represión (...). Cada vez que
interviña era inevitable que o número de baixas fose elevado, dado o seu armamento e o
seu obrigado modo de proceder. Anxo Galarza e eu planeamos a creación do novo corpo
de policía armada, ao que acordamos darlle o nome de Garda de Asalto. Esixíase a
estatura mínima dun metro oitenta centímetros e unha constitución física verdadeiramente
excepcional. O seu adestramento era intensivo no ximnasio.
O resultado foi que comezada a súa organización a finais de maio, en outubro xa contaba
cun corpo de Gardas de Asalto de oitocentos homes formidablemente adestrados e
preparados para a acción, armados con porras e pistolas e dotados dun material móbil
que permitía acudir, aos poucos momentos, ao lugar preciso.
Miguel MAURA. Así caeu Afonso XIII. 1962 [cast.]
8. A xerarquía eclesiástica e a chamada ao voto
Ao proclamarse a República, o Goberno provisional anunciou unha serie de
reformas, entre as que destaca a separación da Igrexa e o Estado e o recoñecemento
da liberdade relixiosa, o que provocou o rexeitamento frontal da Igrexa católica,
que mantiña unhas posicións moi conservadoras.
Nestes momentos de angustiosa incerteza, cada católico debe medir a magnitude das súas
responsabilidades e cumprir valorosamente co seu deber. (...) Se deixamos expedito o
camiño aos que se esforzan en destruír a relixión ou fiamos o triunfo dos nosos ideais á
benevolencia dos nosos inimigos, nin sequera teremos dereito de lamentarnos cando a
triste realidade veña a demostrarnos que, tendo a vitoria na nosa man, nin soubemos
loitar con coraxe nin sucumbir con gloria.
Nas circunstancias actuais todos os católicos, sen distinción de partidos políticos, deben
unirse en apertada falanxe (...). E así dicimos a todos os católicos, republicanos ou
monárquicos, podedes nobremente discutir cando se trate da forma de goberno da nosa
nación, ou de intereses puramente humanos; pero cando a orde social está en perigo,
8
cando os dereitos da Relixión están ameazados, é un deber imprescindible de todos
unirnos para defendela e salvala.
É urxente que nas actuais circunstancias os católicos, prescindindo das súas tendencias
políticas, nas cales poden permanecer libremente, se unan de maneira seria e eficaz para
conseguir que sexan elixidos para as Cortes Constituíntes candidatos que ofrezan a plena
garantía de que defenderán os dereitos da Igrexa e da orde social.
Pedro SEGURA [Cardeal]. Pastoral. 1-5-1931 [cast.]
9. A queima de igrexas e conventos
No inicio da República, a actuación de grupos anticlericais coa queima de igrexas e
conventos e ataques a cregos e monxas, foi moi forte e o goberno republicano non
freou con eficacia estes ataques. Estes feitos foron moi criticados e condenados por
intelectuais e grupos republicanos, defensores dun Estado laico.
Unhas cantas cidades da República foron sometidas a actos vandálicos por pequenas
turbas de incendiarios. En Madrid, Málaga, Alacante e Granada fumean os edificios onde
vivían xentes que, é certo, causaron danos enormes á Nación española, pero hoxe,
precisamente hoxe, cando xa non teñen o poder público na man, son por completo
inocuas. (...) Extirpados os seus privilexios e man a man cos outros grupos sociais, as
ordes relixiosas significan en España pouco máis que nada. A súa influencia era grande,
pero prestada; procedía do Estado. Crer outra cousa é ignorar por completo a verdadeira
realidade da nosa vida colectiva. Queimar, pois, conventos e igrexas non demostra nin
verdadeiro celo republicano nin espírito de avanzada, senón máis ben un fetichismo
primitivo ou criminal que leva o mesmo a adorar as cousas materiais que a destruílas. O
feito repugnante avisa do único perigo grande e efectivo que para a República existe: que
non acerte a desprenderse das formas e as retóricas dunha arcaica democracia en vez de
asentarse desde logo e inexorablemente nun estilo de nova democracia. Inspirados por
esta, non queimarían os edificios, senón que máis ben se terían proposto utilizalos para
fins sociais. A imaxe da España incendiaria, a España do lume inquisitorial, lles
impediría, se fosen de verdade homes desta hora, recaer neses estúpidos usos crematorios.
Gregorio MARAÑÓN, Xosé ORTEGA Y GASSET, Ramón PÉREZ DE AYALA,
Manifesto. Madrid, 11-5-1931 [cast.]
10. Sentencia condenatoria contra Afonso XIII
Unha das primeiras medidas tomadas polo Goberno provisional foi someter a
xuízo de responsabilidades ao réxime caído. O resultado foi unha sentencia
condenatoria contra Afonso XIII aprobada polas Cortes que, posteriormente,
Franco derrogará en 1938.
As Cortes Constituíntes declaran culpable de alta traizón, como fórmula xurídica que
resume todos os delitos da acta acusatoria, ao que foi rei de España, quen, exercitando
os poderes da súa maxistratura contra a Constitución do Estado, cometeu a máis
criminal violación da orde xurídica do seu país e, en consecuencia, o Tribunal
soberano da nación declara solemnemente fóra da lei a don Afonso de Borbón e
9
Habsburgo-Lorena. Privado da paz xurídica, calquera cidadán español poderá
aprehender a súa persoa se penetrase en territorio español.
Don Afonso de Borbón será degradado de todas as súas dignidades, dereitos e títulos,
que non poderá ostentar legalmente nin dentro nin fóra de España, dos cales o pobo
español, por boca dos seus representantes elixidos para votar as novas normas do
Estado español, declárano decaído, sen que poida reivindicalos xamais nin para el nin
para os seus sucesores.
De todos os bens, dereitos e accións da súa propiedade que se encontren no territorio
nacional incautarase, no seu beneficio, o Estado, que disporá o uso conveniente que
deba darlles.
Esta sentencia, que aproban as Cortes soberanas Constituíntes, despois de publicada
polo Goberno da República, será impresa e fixada en todos os Concellos de España, e
comunicada aos representantes diplomáticos de todos os países, así como á Sociedade
de Nacións.
GOBERNO DA REPÚBLICA. Sentencia. 26-11-1931 [cast.]
11. A afiliación sindical en 1931 (M. Artola)
O clima de liberdades e de esperanzas de cambios que a República propiciaba
contribuíu a un importante incremento da afiliación sindical, especialmente ás
centrais sindicais maioritarias, UXT e CNT.
12. Principios masónicos
A masonería en España, agrupada en distintas loxas e obediencias, e cuns cinco
mil individuos aproximadamente, apoiou e celebrou a proclamación da
República, de acordo cos seus principios de defensa das liberdades.
Haberá que repetir que a masonería non é irrelixiosa, que non combate ningún
sentimento nin crenza relixiosa, senón unicamente a intolerancia dogmática, (...) non só
(...) cando vén dun dogmatismo dunha relixión (...), senón tamén cando vén dun
dogmatismo materialista. (...).
Na orde política (...) será conveniente que esta Asemblea ratifique a nosa fe
representada no lema de Liberdade, Igualdade, Fraternidade, fe liberal e democrática
10
incompatible con calquera ditadura, tiranía ou despotismo, proceda do campo que
proceda.
E en canto á orde social (...), a masonería formula unha declaración de principios
condenando a inxustiza do réxime económico en que vivimos; e o mesmo que loitou
pola conquista das liberdades políticas, con idéntica amplitude (...), sen descender en
partidismos, deberá loitar polo establecemento dun réxime de verdadeira xustiza social.
GRAN ORIENTE ESPAÑOL. Asemblea Xeral Extraordinaria. Madrid, 20-2-1932
[cast.]
13. A defensa dun Estado laico
Unha das reformas do Goberno republicano, referido á práctica relixiosa,
establecía a secularización do Estado, o establecemento da liberdade de cultos e
a limitación dos poderes á Igrexa. A defensa destas ideas foi realizada nas
Cortes por Azaña.
Cada unha destas cuestións, señores deputados, ten unha premisa inescusable,
indeleble na conciencia pública, e ao vir aquí, ao tomar feitura e contextura
parlamentaria é cando xurde o problema político. (...) Refírome a isto que chaman
problema relixioso. A premisa deste problema, hoxe político, formúloa eu desta
maneira: España deixou de ser católica; o problema político conseguinte é organizar o
Estado en forma tal que quede adecuado a esta fase nova e histórica do pobo español.
(...) Eu non podo admitir, señores deputados, que a isto se lle chame problema
relixioso. O auténtico problema relixioso non pode exceder dos límites da conciencia
persoal, porque é na conciencia persoal onde se formula e responde a pregunta sobre o
misterio do noso destino. Este é un problema político, de constitución do Estado (...),
porque o noso Estado, a diferenza do Estado antigo, que tomaba sobre si a tutela das
conciencias e daba medios de impulsar ás almas, incluso contra a súa vontade, polo
camiño da salvación, exclúe toda preocupación ultraterrea e todo coidado da
fidelidade, e quita á Igrexa aquel famoso brazo secular que tantos e tan grandes
servizos lle prestou. Trátase simplemente de organizar o Estado español con
subxección ás premisas que acabo de establecer.
Manuel AZAÑA. Discurso [nas Cortes]. 13-10-1931 [cast.]
14. A reforma da educación
A reforma educativa foi unha das que máis entusiasmo espertou entre un sector
importante de republicanos, intelectuais, estudantes, docentes… Ademais de
xeneralizar a escolarización, o goberno republicano pretendía levar a instrución e a
cultura aos sectores máis desfavorecidos a través de institucións como as Misións
Pedagóxicas, que dirixía Bertomeu Cossío, ou La Barraca, dirixida por Federico
García Lorca.
Un acontecemento inesperado veu alegrar as nosas vidas. Xa nos chegaran noticias
dunha creación da República que estaba tendo moito éxito por onde pasaba: as Misións
Pedagóxicas. Un grupo de profesores e estudantes de Madrid e outras cidades que
viaxaban cargados de libros, películas, gramófonos e se instalaban por un ou varios días
11
nos pobos que máis o necesitaban para compartir coa xente unha festa de cultura.
Escritores, artistas, intelectuais, sumábanse ás Misións día a día. Oíramos falar diso e
agora se nos anunciaba a través da Inspección que o pobo de Ezequiel fora elixido para
celebrar unha Misión. Tamén estaban invitados os veciños dos pobos próximos. "Hai que
falar co Alcalde, hai que buscar un local, hai que aloxalos a eles..." (...)
Cando circulou a noticia de que as Misións Pedagóxicas chegarían ao pobo de Ezequiel,
o murmurio converteuse en algarabía. Abertamente, a xente preguntaba: Que veñen
facer? É para o voto? Canto nos van sacar?
Apoiados dos mozos das clases de adultos tratamos de contrarrestar a campaña que se
estaba estendendo en contra das Misións. (...) Ezequiel escribiu ao Inspector e deulle
noticia do clima que algúns estaban creando. O Inspector (...) presentouse no pobo e
convocou na escola aos veciños. Con discreción e prudencia falou á xente. "Non se trata
de pedirvos cartos. Tampouco se trata de facer propaganda política. Tedes que entender
que é un esforzo da República apoiado por persoas desinteresadas que dedican o seu
tempo libre a traervos unha festa de cultura" (...).
- A idea é fermosa -recoñeceu Ezequiel-. é emocionante e estas xentes non esquecerán o
que viviron. (...) Vexo aos máis pequenos absortos no movemento dos monicreques. Vexo
aos vellos contemplando por vez primeira as imaxes en movemento. Escoito as preguntas
dos mozos, máis interesados no misterio da máquina que no propio milagre da película.
Como se pode? Como funcionan os acumuladores? Como se para? Como se pon en
marcha?
Mundos descoñecidos aparecían ante os ollos dos campesiños. Documentais doutros
países, cine de humor, debuxos animados. A música popular coñecida e amada e aquela
outra que escribiron xenios universais, todo era seguido en reverente silencio. (...) Os
aplausos torpes e suaves ao principio, enérxicos en seguida, pecharon a festa. Algúns
tiñan os ollos cheos de bágoas.
Xosefina R. ALDECOA. Historia dunha mestra. 1990 [cast.]
15. Un partido nacionalista: o Partido Galeguista
A finais de 1931, a confluencia de diversas personalidades e grupos galeguistas
fundaron en Pontevedra o Partido Galeguista; o seu obxectivo básico era a
conquista da autonomía para Galicia.
Aclaración previa.
Os grupos políticos representados nesta Asemblea reúnense de agora en adiante baixo a
disciplina e título de Partido Galeguista e acordan invitar aos demais agrupamentos que
coincidan co seu programa a facelo. Reclama esta solidariedade o estado actual da
política galega e a marcha de reconstrución da personalidade da nosa terra. Avala
aquela denominación o uso xeral da verba "galeguista" no noso pobo para deseñar todas
as modalidades de exaltación e defensa da galeguidade. (...)
Declaración de principios:
Galicia, unidade cultural. Afincamento das características da personalidade galega:
lingua, arte, espírito.
