Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

42

description

Coñecemos a obra literaria de Rafael Dieste , o seu traballo dramático, a poesía, os relatos, mesmo a singular ensaística por el creada, pero pouca xente sabe da súa investigación filosófica, do seu profundo e lento proceso de estudo matemático, xeométrico, desenvolto ao longo de anos de traballo. En "Dos arquivos xeométricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste", Xosé Díaz (Lugo, 1980), armado da habilidade dun Félix Muriel contemporáneo, introdúcese nos mundos intelectuais do rianxeiro clarexándonos maxistralmente o designio diesteano do xeómetra, que é, asemade, o do poeta: participar na realidade suscitándoa ou revelándoa.

Transcript of Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

Page 1: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste
Page 2: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

2 ¡

Page 3: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

¡ 3

Dos arquivos xeométricos

Page 4: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

4 ¡

Xosé Díaz Díaz,Axóuxere, 2015

Axóuxere EditoraXens, 75. 15984 Rianxo. A Coruñ[email protected] / axouxerestream.com

Fotografía da cuberta: Testamento (2014), de Lucía Romaní

Deseño e edición: Axóuxere EditoraDeseño da cuberta: Juan Gallego _ www.juangallegoestudio.comImpresión: Gráficas Sementeira. Noia

Isbn: 978-84-941379-5-2Dep. Legal: c 223-2015

O texto pode ser difundido, dado a coñecer e transmitido en calquera medio ou ámbito comunicativo e informacional. Porén, para facer un uso comercial do mesmo, mellor contactar primeiro con Axóuxere.

Feito na Galiza

Page 5: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

¡ 5

Dos arquivos xeométricosRazón e realidade no pensamento

de Rafael Dieste

Xosé Díaz Díaz

Prólogo de Arturo Casas

Page 6: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

6 ¡

Page 7: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

¡ 7

O Euclides de Dieste, ou a xeometría irradiante

Prólogo a un libro necesario

Arturo Casas

P arece improbábel a existencia de lectores que, experimen-tada nalgún momento unha atracción pola obra e a per-

sonalidade de Rafael Dieste, renunciasen co paso do tempo a frecuentar a súa palabra, as súas fabulacións, os seus modos tan específicos de sentir e defender a razón. No escritor rianxeiro danse algunhas notas que neses planos da produción literaria e do pensamento fan del unha referencia difícil de abandonar unha vez coñecida. Quen nalgún momento lese os seus en-saios, os seus relatos, o teatro, o epistolario… seguramente ha volver a eles co paso do tempo. E nesa volta terá a sensación de que sabe e non sabe con exactitude de que se está a falar, pois Dieste case nunca trata dun único asunto cando toma a pa-labra, nin sequera cando se trata do que el mesmo catalogaba como contos simples. Aprendemos, vivimos, ampliamos o noso mundo e lecturas, profundamos no coñecemento do nimio e do relevante e cando regresamos aos seus textos estes teñen aín-da planos novos que amosar, fíos que pasaran desapercibidos, alegorías das que participamos sen nós advertilo. Algo así —a propósito da liberdade, do amor, da soidade, tamén do que con Ernst Bloch chamariamos principio esperanza— semellan

Page 8: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

8 ¡

activar sempre que se volta a eles uns versos testemuñais que encabezan o poema vixésimo sexto dun libro de poemas, Rojo farol amante, publicado en 1933:

Se esparcían confines,volaban horizontestocando con sus alas la frente del amor,jinete desmayado en el espaciode su redonda libertad, esferasin orillas,donde túno estabas.

Dieste é adoito, acaba de verse, un autor apelativo, un es-critor que, por empregar a súa propia terminoloxía, logra que nos sintamos aludidos unha e outra vez polo relato, pola in-dagación do conflito e das idas e voltas das conciencias que emerxen en cada páxina. Sexamos nós quen sexamos, saiba-mos o que saibamos sobre as leis do universo, sobre a condi-ción humana, sobre os ritmos da historia. ¿Non é acaso este da alusión directa o vector latente naquela comedia de 1927, A fiestra valdeira, na que un retrato ao óleo, omnipresente des-de o comezo para personaxes e público, promove o tratamen-to conxunto dos problemas da identidade persoal e colectiva e da representación nas artes?

Nesa perspectiva Dieste é un clásico. Éo porque sempre di algo novo a quen le, algo que perderamos de vista ou se nos fora do entendemento a primeira vez. E dínolo ademais de for-ma tal que sabemos que o asunto desenvolvido nos incumbe. Como estudoso da súa obra, e xustamente por todo o anterior, afirmo que resulta temeraria a afirmación de que o coñece-mento que temos sobre Dieste sexa en certos planos abondo.

Page 9: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

¡ 9

Segundo demostra arreo Xosé Díaz Díaz neste libro, non o é. Con seguridade, non o será nunca. E iso é unha bendición, non debe verse doutro xeito. Entre outros motivos, porque li-das argumentacións como as que se desenvolven nos capítu-los destes Arquivos xeométricos de Rafael Dieste é imposíbel seguirmos lendo igual que antes a triloxía teatral Viaje, duelo y perdición, relatos como “La peña y el pájaro” de Historias e invenciones de Félix Muriel, a comedia de remate ledo antes citada ou, loxicamente, ¿Qué es un axioma? e as demais publi-cacións matemáticas do autor.

Sen abandonar esa mesma perspectiva, en Dieste configúrase algo do analizado polo sociólogo estadounidense Richard Sen-nett en The Craftsman, un libro de 2008. No autor de Dos ar-quivos do trasno comparece sempre iso que el mesmo describía como vontade de estilo e que en definitiva non é outra cousa que unha proximidade case íntima co que as mans, a ollada e a razón producen. O artesán como a persoa decidida a facer ben unha tarefa, sen que esta teña que delimitarse necesariamen-te ao eido do manual. O artesán como o mediador entre un problema e unha solución a través da destreza, a motivación, o xuízo, o hábito, a perseveranza, o ritual, a técnica. O artesán como quen logra a resposta máis sinxela (e eficaz) á complexi-dade que ás veces atoa o pensamento, a produción, a acción. Dieste, un artesán do discurso, e en pé de igualdade tamén da argumentación, posuía como poucos o dominio simultáneo do ourive e o do urbanista, o do apotegma e o do tratado. E ante todo foi sabedor das escalas todas que activa iso tan ina-prensíbel que chamamos lectura. Por ser poeta e xeómetra, por coñecer as paixóns e saber administrar a elocuencia, sobre cada palabra súa cruzan unha ducia de sendeiros.

