O PATIO FIRMAS - Nontedurmasblogs.nontedurmas.org/anpariolerez/wp-content/... · Este" "proxecto...
Transcript of O PATIO FIRMAS - Nontedurmasblogs.nontedurmas.org/anpariolerez/wp-content/... · Este" "proxecto...
MANUEL VIDAL PORTELA 1
O PATIO DURMIDO CEIP. MANUEL VIDAL PORTELA
Xuño 2019
MANUEL VIDAL PORTELA 2
ESTADO ACTUAL DO PATIO
CEIP Manuel Vidal Portela
As nais e pais da ANPA do CEIP Manuel Vidal Portela consideramos que o espazo exterior da escola é unha das cartas de presentación dun colexio, do seu proxecto educativo real, o que se vive na escola. Os espazos e os recursos que se ofrecen son un espello onde se reflicten a filosofía, os valores e as concepcións sobre o ensino e a aprendizaxe do centro.
Dende a ANPA cremos firmemente que o patio dun centro debería de ser un espazo pedagóxico máis, que permita aos nosos fillos e fillas educarse a través da interacción social, o descobremento e a experimentación; en contacto directo coa terra, as prantas e os insectos.
No patio os nosos fillos conviven e xogan ao tempo que aprenden a ser sociais e autónomos e de xeito indirecto, comprenden o concepto de espazo común e como éste debe de ser compartido e coidado por toda a comunidade educativa.
Neste senso, entendemos que o CEIP Manuel Vidal Portela vive unha profunda distorsión entre o seu proxecto educativo e as condicións e aspecto xeral das súas instalacións.
MANUEL VIDAL PORTELA 3
Como se pode aprezar nas imaxes, o patio exterior presenta un estado de precariedade desolador, unha imaxe que pouco se corresponde coa que debería de ter un espazo educativo público destinado aos cativos. A zona de columpios resulta sucia, deteriorada e insegura. O chan está desgastado e quebrado, os columpios rotos e en mal estado e en xeral, todo amosa un aspecto deslucido, falto de mantemento e limpeza.
MANUEL VIDAL PORTELA 4
Tampoco axuda o feito de que todo este espazo quede enmarcado polo muro que compartimos coa vivenda colindante, e que amosa o aspecto que podemos ver nas fotos. Estas imaxes non poden nin deben corresponderse coas instalacións dun CEIP, onde se debe promover o amor pola limpeza, o coidado e o respecto ao entorno, así como o sentir de comunidade e de centro.
Froito de todas estas reflexións compartidas polas familias, a comunidade educativa e a dirección do centro, xorde este proxecto de proposta para solicitar a renovación das instalacións e a mellora do aspecto exterior do patio do CEIP Manuel Vidal Portela.
Temos o firme propósito de convertir esta situación de inseguridade e abandono nunha palanca de cambio que nos axude a convertir o patio nun lugar de aprendizaxe, un espazo dinámico, inclusivo, seguro e atractivo para os rapaces, as familias e a veciñanza.
MANUEL VIDAL PORTELA 5
O PATIO SOÑADO
O noso patio é un espazo cun potencial impresionante, pola pola súa ubicación, a súa amplitude, as árbores que ten…, pero dito potencial debe ser desenvolvido. O obxectivo das nosas propostas é precisamente desenvolver esse potencial: poder trasladar a vida da aula ao exterior, ofrecer espazos e elementos naturais que propicien a aprendizaxe e o sentido de comunidade, fomenten a curiosidade e a exploración do contorno.
Entendemos que este cambio revertirá significativamente no benestar físico e mental dos nosos fillos e fillas, pero tamén da comunidade educativa no seu conxunto e no atractivo da nosa escola para a sociedade pontevedresa.
MANUEL VIDAL PORTELA 6
SUXESTIÓNS PARA UNA MELLORA DO PATIO
PROPOSTA 1º. SOLO DO PATIO
Plano de distribución do patio CEIP Manuel Vidal Portela. Fonte: Google Maps
Propostas de mellora do estado do patio a nivel horizontal:
§ Restauración e/ou substitución dos distintos tipos de pavimentos presentes no terreo para mellorar o seu aspecto e consistencia. A terra é un elemento que ten un peso especifico no patio, pero consideramos que cómpre facer unha actuación para compactar o terreo e así evitar a formación de grandes charcos que o fan impracticable durante os meses de inverno. Asemade, propoñemos a substitución do pavimento amortiguado da zona dos columpios e a instalación dun novo.