12
Galicia pobo autónomo. Autodeterminación política de Galicia dentro da forma de
goberno republicana.
Galicia, comunidade cooperativa. A terra para o traballo; o traballo para a terra.
Galicia, cédula de universalidade. Anti-imperialismo internacional, pacifismo.
Programa básico do Partido Galeguista. A Nosa Terra. 1-1-1932.
16. A situación do campesiñado do sur de España
As malas condicións de vida e de traballo dos campesiños sen terras, xunto coa
lentitude con que se realizaba a reforma agraria, levou á radicalización da clase
campesiña, coa ocupación de fincas, manifestacións e accións revolucionarias en
moitos pobos do sur do país.
A terra estremeña tinguiuse estes días con sangue, consecuencia dolorosa dunha
situación de violencia á que é urxente e imprescindible poñer remedio. (...)
Á situación ruinosa en todas as ordes que a Monarquía legou ao réxime novo veu a
sumarse o pavoroso problema do paro na agricultura, (...) onde a crise faise máis
aguda e difícil pola notoria mala fe que en moitos casos empregaron os propietarios
para fomentala.
Non hai peor conselleira que a fame (...) pero tamén é verdade que non hai nada que
estimule tanto á insubordinación como a inxustiza. E este é o caso que se está repetindo
de día en día. Non soamente non encontraron apoio algún os obreiros daquelas rexións
castigadas polo paro, senón que constantemente víronse aldraxados nos seus máis
elementais dereitos de cidadanía. Estase facendo crer que os sucesos lutuosos que se
desenvolveron en tantos pobos de España teñen unha soa causa: os pretendidos
atropelos duns traballadores castigados en parte pola penuria, pero alporizados por
propagandas políticas avanzadas (...).
A realidade é ben distinta (...). Trátase de que non foi desarraigado o vello caciquismo
rural (...). Tímido e cauteloso nos primeiros días da República, volve a ser xa
desvergonzado e cínico (...). Aí, e non en explicacións interesadas, é onde hai que
buscar a causa principal do descontento que existe nos pobos.
El Socialista. 2-1-1932 [cast.]
17. A participación no golpe de Estado de Sanjurjo
O rexeitamento das reformas emprendidas e a conflitividade social durante o
primeiro Bienio republicano, levou a que monárquicos, latifundistas e militares
descontentos apoiasen en 1932 un golpe de Estado dirixido polo xeneral Sanjurjo,
co obxectivo de restablecer a orde social e rematar coas reformas. O intento
rematou en fracaso.
Estaban complicados na conspiración varios dirixentes carlistas, entre eles Rodezno e Fal
Conde. Pero o núcleo da conspiración estaba formado por unha serie de militares
aristócratas; basicamente os que se foran reunindo intermitentemente desde maio de
1931. (...) Tamén estaban complicados afonsinos como o conde de Vallellano, Pedro Sáinz
Rodríguez e Antonio Goicoechea, os xenerais Goded e Ponte, e o principal coordinador
da conspiración -bastante incompetente, por certo- era o xeneral Emilio Barrera (...).
13
Antes de producirse o alzamento, foi enviado a Italia un aviador novo, monárquico, o
comandante Ansaldo, co fin de solicitar a axuda do réxime italiano. Ansaldo entrevistouse
co mariscal Balbo, e recibiu promesas de apoio diplomático no caso de que o alzamento
tivese éxito. Dentro de España, un grupo fascista de creación recente, o chamado Partido
Nacionalista Español, de Burgos, dirixido por un fanático avogado de pouca monta, o
doutor Albiñana, tamén prometeu apoiar o alzamento.
Aquilo foi un fracaso, Azaña e o Gobierno decatáronse do que se preparaba, ao parecer
grazas á traizón dunha prostituta. En realidade, desde facía semanas víñase falando do
alzamento nos cafés (...).
Así pois, o primeiro alzamento contra a República rematou coa máis absoluta derrota dos
seus inimigos. Confiscáronse as terras dos conspiradores, sen indemnización; e tamén se
produciu algo realmente ilóxico; a confiscación inmoderada das terras dos grandes de
España que pasaran os límites fixados para a expropiación pola lei de Reforma Agraria.
Tampouco habería indemnización por esas terras. No calor do momento, o Goberno, e
logo as Cortes, fixeron na súa política agraria unha excepción especial inxustificada
desde todos os puntos de vista: cantos grandes de España apoiaran, en realidade, a
Sanjurjo? Só dous, dun total de 262.
Hugh THOMAS. A Guerra Civil española. 1976 [inglés]
18. Os sucesos de Casas Viejas
A lentitude con que se aplicaba a Lei de Reforma Agraria e a crítica situación en
que vivían os campesiños sen terras provocou a radicalización da clase campesiña,
que levou a cabo ocupacións de fincas, manifestacións e accións que pretendían a
revolución social e que provocaron fortes enfrontamentos coas forzas da orde
pública. Especialmente grave foi o episodio de Casas Viejas, que foi a orixe da
ruptura da coalición entre republicanos e socialistas.
EN CASAS VIEJAS, CÁDIZ, A GARDA DE ASALTO INCENDIA CON BOMBAS UNHA
CASA NA QUE SE REFUXIARAN, FACÉNDOSE FORTES, 19 SINDICALISTAS,
PERECENDO TODOS CARBONIZADOS
Hoxe sóubose en Madrid que, en efecto, caeu en poder da forza pública, como se prevía, a
casa do Pobo de Casas Viejas, en Cádiz, de que se falaba na nota facilitada no ministerio
da Gobernación a madrugada última. Nela como se sabía, estaban refuxiados bastantes
sindicalistas que se multiplicaban na súa acometida contra a forza pública e esta
necesitou cercalos para sufocar este foco rebelde. (...)
Segundo as nosas noticias, de carácter particular, os sucesos de Casas Viejas tiveron o
seu punto de maior emoción en torno do bombardeo e queima da casa onde se refuxiaran
os sindicalistas. (...) Tan pronto como se tivo noticia en Cádiz do ocorrido en Casas Viejas
dispúxose a saída dunha Sección de Asalto con metralladoras, bombas de man e outros
elementos, para a defensa dos seus compañeiros, atacados polos revoltosos. (...) O tiroteo
durou ata as sete da mañá e a esta hora as forzas, en vista de que os extremistas non se
rendían, comezaron a lanzar bombas de man contra a casa, que foi incendiada polos catro
costados, quedando totalmente destruída. (...)
14
Mañá serán enviados a Casas Viejas 400 gardas civís e unha sección de gardas de asalto
para restablecer a orde naquela zona. Tamén se dispuxo que de Sevilla vaian a Casas
Viejas algúns avións para protexer a descuberta que haberá que facer para reparar as
liñas telegráficas e telefónicas que están cortadas.
La Voz de Galicia. 13-1-1933 [cast.]
19. Reacción dos propietarios latifundistas ante a reforma agraria
Unha das reformas que máis conflitividade social orixinou foi a agraria, tanto
pola falta dun proxecto asumible pola coalición gobernamental como polo
enfrontamento entre o campesiñado e os propietarios das terras, opostos a
calquera cambio no réxime de propiedade.
Señoras e señores: (...) o ministro de Agricultura, don Marcelino Domingo, (...) nun
discurso pronunciado en Murcia aludindo á conduta das multitudes en España, nestes
últimos tempos, dixo: "é o fenómeno das masas entrando na historia de España". Pero
eu dígovos, señores, ao recordar esa frase do Ministro, que non vin esa entrada por
ningunha parte, porque non creo que teñan entrado na Historia de España esas masas
que como obedecendo a unha consigna, nun mesmo día invadiron centenares de fincas
rústicas; apoteoses da impunidade, dedicáronse ao furto da oliva, da landra, de todos
os froitos, e ao sacrificio do gando; non creo que teñan entrado na Historia esas masas
que se reúnen nas Casas do Pobo para acordar o rendemento mínimo do traballo,
obrigando aos albaneis a non poñer máis de 50 ladrillos ao día, e aos colledores de
olivas a non pasar de catro fanegas polas tres persoas de cada casa (...); non creo que
teñan entrado na Historia esas masas campesiñas que antes permanecían tan submisas,
ata o extremo de que en 1928 só houbo en España 87 folgas, e no ano 1931 chegaron a
704, subindo a 805 en 1932; nin sequera creo que teñan entrado na Historia esas
masas campesiñas que en diversos lugares chegaron ao crime de repugnante aleivosía,
porque para alcanzar eses tristes feitos a categoría de historiables sería preciso non
excluír da área do proceso inquisitivo a responsabilidade por indución daqueles outros
que durante anos e anos se dedicaron a predicar doutrinas extremistas por todos os
pobos de España, en presenza de multitudes que teñen a venda da ignorancia posta nos
ollos e o veleno do odio infiltrado no corazón.
Economía Española. Marzo de1933 [cast.]
20. Obxectivos electorais da coalición antimarxista en 1933
As forzas da dereita presentaron unha fronte común nunha coalición
antimarxista para as eleccións de novembro de 1933 que pretendía a revisión da
Constitución, da lexislación laica e a paralización das reformas emprendidas,
especialmente na agricultura.
Electores de Madrid (...): Os candidatos da coalición antimarxista defenderán
resoltamente e con todo empeño a necesidade dunha inmediata derrogación, pola vía
que en cada caso proceda, dos preceptos, tanto constitucionais como legais, inspirados
en designios laicos e socializantes (...); traballarán sen descanso para lograr a
15
cancelación de todas as disposicións confiscadoras da propiedade e persecutorias das
persoas, das Asociacións e das crenzas relixiosas (...).
A impedir que a política anticatólica, antieconómica e antinacional, representada polo
socialismo e os seus subalternos auxiliares, máis ou menos descubertos ou subrepticios,
prevaleza ou sequera inflúa predominantemente, como ata agora, na gobernación do
Estado, irán vigorosa e enerxicamente encamiñados, todos os nosos esforzos.
Procedentes os que constitúen a candidatura antimarxista de campos políticos
diferentes e aínda opostos, conservan íntegra a súa plena liberdade para defender no
Parlamento ou fóra del as solucións que ante os máis palpitantes problemas da
actualidade preconiza o seu respectivo ideario. Pero coinciden na necesidade
inaprazable deste urxente chamamento a todos os españois: aos indiferentes, para que
deixen de selo; aos homes de boa vontade, para que nos axuden; aos adversarios leais,
para que nos escoiten, e, en definitiva, nos respecten.
Manifesto electoral [da candidatura antimarxista por Madrid]. 31-10-1933 [cast.]
21. Ideario político de FE-XONS
Os grupos de ideoloxía fascista defendían a ultranza a unidade de España e a
superioridade do Estado fronte ao individuo; rexeitaban o parlamentarismo, a
democracia e os partidos políticos, e defendían a violencia para combater aos
que eles consideraban inimigos da patria.
1. Cremos na suprema realidade de España. Fortalecela, elevala e engrandecela é a
urxente tarefa colectiva de todos os españois. Á realización desta tarefa terán que
pregarse inexorablemente os intereses dos individuos, dos grupos e das clases.
2. España é unha unidade de destino no universal. Toda conspiración contra esta
unidade é repulsiva. Todo separatismo é un crime que non perdoaremos.
A Constitución vixente, en cuanto que incita ás disgregacións, atenta contra a unidade
de destino de España. Por iso esiximos a súa anulación fulminante.
6. O noso Estado será un instrumento totalitario ao servizo da integridade patria.
Todos os españois participarán nel a través da súa función familiar, municipal e
sindical. Ninguén participará a través dos partidos políticos.
9. Concibimos a España, no económico, como un xigantesco sindicato de produtores.
Organizaremos corporativamente á sociedade española mediante un sistema de
sindicatos verticais por ramas da produción, ao servizo da integridade económica
nacional.
10. Rexeitamos o sistema capitalista, que se desentende das necesidades populares,
deshumaniza a propiedade privada e amontoa aos traballadores en masas informes,
propicias á miseria e á desesperación. O noso sentido espiritual e nacional repudia
tamén o marxismo. Orientaremos o ímpeto das clases laboriosas, hoxe descarreiradas
polo marxismo, no sentido de esixir a súa participación directa na gran tarefa do
Estado nacional.
FE-XONS. Programa. 13-2-1934 [cast.]
16
22. Alianza Obreira en Asturias
O temor do avance do fascismo estimulou a busca de acordos e a formación da
Alianza Obreira das forzas de esquerda. En Asturias logrouse un acordo entre
UXT, a CNT e a Federación Socialista de Asturias ás que se incorporaron
posteriormente os comunistas, co obxectivo de lograr a revolución social.
As organizacións que subscriben, UXT e CNT, conveñen entre si en recoñecer que,
fronte á situación económico-política do réxime burgués en España, imponse a acción
mancomunada de todos os sectores obreiros, co exclusivo obxecto de promover e levar
a efecto a revolución social. A tal fin, cada organización das que subscriben quedan
comprometidas a cumprir o compromiso fixado neste pacto, baixo as condicións
seguintes:
1º. As organizacións asinantes deste pacto traballarán de acordo, ata conseguir o
triunfo da revolución social en España, establecendo un réxime de igualdade
económica, política e social, fundado sobre principios socialistas federalistas.