Nada do anterior impide, naturalmente, que nesa práctica de artesán apareza o erro. De feito, Dieste pensaba que a per-

Page 10: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

10 ¡

fección rotunda, sobre todo nas artes, constituía unha meta da que conviña afastarse. En carta a Gabriel Zaid datada o 4 de xuño de 1961, introduciu Carmen Muñoz unha expresión que agora vén ao caso. Xogando co significado da voz escale-no (do grego σκαληνός, oblicuo, desequilibrado, torto, coxo) aplicado a un triángulo, Dieste adoitaba recoñecer, segundo subliñaba a súa esposa, o interese particular dos que chamaba versos escalenos. Cito a partir dunha copia desa carta inédita di-rixida a quen fora alumno de Dieste no Instituto Tecnológico de Monterrey nos primeiros anos 50 e a partir dese momento interlocutor permanente seu. Dicía Carmen Muñoz: “Según él todo poeta es y debe ser «un poco escaleno», para lo cual ne-cesita gran conciencia de la gravitación natural, del equilibrio” (Arquivo Dieste).

Admítaseme lembrar aquí unha conversa mínima, tamén nunha encrucillada, urbana esta, a comezos dos pasados anos 80. Unha tarde na Porta Faxeira de Compostela coincidín co profesor Enrique Vidal Abascal, catedrático de Xeometría dife-rencial. Non fora alumno directo seu pero si de varios dos seus discípulos naqueles primeiros anos universitarios. Coñecíao como académico e tamén como pintor. O caso é que decidín abordalo e tras unha mínima presentación, camiñando cara á Senra, saquei o asunto do Testamento geométrico de Dieste, publicado non había moito, no ano 1975. Don Enrique, creo que entón próximo á xubilación, foi categórico e non amosou maior interese por afondar naquel tema. Díxome só: “Dieste estaba equivocado”. E abofé que o estaba. Isto é algo que a análise de Xosé Díaz deixa claro cos razoamentos exactos que corresponden ao caso, aínda que como percibirá de inmediato quen abra estas páxinas esa do erro é só unha vertente, entre outras, das varias que ao respecto importan. Podería dicirse mesmo que nin sequera sexa a principal. Cando menos non o

Page 11: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

¡ 11

é para quen non teña un interese apenas técnico polo Dieste xeómetra e para quen non se deixe obnubilar pola harmonía dos triángulos equiláteros e isósceles.

Trato ao autor deste libro desde hai seis anos, cando deti-do tamén el noutro cruce de camiños —de tipo académico a primeira vista— chegoume a proposta de codirixir a súa tese de doutoramento xunto co meu vello amigo Rafael Martínez Castro, especialista en Zubiri e profesor de metafísica na Fa-cultade de Filosofía compostelá. Xosé Díaz licenciárase en ma-temáticas e cursara un programa de doutoramento en Filoso-fía. Interesábase pola literatura (é tamén narrador e biógrafo) e sobre todo sentía particular atracción por Rafael Dieste e os seus mundos. En realidade, as pescudas que atraían a aquel matemático novo de formación rotundamente infrecuente se-mellaban ser dunha índole que tería fascinado ao propio Dies-te. Nese ángulo formado polo epistemolóxico e o persoal, nese coñecer porque se fai inadiábel coñecer, tenteando igualmente confíns e horizontes de natureza diversa entre vida e ficción, entre as artes e as ciencias, o tanxíbel e a abstracción, a his-toria e os mitos. Confíns acaso homólogos na súa condición esencial de lugares para o encontro. Así que cando comecei a falar con Xosé foi inevitábel lembrar as primeiras páxinas que Dieste dedicara nunha revista madrileña, ano 1935, ao seu Félix Muriel, comparándoo cunha escultura pensante (e andante) de Donatello.

Observarase que é complicado para este prologuista á hora de presentar este libro, resultado parcial e renovado dunha tese de doutoramento, esquivar algúns camiños propios. Abunda-remos aínda un pouco máis neles, enseguida se verá por que. Ao longo do primeiro decenio deste século, tras unha serie de peripecias que non é preciso detallar agora, fanou de vez o proxecto de editar un terceiro volume da serie das Obras

Page 12: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

12 ¡

Completas de Dieste, o que estaba previsto compilar como En-saios reunidos, inicialmente adscrito ao coidado de Domingo García-Sabell por Isaac Díaz Pardo, como cabeza motora de Ediciós do Castro, e por Darío Villanueva, director da serie xa desde os tempos —finais dos anos 80— nos que a vella Edito-rial Aguilar asumira o proxecto de xuntar a totalidade da obra do autor. Tras o falecemento de García-Sabell en 2003 aquela responsabilidade reasignouse e correspondeume asumila. O volume debía conter, segundo fora pensado desde o principio, os ensaios de carácter filosófico, estético, hermenéutico, litera-rio e matemático de Dieste. Consolidárase había tempo unha liña de comprensión da obra xeométrica diesteana na que este último sector da súa produción non se vía en absoluto como secundario, nin moito menos como superfluo, aínda que o seu encaixe como ensaística resultase unha decisión algo forzada. Aprendérannolo a todos en diversas e sucesivas análises, algu-nhas públicas e a maioría inicialmente privadas pero coñecidas despois mercé á publicación do epistolario do escritor, entre outros, Xosé Otero Espasandín, García-Sabell e sobre todo o enxeñeiro, ensaísta e poeta mexicano Gabriel Zaid, mencio-nado xa como interlocutor privilexiado de Dieste durante case trinta anos, e Eladio Dieste, un dos sobriños uruguaios do autor e persoa de enorme reputación internacional como enxe-ñeiro e arquitecto. O propio Xosé Díaz demostra ao longo des-te libro que estética e xeometría constituíron, unha de par da outra, disciplinas envorcadas sobre a experiencia participativa dos seres humanos no que consideramos realidade de noso, a que percibimos, estruturamos e posuímos a fin de sentirnos no mundo; de aí que a xeometría fose para Dieste unha “ex-periencia obxectiva da posibilidade de construír, de anticipar ou de suscitar realidade”, ou tamén, a “forma patente da nosa condición de suxeitos participantes no mundo, na verdade e

Page 13: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

¡ 13

na realidade”, como observa Díaz nestas páxinas. Pese a todo, a edición dese sector xeométrico revelouse axiña tarefa extre-madamente complexa para os medios cos que se contaba, en particular no que atinxía á notación matemática e o seu rigor inescusábel en títulos como o Nuevo tratado del paralelismo e Testamento geométrico. Lembro aínda ben as moitas tardes dedicadas a avanzar na edición e o instante no que a imaxe de Sísifo comezou a facerse inaturábel. No camiño quedara para o meu pesar unha fina presentación dos tres libros matemáti-cos de Dieste que a petición miña escribira ad hoc Fernando Alcalde, profesor do departamento de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago.