Mantemento periódico das zonas axardinadas. Para acadar un cambio real do patio non só precisamos novas instalacións, é imperativo un compromiso real que garanta unha regularidade no mantemento e a limpeza das zonas axardinadas.
MANUEL VIDAL PORTELA 7
PROPOSTA 2º. O MURAL
Liñas de actuación:
§ Limpeza e acondicionamento do muro común cos edificios anexos (Rúa Cruz Vermella) ao patio en toda a súa extensión.
§ Decoración de parte do muro con motivos figurativos e coloristas para evitar mellorar o seu aspecto e evitar o vandalismo. A imaxe que acompaña este proxecto non é máis que un exemplo de actuación no que predominaría o emprego da cor e a ilustración figurativa. Con este boceto queremos pór en relieve cómo cambiaría o aspecto xeral do patio.
§ Para o tramo do muro que continúa pola Rúa Cruz Vermella (que está feito de bloques) propoñemos a creación dun xardín vertical composto, por exemplo, por enredadeiras de diferentes tonalidades.
MANUEL VIDAL PORTELA 8
PROPOSTA 3º. AULA DA NATUREZA
Creación dunha aula de natureza, constituída por un pequeno invernadoiro e unha horta urbana. Este proxecto viría a complementar a instalación do composteiro escolar posto en marcha neste curso 2018/19.
O desenvolvemento deste proxecto precisaría da implicación e participación de toda a comunidade educativa, para garantir a súa continuidade e desenvolver todo o potencial educativo destas ferramentas (concienciación ambiental, responsabilidade social, economía, ciencias da natureza...)
MANUEL VIDAL PORTELA 9
PROPOSTA 4º. ZONA DE XOGO
En liña co que se está a facer en moitos centros públicos do territorio nacional e tamén da nosa comunidade, propoñemos aproveitar a oportunidade que se nos presenta para repensar o espazo do patio, a través dunha distribución concebida para favorecer distintos tipos de aprendizaxes, relacións e encontros.
As nosas propostas pasan pola renovación dos columpios e a instalacións doutros equipamentos de carácter lúdico e educativo, coma un rocódromo, unha casiña nova, montañas a desnível, pinturas interactivas... Tamén queremos propor a creación, xunto coas tradicionais zonas de xogo de pelota, dunha zona de xogos tradicionais e/ou dun espazo para xogos de taboleiro ou de lectura ao aire libre.
Queremos que o patio do CEIP Manuel Vidal Portela sexa un espazo dinámico, inclusivo e igualitario, no que convivan diversos xeitos de xogar e interactuar.
MANUEL VIDAL PORTELA 10
CONCLUSIÓNS
Este proxecto tan ilusionante atópase na fase inicial de desenvolvemento, por iso dende a ANPA Río Lérez agradecemos todas as achegas e propostas que se fagan para a realización do mesmo.
Apreciamos especialmente a colaboración do claustro e da equipa directiva, xa que son os que verdadeiramente coñecen as instalacións do centro e o seu potencial, batallando a diário coas deficiencias do edificio.
Traballando todos xuntos (familias, claustro e equipa directiva) poderemos acadar unha resposta positiva por parte das Administracións e conseguir darlle un cambio ao noso centro.
“El patio de la escuela, de la mayoría de escuelas, parece una plaza de toros, un lugar adecuado para descargar las energías que se han cargado demasiado en actividades no reconocidas y no aceptadas por los niños. Me gustaría una escuela sin recreo, porque si en las escuelas se aprendiera jugando, no haría falta que los niños se desahogaran”.
Francesco Tonucci
MANUEL VIDAL PORTELA 11
Se consideras necesaria unha intervención no patio do CEIP Manuel Vidal Portela e estás conforme coas propostas que neste proxecto se recollen, axúdanos asinando o presente documento. ¡Grazas polo teu apoio! ¡Tamen podes axudar facéndote socio da ANPA Río Lérez!
NOME APELIDOS DNI SINATURA