2º. Para a consecución deste fin, constituirase en Oviedo en Comité Executivo, en
representación de todas as organizacións adheridas a este Pacto, o cal actuará de
acordo con outro nacional e do mesmo carácter, para os efectos da acción xeral en
España (...).
10º. Desta Alianza revolucionaria forma parte, por estar de acordo co contido do
Pacto, a Federación Socialista Asturiana.
Pacto UXT-CNT. 28-3-1934 [cast.]
23. As xornadas de outubro de 1934 en Cataluña
A política rectificadora do Goberno radical-cedista desembocou na revolución
de 1934. En Cataluña o goberno da Generalitat proclamou o Estado catalán,
situación controlada rapidamente polo exército e o Goberno central.
Xoves día 4. Ás seis e media da tarde, estando eu no meu despacho, tráenme a lista do
novo Goberno Lerroux, que acaban de transmitir os teletipos da Delegación de La
Vanguardia en Madrid. De seguida dígome: isto vai ser o botafogo. (...)
Venres 5. Paro xeral, disposto polos elementos ao servizo do Goberno de Cataluña.
Cousa nunca vista: un paro desta clase, organizado polo Poder público. (...) Despois de
cear escoitamos o que di a radio. A emisora de Radio Barcelona, informada pola
Generalitat, espalla noticias graves, de Eibar, Mieres, Medina de Rioseco, Ferrol,
Cartaxena, etc. En Madrid a situación non é moi clara. Que haberá de todo iso?...
Sábado 6. (...) Por fin, ao atardecer, dinnos que o Presidente de Cataluña falará ao
pobo ás oito desde o balcón da Generalitat. (...) A silenciosa estancia onde eu escoito
inúndase dun bronco rumor, como de fervedoiro humano. É o xentío apertado na praza
da República. (...) Alguén acércase ao balcón. É el: o Presidente. É Companys. Unha
estrepitosa ovación saúda a súa presenza ante o pobo. (...) E a voz característica do
Presidente, co seu acento leridano, álzase en medio dun silencio impoñente:
"Cataláns". (...). As súas palabras son como outros tantos lóstregos. Proclama o Estado
Catalán dentro da República Federal Española, ofrece asilo ao Goberno provisional
que se forme e, finalmente rompe as relacións co Goberno de Madrid. É algo
17
formidable. Mentres escoito paréceme como se estivese soñando. Iso é, nin máis nin
menos, unha declaración de guerra. É unha declaración de guerra -que equivale a
xogalo todo, audazmente, temerariamente-, no preciso instante en que Cataluña, tras
longos séculos de submisión lograra, sen risco algún, grazas á República e á
Autonomía, unha posición incomparable dentro de España (...)
Ás dez e media, bruscamente, anúnciannos que as tropas do goberno de Madrid
intentaron asaltar a Consellería de Gobernación, pero foron rexeitados. Ah, meu Deus!
Xa se armou a cousa!. (...)
Domingo 7. E, de súpeto, unha voz nova, grave, di textualmente: "Atención!...
Cataláns!... Fálasevos desde o Palacio presidencial de Cataluña... Atención!... O
presidente da Generalitat, considerando esgotada toda resistencia, e coa finalidade de
evitar sacrificios inútiles, capitula. (...)”
E para iso declarouse onte a guerra, ás oito da noite! Para perdelo todo dez horas
despois?
La Vanguardia. 9-10-1934 [cast.]
24. A revolución de outubro de 1934 en Asturias
A revolución de Asturias de outubro de 1934, protagonizada pola alianza de
todas as forzas obreiras, pretendía facerse co poder político e o control dos
medios de produción. Foi controlada en poucos días pola intervención da Lexión
e os Regulares dirixidos polo xeneral Franco.
Da criminal rebelión socialista en Asturias (...). Por algúns viaxeiros procedentes de
Oviedo empezan a coñecerse detalles da vida verdadeiramente angustiosa vivida pola
poboación civil.
Refiren aqueles o terrible desacougo deses días en que os habitantes de Oviedo
estiveron sometidos aos atropelos dos revolucionarios. A veciñanza permaneceu
encerrada nas súas casas. Moitas familias, ocultas en sotos e faiados, ante o temor de
ser vítimas dos rebeldes. O tiroteo foi realmente espantoso e incesante durante todos
eses longos días, sen que cesase sequera na noite, salpicado este tiroteo por fortes e
imponentes explosivos que nun principio críanse que foran froito do bombardeo da
Aviación, pero que máis tarde, sóubose que era obra dos revolucionarios dedicados a
saquear e destruír por medio de bombas e cartuchos de dinamita os mellores edificios
da cidade. (...) A chegada de forzas do exército endureceu aos revolucionarios, que
aumentaron os seus ataques aos edificios onde aínda se defendían as tropas da
guarnición. Algúns veciños eran obrigados a combater nas barricadas, e outros máis
significativos foron recollidos como reféns (...).
Víase entre os revolucionarios aos máis exaltados elementos da cunca mineira. O día
que se soubo con certeza a chegada das columnas liberadoras, foi o máis angustioso
para os habitantes de Oviedo, pois o tiroteo que se iniciou foi intenso na noite do
venres e xa non cesou en todo o día do sábado, percibíndose as explosións das bombas
da artillería e a aviación, concentradas nos arredores da estación do ferrocarril e a
Fábrica de Armas.
ABC. 16-10-1934 [cast.]
18
25. A represión da revolución de Asturias
A paralización e rectificación das reformas emprendida polos gobernos no Bienio
de dereitas, provocou as protestas das forzas de esquerda que desembocaron nos
sucesos de 1934. Especialmente grave foi a revolución social en Asturias, que
rematou en fracaso, coa intervención da Lexión e os regulares de Marrocos ao
mando do xeneral Franco e cunha forte represión posterior.
Por triste e angustiosa experiencia propia e allea, podemos testificar que, agás casos moi
contados, todos os detidos en Asturias a consecuencia do movemento revolucionario de
outubro, e xa plenamente sufocado este, foron sometidos sistematicamente a malos tratos
polos órganos executivos da autoridade; malos tratos que, en número incontable de casos,
pasan xa o concepto de tales, para converterse en tormentos cualificados e en refinadas
torturas, que se aplican coa finalidade de escarnecer aos presos, quebrantar o seu espírito
e facerlles subscribir, perdido o dominio da vontade, as acusacións que se lles formulaban
e, non poucas veces, declaracións que xa estaban redactadas de antemán e cuxo contido
ignoraba o asinante. Os golpes e as malleiras eran norma xeral en todas as prevencións,
acompañados de insultos e vexacións de palabra indescritibles. En moitos, en moitísimos
casos, estes procedementos de violencia combinábanse con métodos de tortura, de cuxas
modalidades non pretendemos facer unha relación completa. Anticipando os dos casos
documentais que deseguida exporemos, si podemos puntualizar os seguintes: retorcemento
de testículos; aplicación de fogo as órganos sexuais e outras partes do corpo;
atenazamento das mans e doutros membros; emprego do trinquete e o poldro;
golpeamento con martelos das mans e os xeonllos; introdución de palillos entre as uñas e
a carne dos dedos; rociamento de partes espidas do corpo con auga fervendo; colocación
de xeonllos sobre pedriñas miúdas; simulacros de fusilamentos; (...). Sobre este fondo
sombrío de tormentos, que non esgotan non con moito a terrible realidade, destácanse
como os máis usuais e empregados dun modo máis reiterativo, os coñecidos cos nomes do
trimotor, do tubo da risa e o baño maría.
Carta das 547 sinaturas. Cárcere Modelo, Oviedo, Xaneiro de 1935 [cast.]
26. Propaganda electoral da CEDA nas eleccións de 1936
A radicalización política e social foi en aumento no ano 1936 e, ante a
convocatoria de novas eleccións, a dereita -representada pola CEDA- defendía
un Estado forte e militar e reclamaba o voto dos indecisos para impedir a
revolución que cría inminente.
Acción Popular. Contra a revolución e os seus cómplices! Revolución ou
contrarrevolución. Anti-España ou España. Ou eles ou nós.
Quen se absteña de votar é un traidor e un criminal. O que sendo propietario de algo
non axuda á Fronte contrarrevolucionaria é un suicida e un insensato. Hai que
esmagar a revolución. O marxismo non pasará. Todo o poder para o XEFE. VOTADE
A ESPAÑA! CONTRA A REVOLUCIÓN E OS SEUS CÓMPLICES!
Elector: Se queres conservar o benestar que gozas, sacrifica o teu egoísmo o próximo
16 de febreiro, e aínda que teñas que facer cola como un vulgar cidadán, non deixes de
votar.
19
NAS PASADAS ELECCIÓNS NON O FIXECHES Impediucho unha gran enfermidade?
Ou, pola contra, foi a satisfacción dun capricho, ou o que é peor, a túa covardía, a
causa de que non cumpriras co teu deber de cidadán? O TEU VOTO FAI FALTA A
ESPAÑA.
Que o teu nome non teña que ser abominado polos bos españois.
CEDA. Programa electoral. 1936 [cast.]
27. Chamada ao voto da Fronte Popular
As forzas de esquerda lograron un acordo electoral no Pacto da Fronte Popular,
subscrito por republicanos de esquerda, socialistas e comunistas, que contou co
apoio tácito dos anarquistas, presentándose conxuntamente ás eleccións de
febreiro de 1936.
A Fronte Popular de esquerdas. Aos traballadores, aos pequenos industriais e
comerciantes, aos intelectuais, á opinión pública en xeral. O engano e o suborno, a
calumnia e o matonismo, son as armas innobres que empregan as dereitas na loita
electoral. Os usureiros, os grandes capitalistas, os acaparadores, os "amos" que fan
pagar rendas monstruosas e pagan xornais de fame (...). Atención obreiros. Co ouro
das dereitas difámase aos vosos dirixentes e preténdese comprar a vosa dignidade, a
cambio do voso porvir inmediato e do pan e a cultura dos vosos fillos (...).
Din que eles son España e levaron os mouros a Asturias para "razziar" os fogares de
honrados españois e saciar os máis sucios e obscenos apetitos. Din que eles son España
e lanzaron á fame e á desesperación a cen mil familias de campesiños, desafiuzándoos
das súas terras. Din que eles son España e convertérona en vergonza do mundo a forza
de inmoralidades. España somos nós. Os traballadores os pequenos industriais e
comerciantes. As capas modestas do país. CEDA, agrarios, radicais e monárquicos son
os seus vampiros: os vividores do patriotismo, OS SEUS CARTOS: ESA É A SÚA
PATRIA. Pequeno comerciante: os xornais de fame, os soldos escasos, o paro,
diminúen o poder de compra dos obreiros e empregados. Obreiros e empregados son a
maioría dos teus clientes. Canto máis gañen eles, máis che comprarán. Máis gañarás ti.
(...) CEDA, AGRARIOS, RADICAIS E MONÁRQUICOS, son os inimigos da túa
propiedade.
Intelectuais, artesáns, empregados, arrendatarios, pequenos agricultores, o voso
interese está en que triúnfe a FRONTE POPULAR DE ESQUERDAS.
Ao suborno, á inxustiza e ao matonismo fascista, respondede VOTANDO Á FRONTE
POPULAR DE ESQUERDAS.
FRONTE POPULAR. Propaganda electoral. Xaneiro de 1936 [cast.]
28. A defensa dun Estado forte e militar
A convocatoria de novas eleccións para febreiro de 1936 abriu unha campaña
electoral moi radicalizada entre as forzas políticas e sociais. A dereita defendía un
Estado forte e militar e reclamaba o voto dos indecisos para impedir a anarquía e a
revolución que crían inminente.
20
Se predica por algúns a obediencia á legalidade republicana; mais, cando a legalidade se
emprega contra a patria e é conculcada nas alturas, non é que sobre a obediencia, é que
se impón a desobediencia. Non faltará quen crea ver nestas palabras unha invocación
directa á forza. (...). Para que a sociedade realice unha defensa eficaz, necesita apelar á
forza. A cal? á orgánica; á forza militar, posta ao servizo do Estado (...).
Hoxe, as nacións, minadas polas grandes discordias -a social, a económica, a separatista-
necesitan un Estado forte, e non existe un Estado forte sen exército poderoso (...). Prefiro
ser militarista a ser masón, a ser marxista, a ser separatista e incluso a ser progresista.
Hoxe o exército é base de sustentación da Patria. Subiu da categoría de brazo executor,
cego, xordo e mudo, a de columna vertebral sen a cal non se concibe a vida. (...) Cando as
hordas vermellas do comunismo avanzan, solo se concibe un freo: a forza do Estado e a
transformación das virtudes militares -obediencia, xerarquía, disciplina- á sociedade
mesma. Por iso invoco ao exército e pido patriotismo a impulsalo. Hoxe o exército é a
Nación en armas, e a nación, o exército da paz. (...)