A concreción como proxecto desta monografía tampouco foi un camiño doado pero a constancia de Xosé Díaz venceu as dificultades para nos poder presentar agora, un ano despois da brillante defensa da súa tese de doutoramento, un estudo de gratísima e proveitosa lectura, intelixentemente escrito, no que as esixencias previas de coñecemento da historia das ma-temáticas e de aspectos epistemolóxicos correlativos fican moi aliviadas pola súa habelencia didáctica como administrador da información só estritamente necesaria a cada situación concre-ta e, non menos, polo seu probado oficio narrativo; ou, visto desde a outra aba, no que os lectores formados en matemáticas ou en ciencia básica non prenderán en exceso na silveira espe-culativa da razón histórica nin na argumentación específica das ciencias sociais e dos saberes humanísticos, podendo re-coñecer de forma práctica o seguimento por Dieste do curso da matemática e da física dos séculos xix e xx (Lobachevski, Gauss, Riemann, Klein, Poincaré, Hilbert, Einstein…) e ao tempo o transfondo filosófico que acompañou a aquel, con Kant, Husserl e en xeral a fenomenoloxía, Bergson e Zubiri como as referencias máis recorrentes.

Page 14: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

14 ¡

Así, sen que abroche a impresión de desorientación ou per-da, Xosé Díaz é quen de conducirnos polos distintos ámbitos discursivos e textuais nos que Dieste proxectou a súa vida e intelixencia creadora, por suposto con principalísima atención aos tres libros matemáticos (ou matemático-filosóficos) da súa autoría —Nuevo tratado del paralelismo (1956), ¿Qué es un axioma? Movilidad y semejanza (1967) e Testamento geométrico (1975)—, forxados nas soidades do exilio americano e euro-peo e dun regreso ao país que nunca foi completo, e a un feixe de follas inéditas aínda que latentes no resto desa produción xeométrica titulado precisamente Teoría del espacio. Anima Díaz asemade a entrar, sempre con discreto empeño, nos dis-tintos lugares textuais da obra diesteana nos que brille algunha luz para informarnos con garantías sobre a conceptualización do espazo, o movemento e a realidade no pensamento do au-tor. Con todo, a maior sorpresa que depara a lectura deste libro é a da consolidación certa e probada do que antes se apuntou sobre as correspondencias entre os problemas trata-dos polo Dieste fabulador e poeta, o Dieste que constrúe unha teoría do coñecemento e unha hermenéutica, o Dieste home de teatro (dramaturgo, teórico, mestre do guiñol, escenógrafo, director, xestor) e o Dieste científico e xeómetra; porque como sinala Díaz nas páxinas iniciais do seu estudo a disxuntiva si-tuábase “entre xeometría euclidiana e non euclidianas como modelos lexítimos e definitivos de verdade e representación” sempre arredor do asunto da suposta (e real) indemostrabili-dade do v Postulado de Euclides.

Eis, en efecto, a cuestión fulcral da pertinaz preocupación ontolóxica e epistemolóxica de Dieste polo célebre postulado: ¿en que lugar deixan as xeometrías non euclidianas á intuición como ferramenta ao servizo da constitución do real e como “métrica do mundo”, á subxectividade como índice intencio-

Page 15: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

¡ 15

nal da realidade?; como afectan esas xeometrías ao dito por Kant a propósito de espazo e tempo en tanto formas a priori da sensibilidade, intuicións puras?; de que maneira condicionan a funcionalidade epistemolóxica do axioma (unha “oportuna evidencia” no pensamento diesteano)? E tamén: cal é a forma do espazo?, cal a súa vinculación co tempo?, como funciona o movemento en termos entitativos e de individuación do real?

Estas e outras preguntas converxentes configuran a fecunda materia de base que Xosé Díaz se atreveu a explorar, facilitan-do a quen lea cumprida, pormenorizada e sucesiva resposta para cada unha delas. Tanto é así que o seu libro constitúe con toda claridade como resultado o contributo máis sólido a unha teoría da realidade en Dieste de aplicabilidade non res-trinxida ao campo da xeometría senón tamén —suxírese con modestia nas últimas páxinas— ao correspondente á poética en sentido amplo. Sería tarefa nova tratar de entendelo e de comprobalo. E estimo que se pode asegurar que quen o in-tente cos fundamentos precisos descubrirá un novo Dieste na dramaturxia e no resto das súas historias e invencións. Velaquí un outro agasallo que a todos ofrece o autor deste libro.

Page 16: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

16 ¡

Page 17: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

¡ 17

Para Belén, a quen atopo en todos os camiños

Page 18: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

18 ¡

Page 19: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

¡ 19

Le preguntamos, pues: ¿por qué siendo ante todo poeta (en prosa, en verso o diálogo dramático, es igual) le han preocu-pado las matemáticas?

Fermín F. García Armesto «¿Qué es un axioma? de Rafael Dieste»

La Voz de Galicia / 30 de xuño de 1968

Las matemáticas me parecen una cosa majestuosa, tan ex-traordinaria casi desde el principio de los tiempos, desde que se comienza a medir algo, desde el momento en que se em-piezan a contar los días o a hacer marcas en unas piedras y en unos árboles para tener conciencia de la marcha rítmica del universo, o desde el momento en que se empieza a hacer los primeros calendarios... En fin, es algo tan distintivo del hom-bre como apasionante y majestuoso en sí mismo.

Rafael Diestenunha charla-coloquio celebrada

na Sociedade de Cultura Valle-InclánFerrol / 4 de xuño de 1981

Y después miraba el libro de Dieste, el Testamento geométri-co, que colgaba impávido del cordel, sujeto por dos pinzas, y le daban ganas de descolgarlo y limpiar el polvo ocre que se le había ido adhiriendo aquí y allá, pero no se atrevía.

Roberto Bolaño«La parte de Amalfitano», 2666

Page 20: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

20 ¡

AbreviAturAs

Para que a lectura sexa máis fluída, e se relacionen inmediatamente as citas coas obras das que estas foron extraídas, realizouse unha listaxe de abreviaturas que axilicen a asociación.

datlvpm

hifmslc

ntp lpe

qea tg li

ev

fi

ep

ogc

oc

ad epcm

Dos arquivos do trasno, Vigo, Galaxia, 1995.“La vieja piel del mundo”, en El alma y el espejo, Madrid, Alianza,

1981, pp. 201-280.Historias e invenciones de Félix Muriel, Madrid, Cátedra, 1985.“Sobre la libertad contemplativa”, en El alma y el espejo, Madrid,

Alianza, 1981, pp. 49-103.Nuevo tratado del paralelismo, Bos Aires, Atlántida, 1956.“La Paloma Equis”, en El alma y el espejo, Madrid, Alianza, 1981,

pp. 145-160.¿Qué es un axioma? Movilidad y semejanza, Vigo, Teseo, 1967.Testamento geométrico, A Coruña, Ediciones del Castro, 1975.“La Isla”, en La Isla / Tablas de un naufragio, Barcelona, Anthro-

pos, 1985, pp. 27-84.Encontros e vieiros. Once charlas sobre plástica, teatro e literatura,

Sada, Ediciós do Castro, 1990, edición de Arturo Casas.Fragua íntima. Aforismos (1926-1975), Ferrol, Sociedade de Cul-

tura Valle-Inclán, 1991, edición de Arturo Casas.Epistolario, Sada, Ediciós do Castro, 1995, vol. v, edición de

Xosé Luís Axeitos.Obra galega completa, Vigo, Galaxia, 1995, edición de Xosé Luís

Axeitos.Obras completas, 2 vols., Sada, Ediciós do Castro, 1995. Vol. i:

Narrativa e Poesía, edición de Arturo Casas e Darío Villanue-va. Vol. v: Epistolario.