A por España, a por ela, a continuar a nosa historia, a liberala das trampas que a
combaten, dos traidores que a saquean, do marxismo que a divide, e do separatismo que a
fracciona, e da masonería que a persigue, e do laicismo que a envelena, e do
parlamentarismo inorgánico que a despeza, e dos partidos políticos que a corrompen, e do
marasmo económico que a arruína, e da indisciplina social e política.
Xosé CALVO SOTELO. Discurso. Madrid, 12-2-1936 [cast.]
29. Reivindicacións no Primeiro de Maio ao goberno da Fronte Popular
Tras o triunfo da Fronte Popular, as diferentes forzas políticas e sociais, en
defensa dos seus propios intereses, esixían a intensificación das reformas e
incluso a revolución.
1. Recoñecemento polo Goberno español do Goberno da URSS.
2. Inmediato cumprimento do pacto de Bloque Popular e, no que se refire a
responsabilidades, pedimos o rápido encarceramento de todo o Goberno Lerroux-Gil
Robles.
3. Xornada de 44 horas semanais.
4. O mesmo salario para homes e mulleres que realicen igual traballo.
5. Creación ininterrompida de escolas, acceso da xuventude obreira ás aulas
universitarias.
6. Dereitos políticos para os xoves de 18 años, incluso soldados.
7. Abolición dos foros, que sexan reintegradas aos campesiños as cantidades aportadas
para a súa redención, e que se rebaixen todos os impostos que gravitan sobre os
campesiños pobres e medios.
8. Extensión do Crédito Agrícola.
9. Socorro polo Estado aos obreiros sen traballo.
10. Expropiación dos bens do clero e da Igrexa, en beneficio dos obreiros e campesiños
pobres.
11. Expulsión do exército e corpos armados de todos os xefes e oficiais monárquicos e
fascistas.
21
12. Suspensión de toda a prensa monárquica e fascista, incautación das súas imprentas
e encarceramento dos seus dirixentes.
13. Recoñecemento polo Estado das milicias obreiras e campesiñas.
14. Humanización do réxime de prisións.
FEDERACIÓN LOCAL DE TRABALLADORES DE PONTEVEDRA. Conclusións
elevadas ao Goberno. 1-5-1936 [cast.]
30. Un modelo anarquista de organización social
O anarquismo foi unha corrente ideolóxica e política que rexeitaba todo tipo de
poder (parlamentos, exército, igrexa, nacións, gobernos…) e propoñía o
establecemento dunha nova sociedade baseada na constitución de comunas
libertarias federadas.
A expresión política da nosa revolución temos que asentala sobre esta triloxía: O HOME,
A COMUNA E A FEDERACIÓN. (...)
A base desta administración será a comuna. Estas comunas serán autónomas e estarán
federadas rexional e nacionalmente para a realización dos obxectivos de carácter xeral
(...). Así pois, unha comuna de consumidores (...) comprometerase a acatar aquelas
normas de carácter xeral que despois de libre discusión foran acordadas por maioría. En
cambio, aquelas comunas que, refractarias á industrialización, acorden outras clases de
convivencia, como por exemplo os naturalistas, e nudistas, terán dereito a unha
administración autónoma, desligada dos compromisos xerais. (...)
En conclusión propoñemos: A creación da comuna como entidade política e
administrativa. A comuna será autónoma, e confederada ao resto das comunas. As
comunas federaranse comarcal e rexionalmente, fixando a vontade os seus límites
xeográficos, cando sexa conveniente unir nunha sola comunidade pobos pequenos,
aldeas e lugares. O conxunto destas comunas constituirá unha Confederación Ibérica de
Comunas Autónomas Libertarias.
Para a función distributiva da produción, e para que poidan nutrirse mellor as comunas,
poderán crearse aqueles órganos suplementarios, encamiñados a conseguilo. Por
exemplo: un Consello Confederal de Produción e Distribución, con representacións
directas das Federacións nacionais de Produción e do Congreso anual de Comunas.
CONGRESO FEDERAL. CNT. Ditame. Zaragoza, maio de1936 [cast.]
31. Os preparativos do golpe de Estado
O temor aos cambios socioeconómicos e a perda do poder político estimulou aos
sectores da dereita para deseñar un golpe de Estado, optándose por unha
sublevación militar que controlase rapidamente ás autoridades e ás forzas fieis
ao Goberno republicano, e que establecese un Directorio dirixido por Sanjurjo.
Tan pronto teña éxito o movemento nacional, constituirase un Directorio, que estará
integrado un presidente e catro vocais militares. (...) O Directorio exercerá o poder con
toda a súa amplitude; terá a iniciativa dos Decretos-Leis que se diten. (...) Os primeiros
Decretos-Leis serán os seguintes:
22
a) Suspensión da Constitución de 1931. b) Cese do presidente da República e membros
do Goberno. (...) c) Defensa da ditadura republicana. As sancións de carácter ditatorial
serán aplicadas polo Directorio sen intervención dos Tribunais de Xustiza. (...) f)
Disolución das actuais Cortes. (...) i) Declarar fóra da Lei todas as seitas e
organizacións políticas que reciben a súa inspiración do estranxeiro. j) Separación da
Igrexa e do Estado, liberdade de cultos e respecto a todas as relixións. (...) l) Extinción
do analfabetismo. r) Restablecemento da pena de morte nos delitos contra as persoas
(...).
O Directorio comprometerase durante a súa xestión a non cambiar o réxime
republicano, a manter en todo as reivindicacións obreiras legalmente logradas, a
reforzar o principio de autoridade e os órganos da defensa do Estado, a dotar
convenientemente ao Exército e á Mariña para que tanto un coma outra sexan
suficientes, á creación de milicias nacionais, a organizar a instrución preliminar desde
a escola, e a adoptar cantas medidas estimen necesarias para crear un Estado forte e
disciplinado.
O DIRECTOR [Emilio Mola]. Instrución reservada. 5-6-1936 [cast.]
32. Acusacións das dereitas ao Goberno e á democracia
A desorde pública, a violencia e os atentados dun e doutro signo, as folgas e
disturbios crecentes, foron empregados polos grupos de dereitas para
desacreditar ao réxime republicano e ao goberno da Fronte Popular.
España padece o fetichismo da turbamulta. (...) Que é a turbamulta? A minoría vestida
de maioría. (...) A lei da turbamulta é a lei da minoría disfrazada co ademán groseiro e
vociferante, e iso é o que está imperando agora en España; toda a vida española nestas
últimas semanas é un puxilato constante entre a horda e o individuo, entre a cantidade
e a calidade, entre a apetencia material e os resortes espirituais, entre a avalancha
brutal do número e o impulso selectivo da personificación xerárquica, sexa cal fose a
virtude, a herdanza, a propiedade, o traballo, o mando; o que fose; a horda contra o
individuo. E a horda triúnfa porque o Goberno non pode rebelarse contra ela ou non
quere rebelarse contra ela, e a horda non fai nunca Historia, señor Casares Quiroga; a
Historia é obra do individuo.
Xosé CALVO SOTELO. Discurso [nas Cortes]. Xuño de 1936 [cast.]
33. O plebiscito de Estatuto galego. Resultados
O triunfo das dereitas en novembro de 1933 paralizou o proceso da autonomía
galega, que non se puido retomar ata despois do triunfo da Fronte Popular. O 28
de xuño de 1936, tras unha intensa campaña a favor da autonomía, o pobo
galego aprobou o Estatuto de Autonomía.
Censo electoral de Galicia: 1.343.135
Votantes 1.000.963 = 74,52%
Votos afirmativos 993.351 = 99,05% dos votantes
Votos negativos 6.161 = 0,6% dos votantes
23
En branco 1.451 = 0,1% dos votantes
La Voz de Galicia. 7-7-1936
34. A disolución do exército e entrega de armas aos obreiros en xullo de 1936
Para facer fronte á insurrección militar iniciada en Marrocos, o Goberno
republicano decretou o cese dos sublevados nos seus cargos e a disolución dos
corpos militares que os apoiaban. Posteriormente foron entregadas armas ás
organizacións proletarias.
A proposta do ministro da Guerra e de acordo co Consello de Ministros, veño en
decretar a anulación da declaración do estado de guerra en todas as prazas da
Península, Marrocos, Baleares e Canarias, onde fora ditada esta medida, quedando
incursos nas máximas responsabilidades os infractores deste decreto, e relevadas de
obediencia aos xefes facciosos as forzas militares. (...) Quedan disoltas todas as
unidades do exército que tomen parte no movemento insurreccional. (...) Quedan
licenciadas as tropas dos cadros de mando que se colocaron fronte á legalidade
republicana (...). Veño en dispoñer que o xeneral de división don Virxilio Cabanellas
Ferrer cese no mando da Primeira División orgánica (...). Veño en dispoñer que o
xeneral de división don Francisco Franco Bahamonde cese no mando da Comandancia
Militar de Canarias.
Decreto [de desmobilización]. 18-7-1936 [cast.]
A xornada do domingo [19] en Madrid. (...) No paseo da Castellana verificouse ás
catro e media da tarde a concentración de xoves mobilizados para nutrir as milicias
que desde a noite anterior prestaban servizo. Reuníronse varios centenares de homes de
todas as idades, que acudiron ao ministerio da Guerra para que se lles provese de
armas. A entrega do armamento facíase previa comprobación da personalidade do
demandante, acreditada por volantes expedidos pola Casa do Pobo.
El Sol. 21-7-1936 [cast.]
35. O triunfo do alzamento en Galicia
En Galicia a sublevación militar iniciouse o día 20. Tras breves enfrontamentos
coas forzas leais na Coruña, Vigo e Ferrol, os sublevados fixéronse co control do
territorio.
Xa o día 20 [na Coruña], e tras a detención do xeneral Caridad Pita no cuartel de
Infantería e de Salcedo en Capitanía, comeza o ataque desde o Parrote ao edificio do
Goberno Civil. Nel estamos [Manuel Fernández dirixente do Partido Sindicalista]
bastantes representantes dos partidos de esquerda, ademais do propio gobernador e da
súa esposa, o alcalde Suárez Ferrín e o secretario do Concello Xaquín Martín (...). Ás 6
da tarde, cesa a resistencia e saímos, baixo a vixilancia das forzas do exército que nos
conducen ao cuartel de Infantería e posteriormente ao cárcere (...). Martín (...) sería
fusilado o 31 de agosto xunto co Alcalde e outras personalidades (...).
Para maior escarnio, cando se ía a pasear a alguén, primeiro poñíano en liberdade. Á
saída do cárcere, estábano esperando (...). A única nota simpática, entre tanta
24
masacre, déronma uns amigos, aos que tamén pasearían, que querían que dese unhas
charlas sobre o amor libre a todos os que alí estabamos. Sentíame sen ánimos e non as
din. E por fin, a finais de setembro (...) sacáronme do cárcere, desterrándome a
Betanzos. Alí, xa me parecía demasiada sorte, quixéronme pasear. Logrei escapar e
pasei escondido toda a guerra.
Manuel FERNÁNDEZ. Testemuño (En Carlos FERNÁNDEZ SANTANDER. O
Alzamento de 1936 en Galicia. 1982) [cast.]
Españois: Só noticias gratas son as que estou recibindo, e debo comunicar a vostedes
que Pontevedra uniuse ao Movemento; o exército tomou posesión do Goberno Civil,
Concello e demais centros oficiais, tras unha pequena resistencia, que foi vencida ao
iniciarse o canoneo polas forzas. Tamén uníronse as cidades de Vigo e Santiago, que
con todo entusiasmo puxéronse ao noso lado. (...) Volverei a falar ás dez da noite, se
hai noticias interesantes que comunicar (...).
Sevillanos: Viva España!
Gonzalo QUEIPO DE LLANO. Alocución [emitida por radio Sevilla]. 23-7-1936
[cast.]
36. A nova España
Os protagonistas da sublevación definírona como un Alzamento Nacional de
apoio espontáneo, popular e cívico-militar, protagonizado polos sectores sans da
sociedade e da patria. A parte do país que quedou baixo o seu control foi
cualificada co nome da España Nacional, encarnación do pobo que vai loitar
contra os outros, a antipatria, a chusma marxista, os rojos.
Pregúntasenos que a onde imos. É fácil e xa temos repetido moitas veces. A impoñer a
orde, a dar pan e traballo a todos os españois e a facer a xustiza por igual. Logo,
sobre as ruínas que a Fronte Popular deixe -sangue, lama e bágoas- edificar un Estado
grande, forte e poderoso que remate, nas alturas, nunha cruz de amplos brazos, sinal
de protección para todos. Cruz sacada dos escombros da España que foi, pois a cruz,
símbolo da nosa relixión e da nosa fe, o único que quedou a salvo entre tanta barbarie
que intentaba tinxir para sempre as augas dos nosos ríos co carmín glorioso e valente
do sangue español.
En resume: nin rendemento, nin abrazos de Vergara, nin pactos de Zanjón, nin nada
que non sexa a vitoria esmagante e definitiva. Despois, se o pobo o pide, haberá
piedade para os equivocados, pero para os que alentaron a sabendas unha guerra de
infamia, crueldade e traizón, para eses, xamais. (...)
Pido aos crentes que dediquen unha oración polas almas dos que morreron na santa
cruzada de salvar á patria; aos que non sexan, un recordo. E eu, máis obrigado que
ninguén, prometo unha oración, o recordo e para as súas tumbas as mellores flores do
meu xardín.
Viva España!
Emilio MOLA. Alocución radiada. 15-8-1936 [cast.]
25
37. Apoio da Igrexa á rebelión militar: a Cruzada
A xerarquía católica apoiou ao bando sublevado, de forma individual e
colectiva, en defensa da fe católica, da tradición e da orde social, contra a
revolución e o comunismo.
Non estaba España ao bordo do abismo, non; rodaba xa cara ao abismo (...). A man
omnipotente do Señor detívoa na pendente e sacouna do abismo, valéndose dalgunhas
vontades boas, óptimas, valentes, xenerosísimas que lanzaron, non un berro de
rebelión, senón o de Viva España que desde o primeiro momento, nun instante, resoou
en media España clamoroso, enardecedor, e como un regueiro de pólvora correu por
todas as provincias onde o exército liberador de España iza a bandeira esplendorosa
da patria, a nosa bandeira de ouro e sangue, de amores e sacrificios. (...)
Non temos diante unha loita militar, nin política nin social (...). Non, non, non, é a loita
das civilizacións. Loita unha civilización, a cristián e española, contra a barbarie
comunista coas enerxías do inferno.
BISPO DE TUI. Pastoral. 1936 [cast.]
Hai medio año que estamos empeñados os hijos do Apóstolo Santiago nunha guerra
relixiosa e patriótica, da mesma transcendencia que aquela que comezou en
Covadonga e rematou nos muros de Granada. Lástima grande que teñamos que
explicarlle ao mundo civilizado que isto non é un pronunciamento militar, nin unha
guerra civil, nin unha loita de clases! O pobo estímao como un caso de defensa contra
unha banda de atracadores.
ARCEBISPO DE SANTIAGO. Pastoral. 1936 [cast.]
INVASIÓNS E DATAS NOTABLES
A primeira, entre as más terribles que alcanza á Coruña e a España enteira é a
moscovita, contra a cal estamos en armas, e estaremos ata extirpala completamente,
custe o que custe. Esta é a vontade nacional condensada no pensamento de que España,
antes que ser dependencia rusa, prefire selo doutra potencia calquera; e antes que isto,
o exterminio e a morte, como en sintética e patriótica frase o expresa o heroe e
predilecto fillo coruñés Millán Astray cuando berra: Viva a morte! (...)
É que a anti-España estaba imposta ata conseguir que fose considerado delito dicir
Viva España! Mentres, con sarcasmo, paseábase triunfante o son da Internacional e
dando vivas a Rusia e á revolución social. Todos estes e outros innumerables abusos,
perpetuados igualmente ao abeiro do poder político, eran sólo escaramuzas que
precedían á batalla definitiva para a conquista total soñada polo enxendro da Fronte
Popular, cova de ambiciosos e antipatriotas, que agrupados nos mal clamados partidos
políticos (verdadeiros partidores da nación), viñan ser como case trinta montóns de
seres inmundos prestos xa para lanzarse sobre o cadáver nacional.
Senén CONSTELA COSTA [cóengo da Colexiata de Santa María da Coruña]. A
Coruña antiga e moderna. 1936 [cast.]
26
38. A creación do exército republicano
Nos primeiros días da Guerra Civil produciuse a desintegración do exército fiel á
República, polo que a loita contra os insurrectos foi obra case exclusiva dos
comités de milicias locais, dirixidas polos partidos e sindicatos de esquerda. Para
recuperar a iniciativa e organizar a guerra, o Goberno promulgou unha serie de
decretos que militarizaban as milicias e organizaban o exército republicano.
É propósito do Goberno premiar a heroica actuación dos milicianos populares que ao
lado das forzas leais da República contribuíron de maneira decisiva ao esmagamento da
subversión. Quere o Goberno, ao mesmo tempo, recoller os desexos, reiteradamente
expresados por tan entusiastas loitadores, de encadrarse en organizacións regulares de
combate, axustándose a normas de disciplina que multipliquen a eficiencia do esforzo e
permitan obter, co mínimo sacrificio, o máximo rendemento.
Art. 11. Créanse en Madrid os Batallóns de Voluntarios, cuxo recrutamento se fará entre
os actuais milicianos cuxa idade estea comprendida entre os vinte e trinta anos. Os
Batallóns serán mandados por oficiais e clases do exército, Garda Civil, Asalto ou
Carabineiros. Os voluntarios estarán uniformados, levarán un distintivo especial e o seu
compromiso abarcará a todo o tempo que dure a campaña e, como mínimo, a dous meses.
Art. 21. Os milicianos que ingresen nos Batallóns de Voluntarios terán dereito a
aloxamento, manutención e vestiario nas mesmas condicións que os soldados do exército
regular en campaña e gozarán dos mesmos haberes e pluses, así como dos graos que
adquiriran no servizo das armas.
Decreto de creación dos Batallóns de Voluntarios. 2-8-1936 [cast..]
Art.11. A partir do día 10 de outubro próximo, as forzas de Milicias Voluntarias do
Exército do Centro, e a partir do 20 as demais, en tanto duren as actuais circunstancias,
terán carácter, condición e foro militar en todas as categorías e clases que as compoñen, e
conseguintemente ao expirar dito prazo quedarán sometidas aos preceptos do Código de
Xustiza Militar e demais disposicións de recompensa, punitivas e de procedementos
vixentes aplicables ás forzas militares permanentes do Exército leal da Nación.
Art.21. Os individuos que non desexen suxeitarse a esta nova modalidade das Milicias
Voluntarias manifestarano así aos Xefes das súas respectivas unidades, dentro do prazo
marcado no artigo anterior. Ditos Xefes remitirán á Inspección das Milicias as relacións
dos non conformes para proceder á súa baixa.
Decreto de militarización das Milicias. 29-9-1936 [cast.]
39. O saúdo fascista
A imitación do establecido por Mussolini, Franco impuxo o saúdo característico
do fascismo.
Establécese con carácter obrigatorio, como sinal de adhesión á campaña salvadora da
nosa patria, o saúdo romano, que en ademán de brazo en alto, recto e man estendida,
leva a significación da franqueza, cordialidade e enerxía, características da nova e
vella España: saúdo que representa a nosa descendencia da civilización latina, luz do
27
mundo e que é hoxe o símbolo de fraternidade con pobos acesos de amor patrio, que
tiveron a fortuna de liberarse da escravitude marxista.
Florentino GONZALEZ VALLES [Gobernador Civil da Coruña]. Orde. 29-8-1936
[cast.]
40. Os nacionais invitan ao pobo de Madrid á rendición
A conquista de Madrid era o obxectivo fundamental dos militares sublevados. A
cidade quedou cercada polas tropas de Mola e Franco e os voluntarios italianos,
pero as tropas e milicias republicanas dirixidas Miaja e Rojo, e a vontade do pobo
madrileño a resistir, lograron que o plano de conquista dos nacionais fracasase e
que a cidade resistise os tres anos de guerra.
Madrileños! A vida que sufre a capital, a anarquía de que sodes vítimas, a acción criminal
practicada por comités irresponsables contra cidadáns pacíficos encarcerados e
sacrificados polas hordas vermellas ao servizo de Moscova, xustifican esas reiteradas
mentiras da prensa marxista e das estacións emisoras chamadas gobernamentais. Máis
dun mes leva o movemento nacional patriótico; o Goberno impotente para dominalo, sufre
reveses en todos as frontes, e aproximase o momento en que, despois dunha resistencia
estéril e sanguenta, teña que abandonar Madrid para refuxiarse en Levante, antes de
emprender a fuga definitiva. (...)
Ata agora, os bombardeos foron dirixidos contra os aeródromos militares, as fábricas de
material de guerra e as forzas combatentes. Se persistise nunha suicida teimosía, se os
madrileños non obrigan ao Goberno e aos xefes marxistas a "render a capital, sen
condicións", declinamos toda responsabilidade polos grandes danos que nos veremos
obrigados a facer para dominar pola forza esa "resistencia suicida".
SABEDE, MADRILEÑOS, QUE CANTO MAIOR SEXA O OBSTÁCULO, MÁIS DURO
SERÁ POLA NOSA PARTE O CASTIGO.
Francisco FRANCO. Proclama [lanzada por medio da aviación]. 6-9-1936 [cast.]
41. A liberación do Alcázar de Toledo polas tropas nacionais
O obxectivo dos militares sublevados era tomar Madrid. O exército dirixido por
Franco, despois da conquista e represión de Badaxoz, desviouse cara a Toledo
para axudar ás tropas de Moscardó que resistían no Alcázar.
Día 27 de setembro [1936], domingo. Durante a madrugada segue o "paqueo" como na
noite anterior, e ás 5,30 rompen o fogo as pezas do 15,5 emprazadas en Pinedo (...) que
enchen de po e fume negro todas as dependencias do Alcázar (...). Inmediatamente da
explosión e canoneo empeza o intento de asalto, que, como sempre, foi rexeitado con
grande espírito. (...)
A observación acusa que polo horizonte, cara a Barga, vense as guerrillas da nosa
columna que avanzan sen gran resistencia, e como se ven os mandos das Secciones a
cabalo, suponse fundamentalmente sexan do Terzo e Regulares, e máis pola súa perfecta
formación en orde de combate. (...)
Tómanse as disposicións para establecer, contacto con heliógrafo e radio, coa nosa
columna. Esta sigue avanzando, ao parecer sen gran resistencia, moi cerca da Devesa de
28
Carrasco. Nas mensaxes se lles saúda, abraza e se lles di resistimos ben (...). Ás 17, tres
trimotores de bombardeo nosos protexidos por cinco cazas, voan sobre o Alcázar,
bombardeando sobre algúns puntos de Toledo. (...)
Ás 18,30 avisa a nosa observación que hai Regulares en Zocodover e explanada Norte.
Unha vez identificados, pasan polos escombros un tenente cun pelotón, e despois,
sucesivamente, vai chegando o resto da súa Compañía e a quinta Bandeira do Terzo, que
pasa a noite no Alcázar.
Pola noite conséguese falar co aparato de luces co xeneral Varela, que nos saúda e pide
datos, que pola súa natureza van destinados a informar ao xeneral Franco e periodistas
que coa columna veñen. Durante a noite non se oíu un só tiro. Baixas deste día: dous
mortos, corenta e un feridos e dezanove contusos.
Xosé MOSCARDÓ. Diario do Alcázar. 1943. [castelán]
42. A constitución do Goberno vasco
As provincias vascas de Biscaia e Guipúscoa, que permaneceron fieis ao goberno
da República, puxeron en práctica o Estatuto de Autonomía, aprobado polas Cortes
o 1 de outubro de 1936, e o día 7 elixían o primeiro presidente de Goberno vasco.
Con gran solemnidade celebrouse hoxe a elección de Presidente provisional do Goberno
vasco, promesa ante a Árbore de Guernica e constitución do novo Goberno. (...) O
presidente e o seu séquito saíron do Salón de Xuntas e dirixíronse ao recinto da Árbore. O
señor Aguirre adiantouse e formulou o xuramento, primeiro en éuscaro e despois en
castelán, con estas palabras: "Ante Deus, humillado, sobre a terra vasca en pé e baixo o
carballo de Biscaia, no recordo dos meus antepasados, xuro cumprir o meu mandato con
enteira fidelidade". (...) O presidente leu a continuación a declaración ministerial. A
declaración leva un título que di: "Baixo a Árbore de Guernica": "Expón este Goberno os
puntos do programa froito da coincidencia de diversas forzas que o integran, e sinala
como primeira finalidade a consecución da vitoria para instaurar logo a paz.
Respectaranse os dereitos de todos os cidadáns vascos, así como os das Asociacións
relixiosas, dentro sempre da Constitución (...). A través do Ministerio de Defensa
exercerase a dirección da guerra, establecendo o mando único, militarización das Milicias
(...). Na orde pública se chegaría, en caso preciso, a medidas extremas e excepcionais.
Vixiarase con gran rigor a retagarda, especialmente no que se refire a calquera
actividade de espionaxe. Constituirase unha policía foral, de acordo aos métodos
modernos. Establecerase unha política de acusado avance social, na cal todo cidadán terá
a obrigación de contribuír co seu traballo, co seu capital ou cos seus dons intelectuais ao
ben do país.
El Socialista. 9-10-1936 [cast.]
43. Cambios na España republicana
Durante a Guerra Civil, na zona republicana producíronse numerosos cambios,
tanto económicos e políticos como de hábitos, costumes, cultura, etc.