Arquivo Dieste.Epistolario de Carmen Muñoz Manzano, Sada, Ediciós do Castro,

2005, edición de Xosé Luís Axeitos e Charo Portela Yáñez.

Page 21: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

¡ 21

Page 22: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

22 ¡

Page 23: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

¡ 23

[ Introdución ]

A obra xeométrica de Rafael Dieste

A dedicación plural de Rafael Dieste é unha característica ben coñecida da súa traxectoria vital e intelectual, unha

diversidade que a miúdo se ten consignado como traza esen-cial do seu quefacer creativo. É lugar corrente dos traballos de lectura e interpretación da obra diesteana a constatación da súa dispersión xenérica e temática, extensiva tamén ás varias facianas do autor na súa praxe como ser social. Sen ser particu-larmente ampla no que a títulos editados se refire, a súa é unha obra de atencións múltiples en tránsito pola narrativa, o co-lumnismo, o teatro, a poesía, o ensaio, o diálogo e o aforismo, se facemos conta de xéneros; e pola estética, a epistemoloxía, a hermenéutica e a teoría literaria, se atendemos ás preocupa-cións e principais texturas discursivas.

Unha produción de perfís tan dispares non pode ser enten-dida sen facermos conta do propio devalo biográfico do au-tor. Non é a nosa intención ofrecermos un achegamento polo miúdo ás etapas e ámbitos na creación de Rafael Dieste, pero os propios itinerarios do rianxeiro a través do seu tempo per-miten comprender e situar mellor o seu tecido creativo. Así pois, cómpre observar en Dieste as características dun dobre tránsito que determina o groso da súa produción: un tránsito externo, que o situará de moi novo na fronte da guerra de Ma-rrocos (anos 1921-1923), máis tarde no periplo das Misións Pedagóxicas por España (1932-1936), en Europa como pen-

Page 24: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

24 ¡

sionado da Xunta de Ampliación de Estudos (1935), axiña no exilio tras a Guerra Civil entre unha e outra marxe do Atlán-tico (1939-1961); e outro interno, un tránsito da propia crea-tividade fraguado paso a paso nas etapas e destinos vitais que afronta. O espazo de creación suxéitase aos treitos de maior ou menor adversidade, de menor ou maior comodidade, nos que o rianxeiro ten que vivir. Nin a vida do autor se entende á marxe da obra nin, por suposto, a obra debe ser disociada do pulso vital que a acompasa. Isto non constitúe, ben seguro, unha singularidade exclusiva do rianxeiro, unha fasquía propia do seu carácter intelectual que non poida merecer outro autor sometido a idénticos avatares. Porén, si implica unha maneira de ser da creación que debemos adiantar: ao noso ver, a obra de Dieste é, antes que calquera outra cousa, un proxecto vital en marcha, unha produción afectada e modulada polas circuns-tancias da vida e as demandas que esta vai interpoñendo. A obra diesteana é, así, obra-afeita-á-vida, obra-vivida en medio século de exilios, búsquedas e loitas íntimas.

Xa pois, o estudo das vocacións creadoras de Dieste con-fróntanos ante un pensador que non sortea, por controver-tidas, as demandas de reflexión e coñecemento que a propia vida achega. Non obstante, malia a amplitude de rexistros e asuntos abordados, existe un consenso xeneralizado entre os distintos intérpretes da obra diesteana á hora de recoñecer o es-pírito de cohesión creativa e reflexiva arredor do que se reúnen todas as súas ocupacións e traxectos vitais. Todas as súas dedi-cacións —aquí o narrador, o dramaturgo ou o xornalista; alí o poeta, o ensaísta ou o dinamizador social e cultural— veñen impulsadas por unha vocación iluminadora común, un desexo de apertura, contacto e ofrecemento ao home dos confíns do saber que alude a un dobre nivel, ético e gnoseolóxico, no que definir o paso de Dieste no mundo. Neste sentido, o vagar

Page 25: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

¡ 25

autorial e intelectual de Dieste pode ser igualado, como moi graficamente viu Gabriel Zaid (1995a: 76), amigo e frecuente interlocutor do rianxeiro, cun “cristal de moitas facetas, pero dunha soa peza”.

Por iso, non sorprende que un dos trazos principais da súa biografía autorial, do seu modo de estar e relacionarse co mun-do, sexa o carácter especulativo e de reflexión de boa parte das súas direccións creativas. O contrato que Dieste asume coa indagación e coa meditación invade, con presenzas diversas, o común das súas obras. A angueira especulativa é unha pulsión que atravesa a súa produción, “un desexo de filosofía” (Sampe-dro 1995: 117) constatable nas primeiras colaboracións para o xornalismo liberal vigués1 pero aínda intensificada nos transos persoais máis adversos como reduto salvífico interior.2 Fala-mos dunha necesidade vital de indagación e intimidade con propósitos liberadores e de esclarecemento que deu ao cabo cunha serie de títulos ensaísticos, en boa parte escritos e edita-dos no camiño permanente do exilio e que apenas gozaron de favor crítico e lector. Sen facer conta das reedicións de escri-tos literarios, de textos sobre lingüística3 nin de compilacións xornalísticas,4 o groso da súa produción a partir de mediados do decenio de 1940 refire un común impulso reflexivo que dirixirá a propia traxectoria autorial nos anos seguintes.

Unha destas reaccións creativas e de indagación, cremos que a máis descoñecida da súa obra, é a investigación xeomé-trica. Na etapa de madurez, Dieste deu ao prelo tres tratados coas súas pesquisas sobre xeometría. Os textos, Nuevo tra-tado del paralelismo (Bos Aires, 1956), ¿Qué es un axioma? Movilidad y semejanza (Vigo, 1967) e Testamento geométrico (A Coruña, 1975), son, como dicimos, os momentos me-nos estudados da súa produción e constitúen, en palabras do propio autor, un “inesperado aspecto de mis aventuras es-

Page 26: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

26 ¡

peculativas” (ep, carta 528, p. 784). Pretextan a cuestión da suposta demostrabilidade do v Postulado de Euclides e, en consecuencia, a disxuntiva entre xeometrías euclidiana e non euclidianas como modelos lexítimos e definitivos de verdade e representación. Os arquivos matemáticos de Dieste complé-tanse coa súa varia correspondencia sobre o tema, algunhas opinións espalladas en entrevistas e conferencias e un feixe de textos inéditos compilados baixo o título Teoría del espacio / Anotaciones cosmológicas, pertencentes ao Arquivo Dieste.

Houbo en Dieste un gusto pola matemática e os seus me-canismos de determinación ao que non é allea a historia in-telectual da humanidade. Apoia esta afirmación a nómina de pensadores, homes de letras e artistas que, de par das súas de-dicacións principais, cultivaron esta disciplina: Goethe, Scho-penhauer, Marx, Valéry ou Borges, entre varios.5 O interese de Dieste pola matemática non é, de ningún modo, algo puntual ou anecdótico, senón transversal e recorrente en diversos mo-mentos da súa vida. Disto dá boa conta a súa correspondencia, na que o tema xeométrico recibe unha atención significativa no intercambio con diversos interlocutores. Nesta hai oco, entre aquela maioritaria na que se discute sobre teoremas e dificultades concretas das súas investigacións, para a resolu-ción de acertixos matemáticos propostos aquén ou alén mar.6 Estes recreos matemáticos descobren unha non escasa bagaxe do rianxeiro no manexo e cálculo de expresións matemáticas abstractas, así como no rigor e limpeza da notación empregada e a economía da cadea de razonamentos.7

Dieste posuía unha formación matemática infrecuente fóra do ámbito académico, mellorada no autodidactismo durante toda a vida. En 1925, opositaría en Madrid a unha praza de auxiliar do corpo de Estatística —supoñemos que con pou-ca expectativa8— e, de sempre, alternou lecturas de temáti-

Page 27: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

¡ 27

ca científica e matemática como parte do seu vital “degoiro analítico” (Rei Núñez 1995: 8). Nos seus textos xeométricos (tratados e correspondencia) recoñécese a un Dieste atento ao curso dos desenvolvementos e técnicas da nova ciencia, bo coñecedor dos nomes que ditaban a matemática e física do momento: Klein, Poincaré, Hadamard, Hilbert, Helmhöltz, Einstein... Se, como indica Irizarry (1985: 25), algo hai no Fé-lix Muriel de exercicio de memoria e autocoñecemento, algún significado poden ter as seguintes liñas de “El quinqué color guinda” sobre unha precoz afección do autor pola matemática:

Aquel rellano fue siempre lugar en que se dieron cita a la vez la gran franqueza y el dilatado misterio [...] Allí aprendí a amar los planos justos con que se define el espacio, la maravilla de los ángulos, las paredes blancas, el techo de cristal, los limpios escalones que pueden contarse, doce hasta allí desde el zaguán y tres después en ángulo recto hacia el pasillo; y luego, muy liso y veloz, el pasamanos sobre el cual puede uno dejarse resbalar, resumiendo todos los números posibles, los quince, los infinitos escalones (hifm, p. 85)

Pero malia o interese máis ou menos constante de Dieste pola matemática, as súas teses xeométricas padeceron unha significativa postración e trivialización crítica que as relega-ron á case total desatención.9 É este, constatamos, un destino compartido por boa parte da súa produción, en especial pola súa xeira ensaística aínda que tamén, en distintos graos, pola súa obra lírica, dramática e narrativa en español. Con todo, neste rexistro de desleixos críticos e historiográficos que adoito padeceu a escrita diesteana e, especialmente, as súas obras de pensamento, a investigación xeométrica ocupa un lugar des-tacado. Malia o valor informativo que esta ten na ordenación

Page 28: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

28 ¡

dos perfís autoriais, os escritos xeométricos son, sen dúbida, os exercicios do seu pensamento máis deixados pola crítica. Como ironicamente refire Rei Núñez (1995: 8), estas obras foron colocadas decontado no “arquivo dos intrusos, sección mirar dentro de cen anos”. Completa soidade autorial no antes e no despois dos textos, debido en parte ás circunstancias pou-co propicias nas que estes foron publicados (o exilio, a España franquista), como á dificultade de obter atención da comu-nidade científica e do público lector perante o considerado como unha paréntese discursiva e temática na obra do autor. Desde o máis de medio século que media entre a redacción orixinal do primeiro dos textos xeométricos, apenas teñen sido estudados desde o punto de vista matemático para consignar as súas sombras dedutivas (que as ten, e moi principais) así como algún importante triunfo. Porén, sorprende o escaso in-terese comentarista por descubrir o entramado de relacións que a xeometría diesteana tece co resto do seu pensamento, excepción feita das lecturas esexéticas de Gabriel Zaid, Xosé Otero Espasandín, Domingo García-Sabell e do seu sobriño Eladio Dieste. Aos catro acáelle o non pouco meritorio título de intérpretes e divulgadores do Rafael Dieste xeómetra. Aos catro corresponden tamén tanto as revisións como as escasas recensións críticas do seu traballo xeométrico feitas sobre o pano de fondo da obra literaria e de reflexión, onde se trazan apuntamentos básicos para unha ecdótica xeométrica futura.

Varios son os motivos que explican esta marxinación críti-ca da obra matemática de Dieste: en primeiro termo, as con-dicións pouco favorables para o intercambio, a difusión e o estudo nas que os volumes foron publicados, xunto ás carac-terísticas precarias das súas edicións.10 Non son estas razóns exclusivas que afecten ás publicacións xeométricas; antes ao contrario, atinxen tamén a boa parte da súa obra de reflexión.

Page 29: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

¡ 29

En efecto, a maior parte da obra ensaística de Dieste viu a luz en transos pouco propicios para a súa visibilidade. A edición orixinal de La vieja piel del mundo (1936) desapareceu na súa práctica totalidade baixo as primeiras vagas de bombas nacio-nais sobre Madrid, no inicio da Guerra Civil española. Lu-chas con el desconfiado (1948), froito do exercicio reflexivo que Dieste consolida no exilio, apareceu nun contexto igualmente contrario para o seu recoñecemento, cando os republicanos españois perderan parte do favor da clase política e intelectual arxentina que os acollera en inicio (nun escenario, o do exilio arxentino de finais dos 40, determinado polo cada vez máis presente e activo cooperacionismo entre os réximes peronista e franquista). Algunhas das súas outras obras de pensamento publicadas ao regreso a España, como Diálogo de Manuel y David (1965), aqueixaron edicións e distribucións deficientes en boa parte autofinanciadas polos Dieste, e outra parte do seu íntimo recollemento quedou inédito na gabeta ata moito des-pois da súa redacción, caso senlleiro de Tablas de un naufragio (que cumpre, ao noso entender, unha función matriz na com-prensión do seu pensamento) cuxa edición póstuma xunto a La Isla, ditada á súa dona en 1955, tivo que agardar ata 1985.