29
Visto o escrito elevado a este Ministerio por don Xervasio Fernández de Deus, en
solicitude de que se lle autorice para cambiar o seu segundo apelido polo de
BAKUNIN, e tendo en conta que as actuais circunstancias aconsellan prescindir da
complicada e longa tramitación do expediente de modificación de apelidos naqueles
casos en que, como no do solicitante, a necesidade do cambio aparece xustificada pola
notoriedade; e de acordo así mesmo co espírito que deu vida ao Decreto de 3 de Maio
de 1935:
Este Ministerio ten a ben autorizar a don Xervasio Fernández de Deus para que no
sucesivo poida usar, provisionalmente e a reserva da súa inscrición no Rexistro Civil
correspondente cando desaparezan as circunstancias que actualmente o impiden, como
segundo apelido, o de "Bakunin" en lugar do de "Deus" que ata agora viña usando.
MINISTERIO DE XUSTIZA. Resolución. 9-10-1936 [cast.]
44. O POUM, un partido comunista revolucionario
Na zona leal ao Goberno republicano, as tensións entre os distintos partidos e
forzas que apoiaban a República eran moi fortes e fóronse incrementando durante a
Guerra Civil, especialmente en como facer fronte á revolución. O enfrontamento
foi tan grave entre o PCE e o POUM, que se pode falar dunha guerra civil, dentro
da Guerra Civil, que reflectía o enfrontamento entre estalinistas e troskistas.
Non existe aínda en España, desgraciadamente, o gran Partido Socialista Revolucionario
que a revolución precisa. (...) O Partido Comunista de España non é tampouco o Partido
bolxevique da nosa revolución. Suxeito (...) ás flutuacións da política exterior do Estado
Soviético, vese obrigado a actuar de acordo (...) coas conveniencias da diplomacia
soviética (...). O Partido Obreiro de Unificación Marxista (...) cre que non é posible
enfocar as cousas cara o ingreso de todos os marxistas nun determinado partido xa
existente (...) opina que as premisas fundamentais para que a unificación marxista
revolucionaria sexa un feito son as seguintes: 1º A revolución española é unha revolución
de tipo democrático-socialista. O dilema é: socialismo ou fascismo (...). 2º Unha vez
tomado o Poder, establecemento transitorio da ditadura do proletariado (...). 4º
Recoñecemento dos problemas das nacionalidades. España quedará estruturada en forma
de Unión Ibérica de Repúblicas Socialistas. 5º Solución democrática, na súa primeira
fase, do problema da terra. A terra, para quen a traballa. 6º Ante a guerra,
transformación da guerra imperialista en guerra civil. Ningunha esperanza na Sociedade
das Nacións, que é a fronte única do Imperialismo.
COMITÉ EXECUTIVO DO POUM. Que é que quere dicir o Partido Obreiro de
Unificación Marxista, La Batalla (Barcelona). 1936 [cast.]
45. A experiencia dun voluntario antifascista na Guerra Civil española
Durante a Guerra Civil, os voluntarios antifascistas que formaron parte das
Brigadas Internacionais ou se inscribiron nas milicias populares tiveron un
destacado papel, tanto na defensa de Madrid como no fortalecemento moral do
bando republicano.
30
Tivemos unha experiencia endemoniada en España pero moi interesante. (...). Alisteime
nas milicias do POUM a fins de 1936 (...). Tiña a intención de ir a España para
recoller información para artigos do diario e tiña tamén unha vaga idea de loitar se
parecía oportuno (...). Antes de saír alguén me dixo que non podería cruzar a fronteira
sen documentación dunha organización de esquerdas (...) [polo que] chamei ao Partido
Laborista Independente (ILP) (...) e mandáronme unha carta dirixida a Xoán McNair
en Barcelona. Cando crucei a fronteira, a xente de pasaportes, naqueles momentos
anarquistas, non fixeron demasiado caso do meu salvoconduto, pero parecían
impresionados pola carta coa cabeceira do ILP (...).
Naqueles momentos mandábanse homes á fronte con só algúns días de formación (...) e
sen ter disparado nunca un rifle. Trouxera comigo os conceptos normais do exército
británico e escandalizoume a falta de disciplina. Claro que resulta difícil conseguir que
os recrutas obedezan ordes, e aínda máis cando están metidos en trincheiras tendo que
aguantar o frío (...).
Durante todo este tempo, de xaneiro a abril de 1937, a mellora paulatina na disciplina
conseguiuse case por completo grazas á "difusión dunha conciencia revolucionaria", é
dicir, discusións inacabables e explicacións de por que tal ou tal cousa era necesaria.
Todos estaban obsesionados en manter a igualdade social entre oficiais e soldados,
ningún título militar e ningunha diferenza. (...). Fun malferido en Huesca pero tiven
moita sorte e agora estou perfectamente ben.
George ORWELL [pseudónimo literario de Henrique BLAIR]. Homenaxe a Cataluña.
1938 [inglés]
46. Medidas do Partido Comunista para gañar a guerra
A diversidade ideolóxica dos partidos e forzas políticas do bando republicano foi
moi grande. Os comunistas e un sector dos socialistas defendían que primeiro se
debía gañar a guerra como garantía para poder facer despois a revolución, ao
contrario do que opinaban os anarquistas e o POUM.
Rápida formación do exército popular. O cumprimento desta tarefa esixe a absorción
completa dos restos que aínda existen de unidades militares espontáneas, milicias
sindicais e de partido, en unidades disciplinadas, orgánicas do exército único (...).
Mando único fiel e eficaz para todo o exército republicano. Nunha guerra popular e de
independencia nacional contra un inimigo que dispón dun exército de militares
profesionais (...), as forzas armadas da República deben sobrepasar ao inimigo en
unidade de mando e unidade de plano de operacións en todas as frontes (...).
Depuración de todo o aparato militar, de arriba a abaixo. (...) Limpando o aparato
militar de todos estes traidores, saboteadores e incapaces, mediante unha acción
rápida e enérxica, aumentaría enormemente a potencia combativa do noso exército
(...). Estreitar máis aínda as nosas relacións cos camaradas anarquistas. (...)
A unión das forzas proletarias coas republicanas, coas forzas da pequena burguesía
(...). Consolidar as relacións coas nacionalidades de Cataluña, de Euskadi e de Galicia
(...) Educar ao pobo no odio e na intransixencia contra os seus inimigos. Hai que loitar
para acabar coa tolerancia e a falta de vixilancia de certas organizacións proletarias
31
que establecen lazos de convivencia co trotskismo contrarrevolucionario, coa banda do
POUM (...). O trotskismo, nacional e internacional, cóbrase co disfrace con que se
cubra, revelouse como unha organización "contrarrevolucionaria terrorista, ao servizo
do fascismo internacional".
PARTIDO COMUNISTA DE ESPAÑA. Resolución [do Pleno do Comité Central do
PCE]. 5-3-1937 [cast.]
47. Vivencias infantís durante a Guerra Civil
No bando nacional, as autoridades franquistas impuxeron á poboación un único
código de valores derivado dos principios que inspiraron a sublevación,
recollidos especialmente dos partidos de corte fascista: Falanxe Española e
XONS.
9-11-1936. Segundo as lecturas do periódico, están a punto de tomar Madrid; onte na
Coruña estaba o Banco Pastor con lámpadas brancas e a fábrica de tabacos con
lámpadas vermellas e amarelas, formando a bandeira española (...).
19-11-1936. Estes días os profesores veñen léndonos o periódico, que di o que debemos
facer contra o gas asfixiante; o sinal de alarma será o toque de campás e as sirenas dos
barcos. Para librarse dos gases débese meter nos sotos que están marcados de
amarelo, verde e azul, e tamén se pode tirar ao chan e poñer a man na cabeza e tapar a
boca cun pano húmido. Hai un gas letal que é o peor de todos. Ao entrar no refuxio é
necesario quitarse os zapatos e a roupa que se trae e tirala á rúa. (...)
10-12-1936. Onte visitounos a señora inspectora e saudámola co saúdo romano e cun
Viva España. Estivo preguntándonos sobre os problemas e todos lle contestamos, e
tamén nos preguntou sobre feitos históricos, como o descubrimento de América. (...)
9-2-1937. Onte chegou a noticia de que tomaran Málaga. Na Coruña houbo unha
manifestación, os balcóns estaban engalanados con colgaduras coas cores nacionais,
había iluminación e tiráronse bombas de palenque. (...)
22-2-1937. Hoxe léronnos o periódico e tamén fomos ver unha fábrica de teares e din
que se fan sete mil metros de lenzo nun día para confeccionar sabas, calzóns e toallas
para os nosos queridos soldados que están na fronte. (...)
10-3-1937. Hoxe explicáronnos o que tiñamos que facer en caso de ataque aéreo:
cerrar ben as portas e ventás, cerrar as chaves da auga e do gas e apagar as luces. (...)
14-4-1937. Fomos de paseo escolar cos profesores. Primeiro dirixímonos á Granxa
Agrícola; (...) entramos e vimos galiñas de distintas clases e moitos animais. Desde alí
vimos o campo de Elviña, onde morreu o xeneral inglés Sir Xoán Moore; vimos tamén
coellos cercados con tea metálica e vimos unha veleta, e un aparato para saber a
cantidade de auga caída, e tamén vimos un carneiro que lle estaban quitando a la
cunha máquina.
ALUMNA da Escola Nacional dos Castros (A Coruña). Redaccións [do caderno de
clase] [cast.]
32
48. A supresión do réxime concertado nas provincias vascas
Nos inicios da Guerra Civil, mentres Álava e Navarra apoiaron aos sublevados, as
provincias de Biscaia e Guipúscoa mantivéronse fieis á República, pero foron
conquistadas polas tropas franquistas nos inicios de 1937 e castigadas como
provincias rebeldes por non apoiar ao bando nacional.
Mentres a singularidade de réxime fiscal e administrativo serviu nalgunhas provincias,
como na leal Navarra, para exaltar cada día máis o seu sentimento nacional e o fervor da
súa adhesión ao común destino da Patria, noutras, polo contrario, serviu para realizar a
máis torpe política antiespañola; circunstancia esta que (...) obriga a poñer termo nelas a
un sistema que utilizaron como instrumento para causar danos tan graves. As mesmas
consideracións impoñen que o sistema vixente na actualidade na provincia de Álava
continúe subsistindo, porque ela non participou en acto algún de rebeldía e realizou polo
contrario achegas valiosísimas á causa nacional (...). Na súa virtude, DISPOÑO:
Art. 11. Desde o día primeiro de xullo próximo, a xestión e recadación de todas as
contribucións, rendas e impostos ordinarios e extraordinarios do Estado, realizarase nas
provincias de Guipúscoa e Biscaia, de acordo ao réxime común vixente e na forma que
establecen as disposicións da Facenda pública que constitúe a norma xeneral da
Administración nacional. Queda, por tanto, sen efecto naquelas provincias, desde a
indicada data, o réxime concertado coas súas Deputacións que en materia económica
estaba vixente na actualidade.
Francisco FRANCO. Decreto-Lei. Burgos, 23-6-1937 [cast.]
49. Actividades colectivizadoras durante a Guerra Civil
A colectivización alcanzou especial intensidade en zonas da España republicana
como Madrid, Aragón e Cataluña. Pobos enteiros, controlados polos anarquistas,
foron socializados, as terras explotadas colectivamente e os talleres sometidos ao
control e a planificación do sindicato.
O Sindicato acaba de constituírse. Non hai fondos. Hai traballadores en paro. Déixase
xa sentir a fame. A este problema hai que darlle unha solución. (...)
33
Preséntanse un bo número de compañeiros e dicímoslle: mañá a sacar leña a tal sitio e
o sábado, a cobrar o xornal, vindes aquí. Non puideron disimular a súa alegría. Nós
satisfeitos tamén.
Desta forma o Sindicato deu traballo a 35 compañeiros durante dous meses. Como o
valor da leña extraída non cubriu os gastos da nómina, custoulle ao Sindicato un
desembolso de 500 pesetas dos fondos de cotización, pero hoxe aquelas terras están
sementadas de trigo.
Agora imos ver as industrias. Os compañeiros dinme que hai unha fábrica de aceite de
bagazo e outra de xabón da que os propietarios están detidos en Madrid e, como
consecuencia, están paradas.
Eu pregunto: ben, e estes representantes populares, que pintan aquí? E o Sindicato da
UXT? Imos ver as fábricas. Non só estaban paradas, senón que sen dúbida algunha
Atila pasou por alí.
Inmediatamente facémonos cargo delas e comézanse as xestións para adquirir materias
primas, e aos quince días xa estaba o Sindicato fabricando xabón. Tamén se abre un
economato, e para atender o abastecemento o Sindicato establece relacións con outros
sitios e algúns Concellos (...).
Mentres isto segue así o noso Sindicato desprega unha actividade formidable. Adquire
materias primas en cantidade e pon en marcha outra fábrica de xabón. Abre un bar,
onde diariamente se serven aos transeúntes unhas 150 comidas. Tamén un aloxamento
aos carreteiros que van con viño e outros artigos a Madrid e cortes para as mulas.
Rufo GONZÁLEZ. Informe [sobre a actuación do Sindicato Único de Oficios Varios e
Colectividade Obreira CNT de Perales de Tajuña (Madrid) ao cabo dun ano da súa
constitución]. 12-1937 [cast.]