Como dicimos, as teses xeométricas de Dieste foron edita-das en circunstancias análogas ás que vimos de detallar para a obra ensaística, o que dá algunha razón da súa invisibilida-de na distribución e comentario. Nuevo tratado del paralelis-mo publicarase no exilio arxentino, mentres que ¿Qué es un axioma? e Testamento geométrico serán momentos editoriais do Dieste regresado. Os tres son o resultado, en tempos e contex-tos pouco favorables, de edicións e tiraxes humildes: de fei-to, o Testamento geométrico publicarase mercé a unha xestión conxunta de varios intelectuais galegos feita con carácter de homenaxe,11 sen cuxo mecenazgo talvez tería corrido un rum-

Page 30: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

30 ¡

bo editorial diferente. Por outra banda, máis de trinta anos despois da morte do autor, outra parte da súa obra xeométrica, a colección de ensaios Teoría del espacio / Anotaciones cosmoló-gicas,12 permanece inédita no Arquivo Dieste.

Pero, xunto ás circunstancias pouco propicias e as edicións deficientes, é evidente que na escasa acollida dos tratados xeométricos interviu como razón destacada a súa aridez for-mal, que o afastaba do público lector en xeral, e as consecuen-cias obtidas, que o enfrontaban abertamente co canon acadé-mico. Dieste prometía demostración do v Postulado de Eucli-des, un afán que quedara proscrito para a comunidade mate-mática máis dun século atrás cos traballos de Gauss, Riemann, Bolyai e Lobatchevsky, e que achamos como razón substantiva do escepticismo académico suscitado. Durante vinte séculos, a historia da xeometría estivo dirixida polo impulso de deter-minación do estatuto lóxico do v Postulado de Euclides, ben como postulado efectivo, isto é, como axioma independente dos catro anteriores, ben como teorema deducible daqueles:

V Postulado (de Euclides ou das Paralelas). Se unha rec-ta ao incidir en dúas rectas fai os ángulos do interior e do mesmo lado menores que dous ángulos rectos, as dúas rectas, prolonga-das ao infinito, atópanse no lado no que están os ángulos meno-res que dous rectos.13

O estatuto do v Postulado ou Postulado das Paralelas, enunciado no Libro i dos Elementos de Euclides,14 deu para unha milenaria controversia xeométrica que animou o propio curso da disciplina. Se os catro postulados previos establecen propiedades evidentes para a nosa intuición xeométrica (so-bre a ontoloxía de entidades xeométricas básicas como punto, recta, circunferencia e ángulo; sobre a posibilidade de trazar

Page 31: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

¡ 31

rectas ou circunferencias; ou sobre a igualdade de dous ángu-los rectos calquera15), o v é o de arquitectura máis complexa. A versión clásica deste enunciado que transcribimos arriba arte-lla dous niveis enunciativos principais: en primeiro termo, un ontolóxico, ao esixir a existencia de puntos de intersección de rectas; e, en segundo lugar, un procedimental, que fixa o cri-terio de paralelismo. Da aceptación deste enunciado derívase a xeometría euclidiana, que serviu como modelo de represen-tación con ambición absoluta vixente durante a Modernida-de. Dito modelo permite describir o mundo con arranxo á nosa intuición, un mundo subtendido polas tres dimensións espaciais nas que habitualmente nos manexamos, de entidade global uniforme, continua e homoxénea.16

A sombra incerta do v Postulado roldou desde o momento no que os primeiros xeómetras clásicos opuxeron obxeccións á sistematización euclídea. A súa menor evidencia intuitiva le-vou a Proclo a solicitar a súa eliminación do rexistro de postu-lados. O feito de que nos Elementos se retrase a súa utilización ata a demostración da proposición 29 do Libro i levantou sus-picacias entre diversos intérpretes. Estas reservas motivaron un profundo debate xeométrico que guiou a propia evolución da disciplina durante vinte séculos: ¿debe o v Postulado ocupar un posto no rexistro de postulados como enunciado indepen-dente dos anteriores? Ou, por acaso, é posible obter unha de-mostración a partir deles e, por tanto, afirmar a súa condición de teorema?

Os esforzos máis denodados centráronse en atopar unha de-mostración definitiva do v Postulado. Haberá que agardar ata o s. xix para poder desbotar esta posibilidade e confirmar de vez a súa natureza postulacional. En efecto, será no s. xix cando se propoñan varios modelos xeométricos loxicamente consis-tentes derivados ben da negación do enunciado das paralelas,

Page 32: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

32 ¡

ben da súa exclusión. A descuberta de xeometrías non contra-ditorias á marxe do v Postulado concertou a independencia do mesmo respecto dos outros catro (isto é, a súa indemostrabili-dade a partir deles, o seu carácter postulacional certo) así como a pertinencia dun marco de coexistencia lóxica das estruturas euclidiana e non euclidianas e, niso, de diferentes nocións de espazo que desprazaban de vez a concepción absoluta do espa-zo euclídeo mantida durante a Modernidade.17

Asemade, esta variedade lóxica e ontolóxica de xeometrías e espazos contrapostos provocou o desprazamento da intuición como instrumento de validez, ao manexaren as xeometrías non euclidianas nocións de rectitude e paralelismo que er-guen estruturas con propiedades incapaces para o esquema intuitivo “usual” que caracteriza a xeometría euclidiana. Isto implicou unha diversificación dos estándares de obxectivida-de descoñecida ata entón. Este é o momento da quebra de-finitiva das concepcións absolutas de verdade e causalidade dominantes durante a Modernidade, favorecendo unha pre-sentación pendular da ciencia que alterna verdades contra-postas enunciadas en vocabularios e teorías igualmente (des)privilexiadas. A nova empiría científica desterrou a pretensión de absolutidade veritativa e invariabilidade ontolóxica e, niso, a posibilidade de dar unha fundamentación monista do saber, en favor dunha estratexia de fundamentación do coñecemen-to suxeita á coexistencia de cadros de hipóteses con idéntica validez e consistencia. Por outra banda, a aplicación exitosa de resultados de xeometría non euclidiana á teoría da relativi-dade ou á mecánica cuántica cuestionou a tese kantiana que ubicaba a xeometría euclidiana e o principio de causalidade determinística no estamento de verdade necesaria. A xeome-tría deixa de ser considerada unha construción na intuición pura para pasar a ser observada como unha ciencia formal ou analítica sen ningunha relación necesaria coa experiencia.

Page 33: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

¡ 33

Dieste chega a este problema desde unha motivación filo-sófica e de teoría de coñecemento. O autor reacciona contra a situación de convivencia de teorías xeométricas rivais que especifican modelos incompatibles pero que contan coa mes-ma lexitimidade formal e a mesma posibilidade teórica de correspondencia e verificación fenoménica. Para Dieste, o es-cenario múltiple de verdade, obxectividade e representación propiciado tras a aparición das xeometrías non euclidianas e o conseguinte desprazamento da intuición como instrumen-to competente na descrición do mundo, encobre unha rela-ción de subordinación da realidade ás marxes concisas dun certo dominio de validez ou dun convenio establecido entre os suxeitos activos dunha teoría. Desde este punto de vis-ta, Dieste non pon en cuestión a validez lóxica dos sistemas xeométricos non euclidianos, é dicir, non somete a exame a súa consistencia como modelos loxicamente constituídos. O que, en cambio, si indaga Dieste é a pertinencia da estratexia filosófica que as realizou como posibilidades lóxicas: ¿cal é a lexitimidade dunha ontoepistemoloxía18 aberta a un rexistro múltiple de verdades, obxectividades e representacións? Cal a dun marco filosófico suxeito aos rigores dun dominio de validez establecido? E, o que é máis importante, onde cabe a realidade en dita estratexia?

É deste punto desde o que intervén Dieste en xeometría, no propósito da obtención dun sistema xeométrico consisten-te que demostre o v Postulado e afirme a súa preeminencia lóxica e ontolóxica como modelo de representación fronte ás alternativas non euclidianas. Xa comentamos que, sen apenas atopar interlocutor para a discusión dos textos, as reservas e silencio académico anatematizaron a proposta xeométrica de Dieste nunha lectura exclusivamente matemática, extirpada do corpus do rianxeiro e, por tanto, renitente a establecer co-nexións co seu pensamento estético e epistemolóxico. É evi-

Page 34: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

34 ¡

dente que, desde un punto de vista xeométrico, Dieste non consegue culminar con éxito o propósito de erguer un sistema dedutivo consistente, á vista de certos erros e inadecuadas pre-suncións que basean as súas “demostracións” do v Postulado. A natureza postulacional do v enunciado de Euclides concerta a imposibilidade da súa demostración, de xeito que as varias “demostracións” que Dieste ofrece do v Postulado son, por forza, incorrectas con arranxo á lóxica e aos fundamentos da xeometría. Isto xustifica en boa medida a desatención crítica que sempre recibiron os tres tratados, ao se propoñeren alí conclusións abertamente enfrontadas co pensamento mate-mático vixente.19

Porén, á marxe de certas eivas de tipo técnico e dedutivo,20 o interese desta parte da produción diesteana reside sobre todo no seu rendemento filosófico. O restablecemento do carácter preferente da xeometría euclidiana como modelo de verdade e representación que o Dieste xeómetra ensaia, así como a re-validación da intuición como instrumento competente nos procesos de coñecemento implícita nese obxectivo, alude de seu a unha empresa de proxecto racional que cómpre destacar. Do punto de vista filosófico, os tratados xeométricos de Dies-te dispoñen un discurso aberto á ampliación ou extensión da razón teórica de xeito correspondente coas nosas demandas internas, percepcións e representacións intuitivas da realidade. O obxectivo de restauración da concepción preferente da xeo-metría euclidiana como estándar de verdade e representación a que vimos aludindo refire, de base, a ambición dunha razón non modulada en exclusiva por efectos de razón teórica, se-nón aberta ás nosas impresións, intuicións e anticipacións de realidade. Dieste observa na xeometría euclidiana un caso de aplicación canónica dunha concepción racional como a que se demanda, afecta a esixencias de coherencia, normatividade

Page 35: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

¡ 35

e sistematicidade formais e rigor e competencia na descrición de contidos de realidade, á vez que compatible cos ditados da intuición.

Advírtase, ademais, que este cometido de restablecemento do carácter preferente da xeometría euclidiana como modelo de verdade e representación que Dieste practica, así como a revalidación da intuición como instrumento competente nos procesos de descrición do mundo, non debe ser considerado unha excentricidade intelectual do autor maduro, senón unha achega a unha liña de pensamento (o certo estatus preemi-nente do espazo euclídeo fronte ás alternativas non euclidia-nas) que suscitou o interese de pensadores como Poincaré, Hilbert, Carnap, Weyl e outros. Aquí debe ser situada a obra xeométrica de Dieste, con esta liña debe ser confrontada. Non é un feito illado no pensamento do s. xx a intención de revalidar filosoficamente o espazo euclídeo, pegado á nosa intuición, fronte ás vertentes xurdidas coas xeometrías non euclidianas. Por outra banda, esta preocupación naturalmen-te engasta co crecente interese de Dieste polo tema do espazo no teatro e nas artes desde finais da década de 1930.

Neste camiño, cómpre destacar tres elos discursivos princi-pais que moi logo se descobren nas bases do seu argumento e concepcións. Ditos motivos confiren aos textos xeométricos de Dieste intencións máis amplas que as dun mero tratado sobre xeometría, nos pasos dun proxecto racional específico consonte a estrutura da realidade, capaz na descrición desta como ámbito no que se dá a nosa experiencia, intuición e exis-tencia. Son os seguintes:

a) O espazo, entendido como índice referente de realidade coextensivo ao tempo, no cal e a través do cal configuramos o mundo.

Page 36: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

36 ¡

b) A xeometría como experiencia participativa na realidade, nunha función análoga á que a estética ou a poética cumpren no resto do seu pensamento.

c) O movemento como razón de comparecencia ontolóxica e conciencial da realidade.

Ao inicio de Nuevo tratado del paralelismo (p. 9), o autor advirte sobre o que agarda nas páxinas que seguen: o proble-ma das paralelas, sinala, alude en realidade ao problema on-tolóxico da “forma do espazo”. Dieste parece apuntar, nestas primeiras páxinas da súa investigación xeométrica, a unha pes-quisa sobre a natureza e experiencia do espazo como estrutu-ra propia da realidade anterior á formalización da xeometría. Como veremos, na perspectiva diesteana o espazo non é outra cousa que unha estrutura obxectiva invariante da realidade que suxeita a nosa vivencia, intuición e experiencia. O termo índice escollido arriba para a caracterización do espazo debe ser ben entendido neste sentido que apuntamos: como aquilo que o atravesa de parte a parte para dar conta, para indicar, a súa estrutura e disposición de contidos, da mesma maneira que funciona o “índice” que normalmente encabeza un libro. Por outra banda, a afirmación dunha fasquía de tempo anexa ao espazo constitúe un dos puntos de maior importancia das teses xeométricas do autor. Dieste concibirá espazo e tempo como faccións incardinadas de realidade en relación de “sub-ordinación recíproca” (ev, p. 229): o espazo como ámbito de distribución de contidos obxectuais de realidade e o tempo como valor de permanencia e continuidade de ditos contidos.