50. Abolición do Estatuto de Cataluña
En 1938, tras a vitoria do Ebro, Franco desencadeou unha ofensiva sobre Cataluña;
tras unha conquista con escasa resistencia, e de acordo coa defensa da unidade da
patria, derrogou o seu Estatuto e todas as leis elaboradas durante a República.
O Alzamento Nacional significou na orde política, a ruptura con todas as institucións que
implicasen negación dos valores que se intentaba restaurar. E é claro que (...) o Estatuto
de Cataluña, en mala hora concibido pola República, deixou de ter validez, na orde
xurídica española, desde o día dezasete de xullo de mil novecentos trinta e seis. Non sería
preciso, pois, facer ningunha declaración neste sentido. (...) Importa, por conseguinte,
restablecer un réxime de dereito público que, de acordo co principio de unidade da Patria,
devolva a aquelas provincias o honor de ser gobernadas en pé de igualdade coas súas
irmás do resto de España. En consecuencia, a proposta do Ministerio do Interior e previa
deliberación do Consello de Ministros. DISPONÑO:
Art.11. A Administración do Estado, a provincial e a municipal nas provincias de Lleida,
Tarragona, Barcelona e Xirona, rexeranse polas normas xerais aplicables ás demais
provincias.
Art.21. Sen prexuízo da liquidación do réxime establecido polo Estatuto de Cataluña,
considéranse revertidos ao Estado a competencia de lexislación e execución que lle
34
corresponde nos territorios de dereito común e os servizos que foron cedidos á rexión
catalá en virtude da Lei de quince de setembro de mil novecentos trinta e dous.
Francisco FRANCO. Lei [de abolición do Estatuto de Cataluña]. 5-4-1938 [cast.]
51. A proposta de paz dos Trece Puntos
Ante a desesperada situación que vivía a República, o goberno de Negrín tentou
negociar a finalización da guerra mediante a elaboración dunha proposta de paz,
coñecida como os Trece Puntos, que Franco rexeitou porque unicamente
aceptaba a rendición total.
O Goberno da Unión Nacional (...) declara solemnemente (...) que os seus fins de
guerra son: 1º Asegurar a independencia absoluta e a integridade total de España (...).
2º Liberación do noso territorio das forzas militares estranxeiras que o invadiron, así
como daqueles elementos que acudiron a España, despois de xullo de 1936 (...).
3º República popular representada por un Estado vigoroso que se asente sobre
principios de pura democracia (...).
4º A estruturación xurídica e social da República será obra da vontade nacional
libremente expresada, mediante un plebiscito que terá efecto tan pronto termine a loita
(...).
5º Respecto ás liberdades rexionais sen menoscabo da unidade española. (...)
6º O Estado español garantirá a plenitude dos dereitos ao cidadán (...).
7º O Estado garantirá a propiedade, legal e lexitimamente adquirida, dentro dos límites
que impoñan o supremo interese nacional e a protección dos elementos produtores (...).
8º Profunda reforma agraria que liquide a vella aristocrática propiedade semifeudal
(...).
9º O Estado garantirá os dereitos do traballador a través dunha lexislación social
avanzada (...).
10º Será preocupación primordial e básica do Estado o melloramento cultural, físico e
moral da raza.
11º O exército español ao servizo da Nación mesma, estará libre de toda hexemonía de
tendencia ou partido (...).
12º O Estado español reafírmase na doutrina constitucional de renuncia á guerra como
instrumento de política nacional (...).
13º Ampla amnistía para todos os españois (...).
Xoán NEGRÍN. Programa político. 30-4-1938 [cast.]
52. O último obxectivo: resistir
O goberno de Negrín (15-5-1937 a 5-3-1939) conseguiu reforzar a autoridade
gobernamental e mellorou a coordinación militar, o que permitiu realizar as
grandes ofensivas republicanas de Teruel e do Ebro. Tentou negociar a
finalización do conflito mediante a elaboración dunha proposta (Os Trece
Puntos de maio de 1938), pero a negativa de Franco a calquera negociación
obrigouno a defender unha política de resistencia a ultranza.
35
Resistide! (...). Os que conviviron, aínda que só sexa transitoriamente, as inquedanzas
da fronte; os que cos seus propios ollos viron a penuria en que vive a poboación civil;
os que sentiron vergonza e congoxa ante as penalidades de mulleres e nenos
evacuados, poderán lixeiramente e nun momento de debilidade dar por estéril tanta
miseria e tanta dor e deixar que o sádico espírito de vinganza que anima aos nosos
inimigos se cebe nunha masa inerme e indefensa? Pero, e España? Loitamos ou non
pola independencia de España? Ah!, se non fose así, nin un segundo máis de guerra,
nin unha gota máis de sangue. Non deixariamos que aumentasen a angustia e a dor.
Pero trátase da existencia de España como país libre e ante iso, o sacrificio non pode
ter taxa nin medida.
Xoán NEGRÍN. Discurso. 18-6-1938 [cast.]
53. A masonería adhírese á República
Ante a desesperada situación da República no ano 1938, o goberno de Negrín
tentou negociar a fin do conflito mediante a elaboración dunha proposta de paz, Os
Trece Puntos, que contou co apoio dos socialistas, comunistas e a masonería, pero
Franco negouse a calquera negociación e non aceptou nunca outra fórmula que non
fose a rendición total.
Señor presidente [do Goberno republicano]: Desde o comezo da rebelión asoladora da
nosa España, que fai derramar o sangue da xuventude, que destrúe os fogares, as cidades,
as obras mestras de arquitectura, (...) esta augusta institución a que pertencemos, a
masonería española, formulou declaracións públicas, precisas e concluíntes de adhesión
ao Goberno da República, á Fronte Popular e á causa que Goberno, Fronte Popular e
pobo español defenden en común.
Non fixera falta tal declaración se todo o mundo soubera que os fundamentos da Orden
Francmasónica e a súa razón de ser son: a Fraternidade, a Xustiza, a Liberdade, a
Tolerancia, a Igualdade de dereitos, a abolición de todo privilexio, a Paz entre todos os
homes e todos os pobos (...). Se excepcionalmente hoxe reiteramos as nosas anteriores
manifestacións de adhesión, xustifícase isto pola importancia que conteñen os chamados
trece puntos que deu a VE a publicidade universal, porque estimamos é propósito firme a
súa realización (...). En nome de innumerables homes de boa vontade que están nas nosas
filas, seus afectísimos servidores.
O SUPREMO CONSELLO DO GRAO 33 PARA ESPAÑA. Declaración [dirixida ao
presidente do Goberno, Xoán Negrín]. 6-7-1938 [cast.]
54. Despedida dos voluntarios italianos
O fracaso do Comité de Non Intervención e a presión internacional fixeron que
se retirasen as tropas estranxeiras que operaban en España. Os apoios a Franco
procedentes de Italia foron, principalmente, as Camisas Negras (Corpo de
Tropas Voluntarias), que retornaron ao seu país en 1938, sendo despedidas en
Cádiz polo xeneral Queipo de Llano.
Voluntarios italianos, valentes fillos da nobre Italia:
36
Eu saúdovos ao vir a rendervos cordial despedida, no nome do Xeneralísimo Franco,
representación coa que me honro neste momento, e quero expresarvos, neste instante
de emoción, o agradecemento do mesmo e de todos os españois pola axuda que viñestes
a prestarnos en nome de Italia, do seu Emperador, Víctor Manuel, e deste xenio da raza
italiana, a quen o mundo admira ou teme, e que se chama Benito Mussolini. Non
viñestes a España porque fora precisa a vosa presenza para combater e vencer a
miserables a soldo de Moscova, que querían afundir a súa propia patria para entregala
ao xudaísmo (...). Viñestes a loitar por un ideal, e a vosa chegada foi algo así como a
solidariedade entre homes a quen repugnan e causan horror as ideas de Stalin. A vosa
chegada foi a contestación lóxica aos "rojillos" ante os muros de Madrid, onde se
acumularon as Brigadas Internacionais, integradas pola escoura dos pobos de Europa,
e que non viñan loitar, coma vós, por un ideal, senón a satisfacer os seus instintos de
rapina, propios de homes do nivel dos do designio da Fronte Popular.
Gonzalo QUEIPO DE LLANO. Discurso. 16-10-1938 [cast.]
55. Despedida das Brigadas Internacionais
A retirada das Brigadas Internacionais que loitaron no bando republicano foi
organizada polo goberno da República e a Sociedade de Nacións. En Barcelona
foron despedidos por Negrín, co recoñecemento popular ao seu apoio.
Señores: Levanto a miña copa pola saúde dos amigos combatentes que viñeron a
España a prestarnos a súa axuda en defensa dos intereses da nosa patria(...). España
enteira agradece o magnífico xesto dos combatentes estranxeiros, que atraídos por un
ideal, viñeron aquí a ofrendar a súa vida. Loor aos cinco mil mortos estranxeiros de
todos os países que ofreceron o máis prezado que un home poida ofrecer: a súa vida.
Loor e recordo imperecedoiro. A mellor maneira de render homenaxe a estes irmáns
caídos é que todos comprendamos que sobre o interese particular estaban os intereses
universais e humanos, que todos temos a obrigación de defender. Perdoádeme a
xactancia, pero eu sempre vin na historia do país feitos e trazos universais que unen o
universal ao particular, iso que hoxe se chama internacionalismo. Eu quixera poder
aplicar este concepto a todos os países, e levanto a miña copa en memoria dos mortos
caídos en terra española. Cumpristes co voso deber na nosa patria e podedes facer o
mesmo na vosa. Que vos acompañe sempre o recordo da nosa fonda gratitude.
Xoán NEGRÍN. Discurso. 31-10-1938 [cast.]
56. Rehabilitación de Afonso XIII
A acción lexislativa do bando nacional estaba centrada na consecución da
unificación e militarización, así como na eliminación da lexislación republicana no
ámbito político, social e económico. A rehabilitación de Afonso XIII, que fora
condenado polas Cortes republicanas, é un bo exemplo.
Art.11. Declárase nula e déixase sen efecto a lei das Cortes Constituíntes da Segunda
República de 26 de novembro de 1931, pola que se declarou culpable de alta traizón e
privado da paz xurídica a Don Afonso de Borbón e Habsburgo, así como as demais
disposicións anteriores ou posteriores polas que se produciu limitación ou espoliación no
37
seu patrimonio privado (...). En consecuencia, restitúenselle todos os dereitos que lle
corresponden e se ordena se lle reintegren, así como a seus parentes citados, en
propiedade ou en posesión, todos os seus bens, dereitos e accións de que foron
despoxados.
Art.21. A esta lei daráselle a mesma publicidade que se ordenou que se dese á que se
anula de 26 de novembro de 1931.
Francisco FRANCO. Lei. 15-12-1938 [cast.]
57. A liquidación da oposición política
O franquismo declarou fóra da lei a todas as organizacións políticas e sindicais
que apoiaron á Fronte Popular e, no seu lugar, implantou o partido e o sindicato
único.
Próxima a total liberación de España, o Goberno, consciente dos deberes que lle
incumben respecto á reconstrución espiritual e material da nosa Patria, considera
chegado o momento de ditar una Lei de Responsabilidades Políticas, que sirva para
liquidar as culpas desta clase contraídas por quen contribuíron con actos ou omisións
graves a forxar a subversión vermella, a mantela viva durante máis de dous anos e a
entorpecer o triunfo providencial e historicamente ineludible, do Movemento Nacional,
que traduza en efectividades prácticas as responsabilidades civís das persoas culpables
e que, por último, permita que os españois que en feixe apertado salvaron o noso país e
a nosa civilización e aqueles todos que borren os seus erros pasados mediante o
cumprimento de sancións xustas e a firme vontade de non volver a extraviarse, poidan
convivir dentro dunha España grande e rendan ao seu servizo todos os seus efectos e
todos os seus sacrificios. (...)
Art. 1º. Declárase a responsabilidade política das persoas, tanto xurídicas como físicas,
que desde o 1º de outubro de 1934 e antes do 18 de xullo de 1936, contribuíron a crear
ou a agravar a subversión de toda orde de que se fixo vítima a España e de aquelas
outras que, a partir da segunda de ditas datas, se opuxeron ou se opoñen ao
Movimiento Nacional con actos concretos ou con pasividade grave.
Art. 2º. Como consecuencia da anterior declaración (...), quedan fóra da Lei todos os
partidos e agrupacións políticas e sociais que, desde a convocatoria das eleccións
celebradas o 16 de febreiro de 1936, integraron o chamado Fronte Popular, así como
os partidos e agrupacións aliados e adheridos a este polo solo feito de selo, as
organizacións separatistas e todas aquelas que se opuxeron ao Triunfo do Movemento
Nacional (...).
Apreciaranse como circunstancias agravantes haber alcanzado na masonería algún dos
grados 18 ao 33, ambos inclusive, e tomar parte nas Asembleas da Asociación
Masónica Internacional e similares ou nas Asembleas Nacionais do Grande Oriente
Español, da Gran Loxa Española ou doutras calesqueira organizacións masónicas
residentes en España.
Francisco FRANCO. Lei de Responsabilidades Políticas. 9-2-1939 [cast.]
38
58. Golpe de Estado do coronel Casado en 1939
Ás dificultades do bando republicano fronte ao bando franquista, foron
engadíndose as tensións e enfrontamentos internos, que remataron nun golpe de
Estado apoiado por algúns sectores socialistas e anarquistas, contra o goberno de
Negrín e os comunistas.
Na noite de antonte, domingo, quedou constituído en Madrid o Consello Nacional de
Defensa, que asume o poder en substitución do Goberno que presidía o doutor Negrín.
Preside o Consello o coronel Casado (...). Inmediatamente despois de constituído o
novo organismo, fíxose unha emisión especial de radio (...).
Alocución do coronel Casado aos españois da zona invadida: "Españois de alén as
trincheiras: Unha vez máis diríxome a vós desde Madrid, punto central da guerra,
capital da patria e espello das virtudes españolas, fixándome pouco nas ideas, os
extravíos e as ambicións que nos separan, pero moito na dor que por igual sufrimos
(...). Queremos unha patria exenta de toda tutela estraña, libre de toda supeditación ás
ambicións imperialistas que van devastar outra vez Europa e capaz de rexerse
internamente con plena liberdade. (...). O pobo español non abandonará as armas
mentres non teña a garantía dunha paz sen crimes. Establecédea! Non son eu quen así
vos fala. Isto é o que vos di un millón de homes mobilizados para a guerra e unha
retagarda sen fronteiras de retirada, disposta a baterse e loitar ata a morte pola
consecución destes fins, que son de paz. Nas vosas mans, que non nas nosas, está hoxe
a paz (...). Escollede, que se nos ofrecérades a paz, encontrariades xeneroso o noso
corazón de españois, e se continuásedes facéndonos a guerra encontrariades
implacable, segura, temperada como o aceiro das baionetas, a nosa heroica moral de
combatentes. Ou a paz por España ou a loita a morte (...). Españois! Viva a República!
Viva España!
El Socialista. 7-3-1939 [cast.]
59. O exilio dos nenos durante a Guerra Civil
O exilio, especialmente o dos nenos da zona republicana, foi unha solución ante
o medo á represión das tropas franquistas. Moitos foron acollidos en países
europeos, especialmente en Francia, Bélxica e a URSS. Algúns regresaron unha
vez rematada a guerra, pero outros non retornaron nunca.
Queridos pais e irmáns: Alegrarame que ao recibo desta vos encontredes en perfecta
saúde, e como eu me encontro aquí. Meu pai, saímos de Valencia o día 21 de marzo
[1939] no vapor Cabo Palos; o sábado 27 de marzo atracamos no porto de
Constantinopla; o domingo saímos e chegamos a Ialta, pobo ruso. O peirao estaba
cheo de xente, fixéronnos un magnifico recibimento, subimos nos coches e chegamos a
Artek. É un pobo onde están os nenos rusos estudando; cando baixamos do coche, a
estrada estaba chea de pioneiros rusos con bandeiras e cornetas e saudábannos. Meu
pai, aquí todo é alegría; estamos nun edificio que parece un palacio, rodeado de hortos
e pinos moi grandes á beira do Mar Negro, cos nenos rusos (...). Meu pai, aquí temos a
nosa disciplina, que é esta: pola mañá, ao toque de corneta, todos a levantarse; vistes o
traxe de baño e colles a túa toalla, a túa pastilla de xabón, o teu cepillo e a túa pasta de
39
dentes; lávaste ben e poste a roupa, e ao comedor: tomamos o almorzo e imos xogar.
Ás tres imos comer e terminamos e imos á Biblioteca. Estamos media hora, e a durmir
ata as cinco e media da tarde. Levantámonos, lavámonos ben e a tomar o té; cando
terminamos imos ao salón de recreo e bailamos e cantamos. Ás sete a cenar,
terminamos e a durmir: así pasamos o tempo. Meu pai, estamos aquí en Artek para
repoñermos e cando esteamos ben fortes levarannos a Moscova para comezar a
carreira. Sen máis por hoxe, bicos para os meus irmáns, saúdos revolucionarios para o
Partido e vós recibide un forte abrazo do voso fillo que non vos esquece.
En Rafael ABELLA. A vida cotiá durante a Guerra Civil. A España republicana.
1976 [cast.]
60. A traxedia dos derrotados en Alacante
Fracasados os intentos de negociar a paz, as tropas de Franco entraron en
Madrid, mentres miles de españois do bando republicano fuxían cara ao exilio,
intentado embarcar nos portos levantinos.
Na zona portuaria apertábanse 15.000 homes, mulleres e nenos. Moitos deles levaban
xa corenta e oito horas alí, durmindo ao raso e esperando. Corrían rumores insistentes
de que había barcos a punto de chegar. Desde a caída de Madrid o martes, Alacante
convertérase na última posibilidade de escapar. (...) O mércores pola mañá, cando os
primeiros continxentes chegaron ao porto, encontrárono baleiro. O buque saíra ao mar
ao amencer levando un puñado de pasaxeiros soamente. (...) A pesar de todos os
esforzos que se facían para manter alta a moral, moita xente comezaba a desesperarse.
A deserción da flota republicana fóra un duro golpe. (...) Cos ollos fixos no horizonte,
buscando o máis leve rastro dun barco, Saturnino Carod imaxinaba a terrible escena
que tería lugar se ao fin chegaba algún navío. (...) Confeccionáranse listas e máis listas
daqueles dos que a vida corría máis perigo a causa do seu pasado político. Cada
partido e organización tiña a súa cota (...). O militante cenetista aragonés e comisario
de división estaba na lista. Pero isto non significaba nada se chegaba un buque.
Estallaría unha batalla sanguenta -a maioría dos que esperaban ían armados, eran
militares coma el- porque todo o mundo estaba decidido a embarcar. "Esperemos que
non cheguen os buques", díxose a si mesmo, incapaz de apartar os ollos do horizonte e
a esperanza de divisar algún barco. O home que permanecía ao seu lado cun cigarro
na boca suicidouse degolándose e caeu ao chan. Case no mesmo instante, do outro lado
do porto chegou a noticia de que un coñecido acababa de pegarse un tiro. O suicidio
estendeuse como unha epidemia. Cada vez que se volvía para mirar algunhas persoas
que corrían, era porque alguén acababa de tirarse ao mar. Un home subiuse a un farol
e empezou a proferir incoherencias sobre os perigos que lles esperaban. Ao terminar de
berrar, tirouse desde arriba e matouse ao chocar contra o chan. "Por todas partes vías
caras de desesperación. As mulleres choraban, os nenos agarrábanse ás mans das súas
nais. Varios homes parecían ao bordo da loucura ..."
Durante todo o xoves as forzas italianas foron tomando posicións sen entrar no porto.
(...) Tres buques foron avistados patrullando a pouca distancia da costa;
desapareceron, volveron a aparecer e empezaron a dirixirse ao porto. A esperanza
40
renaceu. Ata que o buque que navegaba en cabeza estivo cerca non viron os refuxiados
que non se trataba dun buque francés, senón que era un miradoiro nacionalista. Os do
navío despregaron unha enorme bandeira vermella e amarela. Da cuberta, ateigada de
soldados, chegaban os sons dun himno nacionalista. (...)
Era a fin de tres días de esperanza e desánimo. Un refacho de metralladora pasou por
riba das cabezas dos refuxiados. Disparárana desde o penedo de Santa Bárbara que,
cortado a pico, alzábase por detrás do porto. Os refuxiados empezaron a tirar ao mar
as armas, os obxectos de valor, as maletas. A auga tinguiuse de vermello primeiro e de
amarelo ao afundirse as caixas de azafrán, que valían unha fortuna.
En Ronaldo FRASER. Recórdao ti e recórdallo a outros. Historia oral da Guerra
Civil española. 1979 [cast.]
61. A depuración dos partidarios da República
Finalizada a Guerra Civil, a represión e persecución dos vencidos mantívose
moito tempo con detencións, encarceramentos, fusilamentos ou depuracións
daqueles sospeitosos de colaborar ou simpatizar co réxime republicano.
Prego de cargos (...):
1. Ser de ideas marcadamente esquerdistas.
2. Manifestar a varios funcionarios ser socialista.
3. Facer comentarios despectivos sobre a Santa Relixión Católica.
4. Actuar con gran furor a favor da Fronte Popular nas eleccións do 16 de febreiro de
1936.
5. Facer mofa dun funcionario da súa delegación sabendo que pertencía a Falanxe
Española (...).
8. Ser sospeitoso de cotizar ao Socorro Vermello.
9. Facer comentarios favorables ao separatismo galego e ao estatuto autonómico (...)
11. Ter unha bandeira republicana no caixón do escritorio do seu despacho.
O DELEGADO INSTRUCTOR. Prego de cargos do proceso de depuración de
Castelao. 26-9-1939 [cast.]
62. Lembranzas da Guerra Civil
O saldo da Guerra Civil foi moi negativo, mesmo para os vencedores,
especialmente para aqueles que sen unha inclinación ideolóxica definida víronse
obrigados a combater por ter que cumprir cunha obriga.
Chamáronme a filas no 38 (...), ía cumprir 19 anos. Frechilla estaba no bando
nacional, tocoume cumprir no bando nacional (...). Ao principio incorporámonos todo
o batallón á fronte de Estremadura; alí morreu Xerónimo, un primo da que despois
sería a miña muller; logo íamos subindo cara a Madrid, estivemos nas frontes da
Marañosa, o Xarama e combatemos na cidade universitaria; estabamos ao mando do
comandante Ríos, que logo ascenderon a xeneral. Tamén participei na batalla de
Brunete, aínda que cando chegou o noso batallón estaba todo esnaquizado, só quedaba
media igrexa (...). Foron momentos moi duros (...) que non quero recordar [silencio].
41
Cando chegamos a Brunete, tiñamos que facer garda porque quedaban moitas bombas.
Neses momentos estabamos co VIIIº batallón de Xirona, era das forzas de combate. (...)
Comer, comiamos; non tiñamos problemas de intendencia nin de abastecemento porque
as lentellas e os garavanzos traíannolos da zona "liberada"; moitos días comiamos
rancho frío e algunha vez tiñamos carne (...). O peor era o frío e as ratas, que eran
como coellos, pasaban por riba das nosas mantas, e tamén os piollos, algúns facían
carreiras con eles [risas], moitas veces tiñamos tantos que colliamos latas de
escabeche grandes e ferviamos auga para cocer a roupa e matalos. Antes de chegar a
Madrid (...) tivemos 25 baixas; había algún do pobo, moitos eran amigos meus
(salucos); logo é cando estivemos en Brunete uns cantos días (...), non me lembro
cantos, pero si que me lembro de que tiñamos que facer garda, do frío
(conxelábansenos os pés e saíannos frieiras). Outro mozo de Burgos que se chamaba
Xosé Pié de Hierro e eu tiñamos que ir a unha posición a recuperar metralladoras e
municións. Unha noite perdinme na "zona vermella" (...) [silencio]; pasei moito medo,
estiven toda a noite perdido ata que amenceu. En 1939, cando acabou a guerra, (...)
ascendéronme a cabo furriel e trasladáronme a Mahón, aínda mobilizados (...), ao
penal da Mola [isto non quero contarcho... salucos], estabamos ao cargo de 3.300
presos políticos, alí había xente moi preparada (médicos, militares "vermellos" da
República, profesores (...) e todos os días caían moitos (aí paseino moi mal), era boa
xente (...). En Mahón estiven dous anos e pico (...). No 42 licenciáronme de alí e logo
volvéronnos a mobilizar; mandáronme a Santander, a Castro Urdiales, onde estiven
outros dous anos; púxenme malo, e por mediación dun tío meu que fora alcalde,
traballei para el, pero dentro do exército, ata que en 1944 licenciáronme
definitivamente. Cando volvín a casa tiña case 25 anos (...); púxenme a traballar de
xornaleiro para uns labradores do pobo.
Testemuño de Juvencio CASTRO HIGELMO. Frechilla (Palencia), 12-5-1992 [cast.]
63. Cancións da Guerra
Durante a Guerra Civil fixéronse moi populares algunhas cancións xurdidas
naquel contexto, así como outras ás que se lles puxo letra sobre melodías
populares tradicionais.
Con el 5º, 5º, 5º
con el 5º Regimiento
madre yo me vuelvo al frente
para las líneas de fuego
Anda jaleo, jaleo, jaleo
suena una ametralladora
y ya empieza el tiroteo
El 5º Regimiento
Yo me subí a un pino verde por ver si la divisaba
y sólo vi un tren blindado lo bien que tiroteaba
y sólo divisé el polvo que lo llevaba.
42
Anda jaleo, jaleo, jaleo
suena una ametralladora
y ya empieza el tiroteo
El tren blindado
Si me quieres escribir
ya sabes mi paradero
3º Brigada Mixta
primera línea de fuego.
Aunque me tiren al puente
y también la pasarela
me verás pasar el Ebro
en un barquito de vela.
Diez mil veces que nos tiren
diez mil veces lo haremos
tenemos cabeza dura
los del cuerpo de ingenieros
Si me quieres escribir