Secasí, sobre o movemento recae a razón ontolóxica e con-ciencial de disposición de contidos de realidade na súa referen-cia espazo-temporal. Cumpre, pois, unha función esencial, en

Page 37: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

¡ 37

canto lle corresponde a tarefa de comparecencia, lexitimación e individuación dos obxectos da realidade. O movemento de-termina deste xeito as características principais da nosa forma de participación na realidade, por canto descubrirá unha orde de homoxeneidade e permanencia na disposición dos obxectos sobre o fondo espazo-temporal da realidade. O movemento permítelle a Dieste culminar o programa xeométrico coa gran-de conclusión que resume os tres tratados: a afirmación da dis-posición dos obxectos da realidade de acordo a propiedades de homoxeneidade, continuidade e permanencia. Esta razón subxacerá ao feito incontestable para Dieste de que sexamos quen de intuír de maneira euclídea, é dicir, o feito de que a métrica do mundo que se dá á nosa intuición usual encaixe naturalmente coas cualidades estables da métrica euclídea.

Con este libro, pretendemos achegar os contidos e signifi-cados principais dos tratados xeométricos de Dieste, desde as claves de referencia filosófica que vimos anunciar. Deste xeito, é a nosa intención demostrar de que maneira o filosofema das paralelas promove en Dieste unha investigación sobre asuntos propios da natureza esencial do mundo e do ser humano, no camiño de vertebración dunha cosmodicea coextensa co resto da súa obra. Como veremos, a xeometría non constitúe unha sección pechada da produción diesteana, senón en aberta con-fluencia con algúns puntos de referencia do seu pensamento. A xeometría, así o drama e a poesía, acode á creación diesteana para dar “testimonio de una luz y de un orden” (qea, p. 5), consagrada á apertura do mundo e á ampliación e totaliza-ción do horizonte da realidade desde a mesma vocación ética, espiritual e vital que mediatiza o resto da súa produción. A “inesperada” triloxía xeométrica non debe ser vista como un excurso ancilar no conxunto da súa obra nin tampouco como aséptico recreo matemático, senón parte dunha preocupación

Page 38: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

38 ¡

íntegra de raíz común a outros escritos, o que singulariza a figura autorial no seu paradigma xeracional ou, se se prefire, periodolóxico.21

A xeometría, pois, é algo máis que unha veleidade contra-puntística e estética do autor maduro. Antes que unha “manía extemporánea”, é expresión clara dunha necesidade raciovital do autor común ao resto da súa produción (Casas 1995a: 8), unha variación da empresa de coñecemento que o autor em-prende noutros textos de especulación filosófica como Luchas con el desconfiado, Diálogo de Manuel y David ou Tablas de un naufragio ou mesmo nos de reflexión estética ou teatral. A aporía das paralelas concita no autor unha pesquisa sobre a na-tureza ontolóxica do espazo, como preocupación nuclear, e as súas relacións coa realidade, a verdade e a experiencia, asema-de que, a par, convoca unha reflexión respecto da delimitación dos perfís poético e gnoseolóxico do ser humano.

Por este motivo, no presente traballo procuraremos non só abordar os eixos temáticos principais que capitalizan e orde-nan os significados da obra xeométrica diesteana, senón que tamén se buscará o establecemento de canles de comunicación co resto da súa produción ensaística e literaria. Con isto quere-mos evitar a posibilidade de cinguir a lectura dos tres tratados ao atrevemento das “demostracións” do v Postulado de Eucli-des que Dieste chega a dar. Os traballos xeométricos cumpren unha función fulcral no todo dos seus textos, nunha persoal cosmovisión na que a xeometría recibe igual peso que a esté-tica, a poética ou a dramática. Contra a torsión temática que parece supoñer, a aventura xeométrica implica, como soube-ron ver Otero Espasandín, Zaid ou García-Sabell, un exercicio unitario co resto da súa obra, unha nova faceta que de ningún modo refunda ao pensador, senón que convoca baixo o signo xeométrico as mesmas coordenadas que acaen para o conxun-

Page 39: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

¡ 39

to da súa escrita. A xeometría como vivencia e como empresa especulativa non é allea ao logos actuante e comprometido que define a maneira intelectual de Dieste, senón que acode como reacción autorial e creativa no camiño da obtención dunha delimitación precisa do mundo e do lugar que nela ocupa o ser humano. Pretendemos amosar de que maneira a obra xeométrica, a cal permaneceu sen un estudo mínimo sobre as súas significacións e contidos, encaixa no resto das dedicacións autoriais de Dieste, de que xeito valida argumentos doutros momentos creativos e como é que complementa o rastro do seu pensamento. Buscamos, en definitiva, indagar no tecido común de Rafael Dieste, exerza como xeómetra, como poeta ou como dramaturgo e, ao cabo, dar conta da súa forma pro-pia, heteroxénea pero urdida e unitaria. Observouno así Ga-briel Zaid tras a publicación de Nuevo tratado del paralelismo (nº 29 de Galicia emigrante, 1957), ao declarar:

Acaba de aparecer el Nuevo tratado del paralelismo, que da un rumbo imprevisto —aunque tal vez sólo en apariencia— a la múltiple obra de Rafael Dieste [...] no ha de extrañar, a quien co-nozca el ámbito de su obra, y la refiera no a esquemas categóricos sino a la fiel unidad de un proceso íntimo, vital, comunicativo [...] He aquí un poeta que va cantando siempre lo de siempre, ya con versos o apólogos, ya con farsas, relatos o discursos, ya con figuras lógicas o geométricas. (Zaid 1957, 1991: 177)

Page 40: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

40 ¡

Page 41: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste

¡ 41

A xóuxere é un proxecto baseado na resistencia creativa e no entendemento do comunitario como proceso

substancial de interligazón humana. Non obstante, para poder seguir editando precisamos uns recursos difíciles de atopar hoxe en día. Por esa razón (fieis aos nosos principios) se alguén está interesado en ter o pdf completo deste libro, e non dispón de recursos para mercar un exemplar nunha libraría ou no nosa tenda on-line, que nos escriba ao enderezo [email protected]; sen problema enviaremos un pdf a quen o precise e non teña medios para conseguir o libro físico. Non embargantes, se podedes axudar a que o proceso Axóuxere siga funcionando, estarémosvos agradecidos de que mercásedes un exemplar. Só así outros libros coma este poderán chegar a ser editados por nós.

Obrigad@s.

Rianxo / Compostela, 2015

Page 42: Dos arquivos xeometricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste